Atlas Lingüístico Románico
O Atlas Lingüístico Románico (ALiR) é un proxecto de xeolingüística supranacional que recolle diferentes mapas, cos seus correspondentes comentarios, nos que se reflicten os trazos comúns e distintivos de cada unha das linguas románicas europeas.
Orixes do proxecto
editarO Atlas Lingüístico Románico xurdiu a partir da creación doutros atlas precedentes, que recollían datos correspondentes a diferentes dominios lingüísticos.
Un dos primeiros foi o Atlas Linguistique de la France (ALF), levado a cabo entre 1897 e 1901 por Jules Gilliéron e Edmond Edmont, no que se recolleron datos achegados por 735 informadores pertencentes a 639 puntos da Francia metropolitana. O atlas posúe, en total, 1920 mapas, nos que están incluídas as distintas linguas galorrománicas. Anos máis tarde, no ano 1950, realizouse o Nouvel Atlas Linguistique de la France par Régions, no que se incluíron datos relativos a rexións non galorrománicas, como Córsega ou o País Vasco. Outros atlas xurdiron anos despois, coma o Atlas Lingüístico Galego (ALGa), entre 1974 e 1977, ou o Atlante Linguistico Italiano (ALI), no ano 1990[1].
A partir de todos eles, xurdiu o interese de elaborar un atlas moito máis amplo que os abranguese todos, e é así como nace o Atlas Linguarum Europae (ALE), no ano 1970, o primeiro atlas supranacional de segunda xeración. Pódese afirmar que o Atlas Linguarum Europae foi o xerme do Atlas Linguistique Roman, nacido a partir da colaboración dos romanistas das diversas áreas lingüísticas e das sínteses románicas publicadas polo Centro de Dialectoloxía de Grenoble. De feito, o presidente do ALE forma tamén parte do comité do ALiR[1].
Características do ALiR
editarFontes
editarPara a elaboración dos mapas e das súas correspondentes sínteses, o ALiR baseouse nos datos xa existentes en mapas, dicionarios ou glosarios dos diferentes ámbitos románicos, publicados ou non. Tal e como se indica no primeiro volume (Tuaillon e Contini, 1996), as fontes utilizadas foron as seguintes[1]:
- Ámbito galorrománico: dentro deste dominio empregáronse o Atlas Linguistique de la France, o Nouvel Atlas Linguistique de la France par Régions, o Atlas Linguistique de la Wallonie (ALW), os Tableaux Phonétiques des Patois Suisses Romands (TP) e o Glossaire des Patois de la Suisse Romande.
- Ámbito italorrománico: para o dominio italorrománico empregáronse o Atlante Linguistico Italiano (ALI), o Atlas Linguistique et ethnographique de l’Italie et de la Suisse méridionale (AIS), o Atlante Storico-Linguistico-Etnografico Friulano (ASLEF), o Atlas Linguistique de la France (para o territorio corso), o Atlante Linguistico Etnografico Italiano della Corsica (ALEIC), o Saggio di un Atlante Linguistico della Sardegna e o Vocabolario dei dialetti della Svizzera italiana.
- Ámbito íberorrománico: neste caso empregáronse atlas correspondentes aos diferentes dominios lingüísticos do territorio. Así, para o catalán empregáronse o Atlas Linguistic de Catalunya (ALC) e o Atles Lingüístic del domini català (ALDC); para o castelán empregáronse o Atlas Lingüístico y Etnográfico de Andalucía (ALEA), o Atlas Lingüístico y Etnográfico de Aragón, Navarra y Rioja (ALEANR), o Atlas Lingüístico y Etnográfico de las Islas Canarias (ALEICan), o Atlas Lingüístico y Etnográfico de Cantabria (ALECant) e o Atlas Lingüístico y Etnográfico de Castilla-La Mancha (ALECMan); para o galego o Atlas Lingüístico Galego (ALGa) e para o portugués foron relevantes os datos achegados polo Atlas Lingüístico de España y Portugal.
- Ámbito retorrománico: un atlas foi empregado de xeito específico para este territorio, o Dicziunari Rumantsch Grischun (DRG).
- Ámbito rumano: os atlas empregados neste territorio foron o Noul Atlas Lingvistic Român pe regiuni, o Atlasul Lingvistic Moldovenesc, o Atlasul Lingvistic Român, o Atlasul Lingvisctic aromân e o Meglenorumänischer Sprachatlas.
Obxectivo e metodoloxía
editarO obxectivo que persegue o ALiR é ofrecer unha visión en conxunto das linguas da Romania dende un punto de vista léxico, fonético e fonolóxico e morfosintáctico. Para iso, acordouse escoller un certo número de termos pertencentes aos seguintes campos léxicos: insectos, animais domésticos e salvaxes, flora, natureza e fenómenos atmosféricos, o ser humano e o traballo no campo[1].
Cada un dos mapas do ALiR vai acompañado dunha síntese e dun pequeno comentario, no que se analizan aspectos etimolóxicos, morfolóxicos etc. Este documento, elaborado por un ou varios romanistas, é o resultado da unión das distintas sínteses nacionais, creadas polo comité do territorio en cuestión. Así, o resultado final é unha síntese románica que agrupa as distintas formas lingüísticas empregadas no territorio románico para un mesmo termo[1].
Organigrama do ALiR
editarO ALiR é un traballo de realización colectiva, cuxa sede central se atopa no Centro de Dialectoloxía da Universidade Stendhal, en Grenoble, que se encarga de coordinar a todos os comités nacionais. Ademais desta institución, existe tamén un comité internacional formado por destacados romanistas, pertencentes a tódolos ámbitos lingüísticos estudados[1].
Actualmente, o organigrama do proxecto segue a estrutura que presentamos a continuación[1]:
- Director: Michel Contini
- Presidente: Joan Veny
- Vicepresidentes: Pilar García Mouton e Nicolae Saramandu
- Directores adxuntos: Lorenzo Massobrio e João Saramago
- Coordinadora científica: Elisabetta Carpitelli
Publicacións do ALiR
editarEste proxecto conta con tres volumes publicados, cada un deles con diferentes mapas e cos seus correspondentes comentarios[1]:
- Atlas Linguistique Roman, vol. I (1996), (2 tomos, 14 mapas)
- Atlas Linguistique Roman, vol. II.a (2001), (1 tomo, 24 mapas)
- Atlas Linguistique Roman, vol. II.b (2009), (2 tomos, 20 mapas)
Non obstante, o proxecto contempla a realización dun total de once volumes[1]:
- Volume de presentación
- Insectos e pequenos animais salvaxes
- Outros animais salvaxes
- Flora salvaxe
- A natureza e os fenómenos atmosféricos
- O ser humano: corpo, enfermidades e ciclos da vida
- Os traballos do campo: ciclo dos cereais
- Os animais da granxa
- Fonética histórica
- Fonoloxía
- Morfosintaxe
A base de datos do ALiR
editarPara que a información contida nos diferentes volumes do ALiR puidese ser consultada na súa totalidade dixitalmente, dende o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades levouse a cabo a creación dunha base de datos para o Atlas Lingüístico Románico. O proxecto está dirixido por Manuel González González, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e responsable da redacción das sínteses galegas do ALiR.
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Tuaillon, Gaston e Contini, Michel. (1996). Atlas Linguistique Roman (ALiR). Vol. I (présentation) (en francés). Roma: Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato.