Arde Lucus

festa celebrada en Lugo

O Arde Lucus (tamén escrito como Arde Lvcvs) é unha festa celebrada en Lugo a finais do mes de xuño que revive o pasado romano e castrexo da cidade amurallada e que xurdiu para conmemorar a declaración da Muralla coma Patrimonio da Humanidade no ano 2000.[1] Chegou a xuntar nas súas dúas últimas edicións preto dun millón de participantes. En 2017 foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional.

Arde Lucus
Ofreda ó deus Vulcano
Datos da festa
Nome oficialArde Lvcvs
TipoHistórico
Datafinais do mes de xuño
ConcelloLugo
OrganizadorConcello de Lugo
Participantes
  • Cohors III Lucensium
  • Terra Copora
  • Lugdunum
  • Civitas Lucensis
  • Tír na nÓg
  • Caetra Lucensium.
  • Motivodeclaración da Muralla coma Patrimonio da Humanidade no ano 2000[1]
    Significadorevive o pasado romano e castrexo da cidade de Lugo
    Costumestenta evocar a antiga Lucus Augusti do século III
    Relacionada conMuralla de Lugo
    RecoñecementosFesta de Interese Turístico Galego (2011)
    Na rede
    http://www.ardelucus.com
    Forte romano na Praza Maior.

    Dende abril de 2011 é Festa de Interese Turístico Galego. A edición de 2013 celebrouse os días 14, 23 e 16 de xuño e ofreceu como novidade principal a participación de Arsdimicandi, un grupo de especialistas gladiadores procedentes de Bérgamo que participaron en series de televisión como Roma. A moeda oficial desta edición foi o Ás.

    Historia

    editar
    Véxase tamén: Historia de Lugo.

    Esta festa que, tenta evocar a antiga Lucus Augusti do século III, comezouse a celebrar no ano 2000,[2][3][4] medrando ano tras ano o número de persoas caracterizadas coas vestimentas típicas da época e visitantes, chegando no ano 2009 aos 460.000 participantes e deixando uns ingresos na cidade duns 10 millóns de euros.

    Cómpre destacar que ademais o concello conta coa colaboración de diversas asociacións para a celebración e ambientación do festexo, encargándose elas mesmas de moitas das actividades, como Cohors III Lucensium, Terra Copora, Lugdunum, Civitas Lucensis, Tír na nÓg ou Caetra Lucensium.

    En 2012 as novidades foron a creación dun senado romano, as xornadas gastronómicas Ars Magirica, ciclos de conferencias a cargo de historiadores e arqueólogos, venda de produtos oficiais como fibelas, vasos ou alfinetes ou a posibilidade de acuñar de moedas no propio campamento, ese ano o sestercio. Pola súa banda, a ONCE anunciou á posta a venda dun cupón especial ilustrado coa imaxe oficial do Arde Lucus, coa aguia sobre o lume, e co texto: «Arde Lucus. Lucus Augusti renacerá de novo».

    Actividades

    editar
     
    Posto do Macellum.
     
    Desfile polas rúas da cidade.

    As actividades mesturan o pasado romano da cidade, que tamén "abre as portas" á celebración dos ritos celtas dentro das murallas.

    • Macellum

    Un mercado artesanal onde se ofrecen produtos típicos típicos da época, ademais de espectáculos de maxia, malabares e música. É o principal punto de reunión dentro da festa, con diversos desfiles e espectáculos. Sitúase na Praza Maior.

    • Castra

    Son unha serie de campamentos que teñen que montar os propios participantes, xa sexan grupos de particulares ou asociacións, onde os residentes no mesmo deben de morar ataviados coas vestimentas e obxectos típicos da época. Na súa última edición os campamentos foron situados no Carril das Estantigas, no interior da muralla. Ademais cada campamento pode realizar as súas propias actividades, sempre abertas ao público en xeral. Sinalar que os campamentos poden ser tanto romanos coma galaicos.

    • Circus

    O circo romano ten lugar no Parque de Rosalía de Castro, onde se celebran actividades rememorando aos antigos circos romanos, con pelexas de gladiadores, carreiras de cuadrigas e outros espectáculos romanos.

    • Vodas celtas e romanas

    Nesta actividade as parellas pódense casar polo antigo rito celta, unión amorosa que durará até o seguinte ano, onde os namorados poden decidir se renovan ou non os seus votos (concretamente é a muller a que decide se quere renovar a unión). Se o casamento se renova durante sete anos seguidos a unión pasa a ser definitiva. Coma proba da celebración, os noivos reciben un certificado de casamento. A voda romana é máis "definitiva".

    • Teatro

    En numerosos puntos da cidade pódense atopar obras de teatro de todo tipo, dende comedias a os clásicos dramas, nas que moitas veces os viandantes pasan a formas parte da propia obra.

    • Queima da muralla

    Nesta actividade recréase o asedio a unha cidade romana, mais pese ao seu nome celébrase no xa mencionado Parque de Rosalía e non na muralla da cidade, contando coa participación de tódalas asociacións e múltiples voluntarios.

    • Comilonum

    É un gran banquete ao aire libre, onde as mesas son colocadas ao redor da muralla romana. Na edición de 2009 foi substituído pola Tabernae, un comedor localizado na praza da Soidade.

    • Outras actividades

    Ademais das anteriores destacan outras moitas actividades como as bacanais, a colocación de sentinelas nas portas da muralla, batallas entre galaicos (celtas) e romanos, espectáculos de maxia, desfiles coas caracterizacións, xogos romanos, pelexas de gladiadores, diferentes actividades para divulgar as tradicións galaicas (celtas) e romanas, cabalgatas, venda de escravos, vodas romanas, instrución militar romana en latín polas rúas da cidade, diferentes exhibicións ou os diferentes concertos.

    Asociacións

    editar

    As asociacións que colaboran na realización da festa son:[5]

    • Caetra Lucensium. Asociación que recrea o mundo romano en Lucus Augusti do xeito máis fiel posible.
    • Civitas Lucensis. O seu obxectivo é introducir aos nenos na historia de Lugo, tentando amosar a convivencia en harmonía entre as culturas castrexa e romana.
    • Cohors III Lucensium. Dispón de socios por distintas localidades que reproducen a vida romana no país, así como dos diferentes pobos da diocese de Lucus Augusti.
    • Cohors Lvcensium Praetoria. Fundada en 2013, está inspirada na Garda Pretoriana.
    • Lucus Equites. Asociación fundada en 2011, adicada principalmente aos romanos, procura recrear a historia e divulgar os coñecementos históricos da época.
    • Lugdunum. Asociación adicada principalmente a recrear a vida dos celtas.
    • Senatus Lucus Augusti. Fundada en 2012, adicanse a recrear teatralmente a un Senado local.
    • Terra Copora. Adoita representar a comuñón entre as culturas romana e castrexa, tentando facer unha achega sobre o seu día a día.
    • Tír na nÓg. O nome provén do irlandés a Terra dos Mozos, unha illa lendaria onde vivían seres como os Tuatha Dé Danann. Organiza diversas actividades de animación e obradoiros, así como recreación histórica.
    • Trebas Galaicas. Asociación fundada en 2011, para a edición de 2012 construíron o Castro do Medulio.

    Galería de imaxes

    editar
    1. 1,0 1,1 "Arde Lucus MMVIII". Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2016. Consultado o 24 de decembro de 2016. 
    2. "Páxina "Casa de Galicia-Turismo"". Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2011. Consultado o 30 de xuño de 2009. 
    3. "O Arde Lucus deixa uns ingresos de 10 millóns". Arquivado dende o orixinal o 05 de outubro de 2011. Consultado o 30 de xuño de 2009. 
    4. Acaba un Arde Lucus no que máis de 460.000 persoas botáronse á rúa en tres días Arquivado 01 de xullo de 2010 en Wayback Machine., nova en El Progreso o 27 de xuño de 2010.
    5. "Asociacións". Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2013. Consultado o 14 de xuño de 2013. 

    Véxase tamén

    editar

    Ligazóns externas

    editar