Anahareo
Gertrude Moltke Bernard, tamén coñecida como Anahareo, nada en Mattawa, Ontario o 18 de xuño de 1906 e finada en Kamloops, na Columbia Británica o 17 de xuño de 1986, foi unha escritora, activista dos dereitos dos animais e conservacionista canadense do pobo mohawk. É coñecida pola súa influencia no escritor Archibald Belaney (Bufo Gris ou Grey Owl), que chegou a ser un dos primeiros defensores públicos do conservacionismo no Canadá.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Gertrude Bernard 18 de xuño de 1906 Mattawa, Canadá |
Morte | 17 de xuño de 1986 (79 anos) Kamloops, Canadá |
Grupo étnico | Pobo mohawk |
Actividade | |
Campo de traballo | Dereitos dos animais e protección medioambiental |
Ocupación | autobiógrafa, ecoloxista, activista, activista polos dereitos dos animais |
Familia | |
Cónxuxe | Bufo Gris |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Native American Women: A Biographical Dictionary, (p.12-13) >>>:Anahereo [Gertrude Benard] |
Traxectoria
editarNaceu no seo dunha familia mohawk iroquesa; a súa nai, Mary Nash Ockiping, era algonquina e o seu pai, Matthew Barnard, era algonquino e mohawk.[1] Medrou como unha muller independente que realizaba actividades reservadas ós homes. Os seus amigos coñecíana co alcume de «Pony».[2]
Cando tiña 19 anos, coñeceu a Bufo Gris, un cazador de peles de 37 anos que afirmaba ser medio apache,[3] que a convidou a acompañalo nas súas cazarías.[3] Casaron pouco despois nunha cerimonia anishinaabe, malia que non era legal, xa que Bufo Gris seguía casado coa súa primeira esposa, Angele Eguwan, unha ojibwa.[2]
Anahareo animou a Bufo Gris a deixar de poñer trampas e dedicarse a publicar os seus escritos sobre a vida salvaxe. En Pilgrims of de Wild (1934), Bufo Gris conta como a súa nova esposa iroquesa, salvando a vida e coidando de dúas crías de castor, o impulsou a cambiar a maneira de vivir e traballar pola protección da flora e da fauna.[4]
Xuntos tiveron dúas fillas,[5][6] unha delas Shirley Dawn (nada o 23 de agosto de 1932 e finada o 3 de xuño de 1984). A parella separouse en 1936.[5] Bufo Gris morreu en 1938, sendo un autor con grande éxito de vendas. Despois da súa morte, sóubose que non era apache como afirmaba, senón un inglés chamado Archibald Stansfeld Belaney.
Utilizando o nome de Anahareo, que Bufo Gris lle dera, Gertrude escribiu My Life With Grey Owl (1940) e, posteriormente, no best-seller Devil in Deerskins: My Life With Grey Owl (1972), no cal negaba que coñecese a verdadeira orixe de Bufo Gris. Escribiu que se sentiu doída ó descubrir o engano.[1] Despois da morte de Bufo Gris, Gertrude casou co conde Eric Moltke Huitfeldt. Tivo unha filla, Katharine.[6] Os 50 anos seguintes da súa separación de Bufo Gris, continuou o seu activismo dentro do movemento pola conservación da natureza e os dereitos dos animais. En 1979, Anahareo foi admitida na "Orde da Natureza", da Liga Internacional de Dereitos dos Animais con sede en París. Foi membro da Orde do Canadá en 1983.
O 17 de xuño de 1986, xusto un día antes do seu 80 aniversario, Anahareo morreu en Kamloops, na Columbia Británica (Canadá).[1]
Filme
editarNo ano 1999, estreouse o filme biográfico Grey Owl, que relata a vida de Archibald Belaney, interpretado por Pierce Brosnan, e Anahareo, intepretada por Annie Galipeau.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Anahareo [Gertrude Barnard] (2014). Devil in Deerskins: My Life with Grey Owl (Edited and with an Afterword by Sophie McCall ed.). Winnipeg: University of Manitoba Press. p. 203. ISBN 978-0-88755-765-1.
- ↑ 2,0 2,1 Bataille, Gretchen M. i Laurie Lisa, eds. Native American Women: A Biographical Dictionary, p. 12.
- ↑ 3,0 3,1 "Mattawa woman Grey Owl's inspiration", PastForward, 16 de xuño de 2000
- ↑ Grey Owl [Archibald Belaney] (1971). Pilgrims of the Wild. Nova York: Charles Scribner's Sons. pp. 23–24.
- ↑ 5,0 5,1 Smith, Donald B. (1990). From the Land of Shadows: The Making of Grey Owl. Saskatoon: Western Producer Prairie Books. pp. 112. ISBN 0-88833-347-1.
- ↑ 6,0 6,1 "Anahareo Family Fonds, finding aid; the Glenbow Museum > Archives Main Catalogue Search Results". ww2.glenbow.org. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2020. Consultado o 18 de febreiro de 2019.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Kristin Gleeson: Anahareo: A Wilderness Spirit. Fireship Press, Tucson 2012 ISBN 1611792207
- Kristin Gleeson: Blazing Her Own Trail: Anahareo's Rejection of Euro-Canadian Stereotypes, in Recollecting: Lives of Aboriginal Women of the Canadian Northwest and Borderlands, editado por Sarah Carter, Patricia McCormack, Athabasca University Press, 2010. A publicación gañou o premio do libro sobre historia aborixe de 2011 da Canadian Historical Association.