Anna Freud, nada en Viena o 3 de decembro de 1895 e finada en Londres o 9 de outubro de 1982, foi unha psicanalista austríaca-británica.[1] Foi a sexta e máis nova dos fillos de Sigmund Freud e Martha Bernays. Seguiu o camiño do seu pai e contribuíu ao campo da psicanálise. Xunto con Melanie Klein, pode ser considerada a fundadora da psicoloxía infantil.[2]

Infotaula de personaAnna Freud

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento3 de decembro de 1895 Editar o valor em Wikidata
Viena, Austria Editar o valor em Wikidata
Morte9 de outubro de 1982 Editar o valor em Wikidata (86 anos)
Londres, Reino Unido Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaGolders Green Crematorium (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido (1946–1982)
Austria (1895–1946) Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoPsicanalista Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónpsicanalista , escritora de non ficción Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade Yale Editar o valor em Wikidata
Membro de
AlumnosRobert Waelder (pt) Traducir e André Lussier (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa e lingua alemá Editar o valor em Wikidata
Familia
PaisSigmund Freud Editar o valor em Wikidata  e Martha Bernays (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
IrmánsErnst Ludwig Freud, Martin Freud (pt) Traducir, Sophie Freud (pt) Traducir, Oliver Freud (pt) Traducir e Mathilde Freud Editar o valor em Wikidata
Premios

Páxina webannafreud.org Editar o valor em Wikidata
WikiTree: Freud-26 Find a Grave: 21201 Editar o valor em Wikidata

Comparada co seu pai, a súa obra deu énfase á importancia do ego e as súas "liñas de desenvolvemento" normais, ademais de incorporar énfase distintivo no traballo colaborativo ao longo de contextos analíticos e observacionais.[3]

Despois de que a familia Freud fose obrigada a abandonar Viena en 1938 coa chegada do réxime Nazi a Austria, retomou a práctica psicanalítica e o seu traballo pioneiro en psicoloxía infantil en Londres, establecendo a Hampstead Child Therapy Course and Clinic (hoxe chamada Anna Freud National Centre for Children and Families) en 1952 como centro de terapia, adestramento e investigación.

Traxectoria editar

Os anos vieneses editar

Anna Freud naceu en Viena, Austria-Hungría o 3 de decembro de 1895.[4][5][6] Era a filla máis nova de Sigmund Freud e Martha Bernays.[5] Creceu nun ambiente acomodado burgués.[4] Anna Freud parece que tivo unha infancia comparativamente infeliz, en que "nunca tivo relacións achegadas ou pracenteras coa súa nai, e, polo contrario, foi criada pola súa enfermeira católica Josephine".[7] Tivo dificultades nas relacións cos seus irmáns, especialmente coa súa irmá Sophie Freud. Sophie, que era a nena máis atractiva, representaba unha ameaza na loita polo afecto do seu pai: "as dúas Freuds máis novas desenvolveron a súa versión das divisións fraternais dos territorios: 'beleza' e 'cerebro',[8] e o seu pai falou unha vez dos seus celos por Sophie.[9]

Ademais da rivalidade entre as dúas irmás, Anna tivo outras dificultadas no crecemento: "unha moza en certa forma con problemas que se queixaba ao seu pai en cartas inocentes de todas as clases de pensamentos irracionais e sentimentos que a acosaban".[10] Parece que "en xeral, ela era incansablemente competitiva cos seus irmáns... e foi enviada repetidamente a granxas de saúde para un descanso rigoroso, paseos saudables e algunhas libras de máis para encher a súa forma demasiado fraca":[11] puido sufrir de depresión que lle causou desordes alimentarias.[12]

As relacións próximas entre Anna e o seu pai eran diferentes das do resto da súa familia. Era unha nena leda con reputación de traste. Freud escribiu ao seu amigo Wilhelm Fliess en 1899: "Anna volveuse totalmente fermosa a través das trasnadas".[13]

Máis tarde dixo que non aprendera moito na escola; polo contrario, aprendeu do seu pai e dos invitados na súa casa. Aos quince anos, comezou a ler a obra do seu pai e descubriu que un soño que tivera aos dezanove meses aparecía en A interpretación dos soños.[14] Os comentaristas destacaron como "no soño da pequena Anna... a pequena Anna só alucinaba con obxectos prohibidos".[15] Anna acabou a súa educación no Cottage Lyceum de Viena en 1912. Sufrindo de depresión e anorexia,[16] estaba insegura sobre que facer no futuro.

Unha visita ao Reino Unido no outono de 1914, na que a acompañou o colega do seu pai Ernest Jones, provocou preocupación a Freud cando descubriu as intencións románticas deste. O seu consello a Jones, nunha carta do 22 de xullo de 1914, foi que a súa filla "... non pedía ser tratada como unha muller, estando aínda moi lonxe dos desexos sexuais e máis ben rexeitando os varóns. Hai un entendemento honesto entre ela e mais eu de que non debería considerarse o matrimonio ou os preliminares antes de que ela cumpra dous ou tres anos máis".[17]

En 1914 aprobou o exame para traballar de aprendiz de profesora na súa antiga escola, Cottage Lyceum. Entre 1915 e 1917, traballou en terceiro, cuarto e quinto grao. No curso escolar 1917-18, comezou "a súa primeira aventura como Klassenlehrerin (profesora titular) en segundo grao".[18] Polo seu traballo durante os cursos 1915-18 foi eloxiada polo seu superior, Salka Goldman que escribiu que mostraba un "grande entusiasmo" por todas as súas responsabilidades, pero era particularmente apreciada polas súas "preparacións concienciudas" e polo seu "regalo por ensinar", tendo tanto éxito que foi invitada a permanecer na escola cun contrato de catro anos que comezou no outono de 1918.[18]

Análise editar

 
Sigmund Freud coa súa filla Anna en 1913

Tras experimentar múltiplos episodios de enfermidade, Anna Freud resignou do seu posto en 1920. Isto permitiulle perseguir mellor o seu interese crecente na obra e nos escritos do seu pai.[19] Entre 1918 e 1921 e de 1924 a 1929 traballou en análise co seu pai.[20]

En 1922 presentou o seu artigo "Beating Fantasies and Daydreams" na Sociedade Psicanalítica de Viena e fíxose membro da sociedade. En 1923, comezou a práctica psicanalítica infantil e en 1925 xa impartía clases no Instituto de Adestramento Psicanalítico de Viena sobre técnicas de análise infantil. Entre 1925 e 1934, foi secretaria da Asociación Psicanalítica Internacional mentres continuaba coa análise infantil e contribuía con seminarios e conferencias sobre a materia. En 1935 converteuse en directora do Instituto de Adestramento Psicanalítico de Viena e o seguinte ano publicou o seu influente estudo das "formas e medios polos que o ego repele a depresión, a desaprobación e a ansiedade", Das Ich und die Abwehrmechanismen. Converteuse nun traballo fundacional da psicoloxía do ego e estableceu a reputación de Freud como teórica pioneira.[21]

Entre os primeiros nenos que Freud analizou estaban os de Dorothy Burlingham. En 1925 Burlingham, herdeira da tenda de xoias de luxo Tiffany chegara a Viena dende Nova York cos seus catro fillos e comezou coa análise en primeiro lugar con Theodore Reik e logo, con vistas ao adestramento en análise infantil, coa propia Freud.[22] Anna e Dorothy axiña desenvolveron "relacións íntimas que lembraban moito ás das lesbianas", aínda que Anna "negou categoricamente a existencia dunha relación sexual".[23] Despois de que os Burlinghams se mudasen ao mesmo bloque de apartamentos que os Freuds en 1929, ela converteuse efectivamente da madrasta dos nenos.[24]

Os anos londinienses editar

En 1938, tralo Anschluss, no que a Alemaña nazi ocupou Austria, Anna foi levada aos cuarteis da Gestapo de Viena por preguntar polas actividades da Asociación Psicanalítica Internacional. Sen sabelo o seu pai, ela e o seu irmán Martin conseguiran Veronal de Max Schur, médico da familia, en cantidades suficientes para suicidarse se se enfrontaban coa tortura ou a prisión. Na realidade, ela superou o sufrimento do interrogatorio e volveu á casa familiar. Despois de que o seu pai aceptase reticente a necesidade de abandonar Viena, ela ocupouse de organizar o complexo proceso de emigración para a familia xunto con Ernest Jones, entón presidente da Asociación Psicanalítica Internacional, que asegurou os permisos de emigración que levaron a familia a establecerse no seu novo fogar de Londres no 20 Maresfield Gardens, Hampstead.[25]

En 1941 Freud e Burlingham colaboraron no establecemento do War Nursery para nenos con vidas que foran alteradas pola guerra. O local foi adquirido en Hampstead, North London e en Essex para dar educación e coidado residencial e nas que as nais eran animadas a visitalos tanto como puidesen. Moito do persoal foi recrutado da diáspora austro-alemá. Regularmente impartíanse conferencias e seminarios sobre teoría e práctica psicanalítica. Freud e Burlingham continuaron a publicar unha serie de estudos observacionais sobre o desenvolvemento infantil baseados no seu traballo alí, con enfoque no estrés dos nenos e a súa capicidade para atopar afectos substitutivos entre os seus amigos, ante a ausencia dos seus proxenitores.[26] The Bulldog Banks Home, nunha liña similar, fundouse trala guerra para nenos que sobreviviran aos campos de concentración. Para continuar e desenvolver o traballo realizado con nenos durante a guerra crearon a Hampstead Child Therapy Course and Clinic en 1952.

Coa chegada ao Reino Unido, Freud comezou a dar conferencias sobre análise infantil. Nese momento en Londres, o campo da análise infantil estaba amplamente dominado por Freud e Melanie Klein, rival teórica e clínica de Freud. A chegada a Londres provocou a separación da psicanálise británica en tres escolas: freudiana, kleiniana e independente. A idea kleiniana difería da freudiana en varias técnicas metodolóxicas e teóricas sobre a infancia. Por exemplo, os freudianos non crían que os nenos experimentasen o superego, e o terapeuta debería partir das súas transferencias e figuras significativas. En contraste, Klein cría que os nenos tiñan superego e necesitaban ser tratados coas mesmas técnicas que os adultos.[27] Estas diferenzas inicialmente ameazaron a disciplina das técnicas de Freud en Inglaterra, mais ao final da segunda guerra mundial, o conflito resolveuse coa aceptación en paralelo de ambas as escolas.

Freud nacionalizouse como británica o 22 de xullo de 1946.[28]

Dende a década de 1950 e ata o final da súa vida, viaxou regularmente aos Estados Unidos para dar conferencias, impartir clases e visitar amigos. Foi elixida vicepresidenta da International Association of Psychoanalysts e Membro Estranxeiro Honorario da American Academy of Arts and Sciences en 1959.[29] En 1973 foi elixida presidenta da International Association of Psychoanalysts.

Durante a década de 1970 estivo interesada nos problemas dos nenos desfavorecidos emocional e socialmente, e estudou desvíos e retardos no desenvolvemento. Na escola de leis de Yale, impartiu seminarios sobre delitos e famlia, o que a levou a colaboracións transatlánticas con Joseph Goldstein e Albert J. Solnit sobre as necesidades infantís e a lei, publicadas en tres volumes como Beyond the Best Interests of the Child (1973), Before the Best Interests of the Child (1979) e In the Best Interests of the Child (1986).

Freud faleceu en Londres o 9 de outubro de 1982. Foi incinerada en Golders Green Crematorium e as súas cinsas colocáronse nun estante de mármore xunto á urna funeraria da antiga Grecia dos seus pais. A súa compañeira Dorothy Tiffany-Burlingham e outros membros da familia Freud tamén descansan alí.

Un ano despois da súa morte publicáronse as súas obras completas. Foi descrita como "unha profesora apaixonada e inspiradora" e en 1984 a Hampstead Clinic foi rebautizada como Anna Freud Centre. En 1986 a súa casa londiniense durante corenta anos foi transformada, seguindo os seus desexos, no Freud Museum, dedicado ao seu pai e á British Psychoanalytical Society.

Notas editar

  1. "Anna Freud | Austrian-British psychoanalyst". Encyclopædia Britannica. Consultado o 26 de abril de 2016. 
  2. Shapiro, Michael (2000). The Jewish 100: A Ranking of the Most Influential Jews of All Time. p. 276. 
  3. Young-Bruehl 2008, pp. 460–61
  4. 4,0 4,1 "Anna Freud, Psychoanalyst, Dies in London at 86". www.nytimes.com. Consultado o 26 de abril de 2016. 
  5. 5,0 5,1 "Biography.com". 
  6. "Freud Museum London". 
  7. Phillips, páx. 92
  8. Young-Bruehl, citado en Phillips, páx. 93
  9. Gay, páx. 432
  10. Gay, Peter (1990) Reading Freud. Londres. Yale University Press. ISBN 0300046812. páx. 171
  11. Gay, páx. 430
  12. Young-Bruehl, páx. 59
  13. Anna Freud: Her Life and Work. Freud Museum Publications (1993) páx. 1
  14. Gay, páx. 108–9
  15. Lacan, Jacques (1994) The Four Fundamental Concepts of Psychoanalysis. Londres. ISBN 0-393-00079-6. páx. 155
  16. Capítulo X, segunda parte titulada "L’antigone vierge et martyre" de Michel Onfray, en "Le crépuscule d'une idole. L'affabulation freudienne." Grasset, París, 2010.
  17. Paskauskas, R. Andrew (Editor). The Complete Correspondence of Sigmund Freud and Ernest Jones, 1908-1939. Cambridge, Massachusetts/Londres: Belknap Press 1993.
  18. 18,0 18,1 Young-Bruehl, Elisabeth (2008). Anna Freud: A Biography. Yale University Press. pp. 76–78. ISBN 978-0300140231. 
  19. Young-Bruehl, Elisabeth (2008). Anna Freud: A Biography. Yale University Press. páx. 76–78
  20. Roudinesco (2016) Freud: In His Time and Ours. Cambridge, Massachusetts: Harvard University Press, páx. 556
  21. "Anna Freud 1895 – 1938". Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2004. Consultado o 10 de agosto de 2018. 
  22. Young-Bruehl 2008, pp. 132–36
  23. Roudinesco (2016) Freud: In His Time and Ours. Cambridge, Massachusetts: Harvard University Press, páx. 249
  24. Young-Bruehl, Elisabeth (2008). Anna Freud: A Biography. Londres: Yale University Press. ISBN 978-0-300-14023-1.  p. 138
  25. Young-Bruehl, páx. 227-28
  26. Young-Bruehl (2008) páx. 247-8
  27. Fisher et al., 2005
  28. [https://www.thegazette.co.uk/London/issue/37734/page/4754 London Gazette, 20 de setembro de 1946
  29. "Book of Members, 1780–2010: Chapter F" (PDF). American Academy of Arts and Sciences. Consultado o 29 de xullo de 2014. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar