Asociación Americana de Arbitraxe

A Asociación Americana de Arbitraxe (inglés: American Arbitration Association, AAA) é unha organización sen ánimo de lucro no eido dos mecanismos alternativos de resolución de conflitos (MARC) que proporciona servizos a individuos e organizacións que desexan resolver conflitos fóra dos tribunais, e unha das moitas organizacións de arbitraxe que realiza procedementos de arbitraxe. A AAA tamén realiza mediacións a través da súa páxina web específica e outros mecanismos alternativos de resolución de conflitos. Ten a súa sede central en Nova York, con oficinas rexionais en Atlanta, Boston, Charlotte, Chicago, Dallas, Denver, Detroit, East Providence, Fresno, Houston, Los Ángeles, Miami, Minneapolis, Nova York, Filadelfia, Phoenix, San Antonio, San Diego, San Francisco, Seattle, Somerset e Washington, DC.

O Centro Internacional para Resolución de Disputas (inglés: International Centre for Dispute Resolution, ICDR), fundado en 1996 pola AAA, realiza procedementos de arbitraxe internacional iniciados seguindo as normas da institución. En 2018, o ICDR tiña oficinas en Bahrein, Cidade de México, Nova York e Singapur .

HistoriaEditar

A AAA foi fundada en 1926 da unión da Sociedade de Arbitraxe de América (inglés: Arbitration Society of America) e a Fundación de Arbitraxe (inglés: Arbitration Foundation) para proporcionar solución a conflitos e evitar a vía xudicial.[1]

Moitos contratos nos EUA inclúen unha cláusula arbitral na que se designa á AAA como a organización que administrará arbitraxe entre as partes. A AAA non arbitra directamente os conflitos, senón que proporciona apoio administrativo ás arbitraxes antes da designación dun árbitro ou un tribunal de tres árbitros. Os árbitros escóllense de acordo coas partes, ou, se as partes non chega a un acordo, escóllense seguindo as normas da AAA.

A función da AAA no proceso de resolución de conflitos é a de xestionar os casos dende a apertura ata a finalización. A AAA proporciona servizos administrativos nos EUA, así como no estranxeiro a través do ICDR. Os servizos administrativos da AAA e do ICDR inclúen asistencia na designación de mediadores e árbitros, fixando audiencias, levando casos segundo o Regulamento de Arbitraxe da Comisión das Nacións Unidas para o Dereito Mercantil Internacional (UNCITRAL, polas súas siglas en inglés), e albergando audiencias no seu centro de audiencias. Tanto a AAA como o ICDR proporcionan aos usuarios información sobre as distintas opcións en resolución de conflitos, incluídos os acordos a través da mediación. O obxectivo da AAA e o ICDR é levar os casos de arbitraxe ou mediación dun xeito xusto e imparcial até a conclusión dos mesmos.

Outros servizos da AAA inclúen o deseño e desenvolvemento de sistemas de resolución alternativa de conflitos para empresas, sindicatos, axencias gobernamentais, despachos de avogados e tribunais. A Asociación tamén proporciona servizos electorais, así como formación, prácticas e publicacións para aqueles que buscan información sobre resolución alternativa de conflitos.

En xullo de 2009, a AAA deixou de aceptar casos de cobro de débedas de consumidores despois de que o Foro Nacional de Arbitraxe fora obrigado a deixar de aceptalos despois da aparición de dúbidas sobre a imparcialidade dos seus procesos.[2]

En abril de 2013, o Departamento de Servizos Financeiros do Estado de Nova York contratou á AAA para celebrar sesións de mediación entre compañías de seguros e afectados do Furacán Sandy.

A AAA promove de forma activa por todo o mundo o uso da mediación, incluíndo a súa participación como co-fundadora en 2007 e membro da xunta directiva do Instituto de Mediación Internacional, con sede nos Países Baixos.

NotasEditar

  1. "American Arbitration Association". NNDB. Consultado o 23 de setembro de 2021. 
  2. Goodwyn, Wade; Brand, Madeleine (22 de xullo de 2009). "Top Arbitration Firms Exit Business". NPR. Consultado o 23 de setembro de 2021. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar