Asilo das Madalenas

institución relixiosa para mulleres

Os asilos das Madalenas,[1] tamén coñecidos coma lavandarías das Madalenas,[2] foron, nos seus inicios, institucións protestantes, conversas logo maioritariamente en institucións católicas, que operaron dende o século XVIII ata finais do século XX, ostensibelmente para acoller ás chamadas "mulleres caídas". Este termo referíase á promiscuidade sexual feminina ou a traballadoras sexuais, así como a rapazas que quedaban encinta fóra do matrimonio ou a nenas e adolescentes que carecían de apoio familiar. Estímase que, ao redor dunhas 30 000 mulleres foron internadas nestas institucións durante os 150 anos da súa historia, polo xeral, en contra da súa vontade.[3]

Asilo das Madalenas
Un asilo irlandés, a comezos do século XX.
Nomeado en referencia aMaría Magdalena
PaísReino Unido
Irlanda
Canadá
Estados Unidos
Suecia
Australia
editar datos en Wikidata ]

Moitas destas "lavandarías" funcionaban eficazmente coma casas de traballo penitenciarias. Os réximes estritos nestas institucións eran a miúdo máis severos ca os atopados nas prisións. Isto contradicía a percepción de que estaban destinadas a axudar ás mulleres no canto de castigalas. Unha sobrevivente describiu as condicións de traballo: "A calor era incríbel. Non podías deixar o teu posto ata que soara unha campá."[4] Lavandarías coma estas operaron no Reino Unido, Irlanda, Suecia, Canadá, Estados Unidos e Australia durante boa parte do século XIX e ben entrado o século XX, pechando a derradeira en 1996.[5] As institucións levaban o nome da figura bíblica de María Madalena.

A primeira institución de Madalena fundouse a finais de 1758 en Whitechapel, Inglaterra. Unha institución similar foi logo estabelecida en Irlanda en 1767.[6] O primeiro asilo de Madalena nos Estados Unidos foi a "Magdalen Society of Philadelphia", fundada en 1800. Todas estas eran institucións protestantes. Outras cidades seguiron este exemplo, especialmente a partir de 1800, tamén coa abertura de institucións católicas. Nos séculos 19o e principios do 20o, os asilos de Madalena eran comúns en varios países.[7] Para o ano 1900, había máis de trescentos asilos en Inglaterra e máis de vinte en Escocia.[8]

Por país

editar

Inglaterra, Escocia e Gales

editar

A primeira institución de Madalena, o "Magdalen Hospital for the Reception of Penitent Prostitutes", foi fundada a finais de 1758 en Whitechapel, Londres, por Robert Dingley, un comerciante de seda, Jonas Hanway e John Fielding. As mulleres traballaban en servizos e artesanías para axudar a proporcionar apoio financeiro á casa, recibindo tamén, unha pequena suma de diñeiro polo seu traballo. Xerábanse ingresos adicionais promovendo a casa coma unha atracción turística para as clases altas da época. Horace Walpole, IV Conde de Orford, describiu haber organizado un destes espectáculos.[9] Isto era acorde coas visitas ao "Bethlem Royal Hospital" e ao "Foudling Hospital". Máis tarde, a institución trasladouse a Streatham, tamén en Londres, onde eventualmente puido acoller a unhas 140 mulleres, admitidas entre as idades de 15 e 40 anos. A cidade de Bristol foi a seguinte en albergar outra institución en 1800, onde houbo espazo para 40 mulleres, seguida pola cidade de Bath en 1805 e moitas outras cidades nos anos vindeiros, aínda que os seus nomes, na súa maioría, xa non incluían "Madalena".[6] Os historiadores estiman que para finais do século XIX, había máis de 300 institucións de Madalena só en Inglaterra.[10]

En 1797, fundouse o "Edinburgh Royal Magdalene Asylum" en Canongate, na cidade vella de Edimburgo, unha localización popular para as prostitutas.[3] Algunhas das mulleres foron atraídas á cidade pola industrialización, estando algunhas delas embarazadas ou habendo sido forzadas á prostitución anteriormente. Mary Paterson, tamén coñecida coma Mary Mitchell, foi asasinada por William Burke pouco despois de abandonar a institución o 8 de abril de 1828.[11] O asilo trasladouse a Darly, outra zona de Edimburgo, ao redor de 1842. O programa foi apoiado en parte polo traballo de lavandaría e costura realizado polas residentes. En Glasgow, os asilos das Madalenas convertéronse nos "institutos das Madalenas", que funcionaron ata 1958.

O escritor Charles Dickens e a filántropa Angela Burdett-Coutts, estabeleceron unha alternativa en 1846, pensando que os hospitales das Madalenas eran estritos de máis. Na "Urania Cottage", as rapazas preparábanse para reinserirse na sociedade ou para emigrar ás colonias.[12]

  1. En inglés: Magdalene Asylums.
  2. En inglés: Magdalene Laundries.
  3. 3,0 3,1 Campsie, Alison. "Scotland's Magdalene Asylums for "fallen women"". 
  4. Reilly, Gavan. "In their own words: Survivors' accounts of life inside a Magdalene Laundry". TheJournal.ie. 
  5. Culliton, Gary. "LAST DAYS OF A LAUNDRY". 
  6. 6,0 6,1 Finnegan, Frances (2001). Do Penance or Perish: A Study of Magdalene Asylums in Ireland. ISBN 0-9540921-0-4. 
  7. Smith, James M. (2007). Ireland's Magdalen Laundries and the Nation's Architecture of Containment. ISBN 978-0-7190-7888-0. 
  8. "Magdalen Hospital for the Reception of Penitent Prostitutes". Archived from the original on 01 de decembro de 2016. Consultado o 04 de xullo de 2024. 
  9. McCarthy, Rebecca Lea (2010). Origins of the Magdalene Laundries: An Analytical History. ISBN 9780786455805. 
  10. "History of the Magdalen Laundries and institutions within the scope of the Report" (PDF). 
  11. Rosner, Lisa (2010). The Anatomy Murders. ISBN 978-0-8122-4191-4. 
  12. Tomalin, Claire. "The house that Charles built".