Francesiña

fungo
(Redirección desde «Amanita citrina»)
Este artigo fala dun cogomelo, para o sándwich típico da cociña lusa véxase: francesinha.

A francesiña[1] (Amanita citrina) é un fungo basidiomiceto da orde Agaricales, que habita tanto en bosques de coníferas como de follosas. É unha especie termófila, que non está habituada aos climas fríos. Adóitase atopar en solos areentos, que son acedos e pobres en nutrientes. Forma asociacións micorrícicas, preferentemente con coníferas. O corpo frutífero abrolla dende finais do verán até finais do outono. O seu sabor é desagradábel, polo que non se lle considera un cogomelo comestíbel.[2]

MorfoloxíaEditar

 
Detalle das lamelas e do anel nunha francesiña en Commanster, Bélxica.

O corpo frutífero está rematado por un chapeu de entre 5 e 10 centímetros de diámetro, de forma hemisférica en exemplares novos e achatada en cogomelos máis desenvolvidos. Presenta unha cor amarela limón moi pálida, que pode variar cara o verde amarelento ou o averdado. Tamén pode ser completamente branco. A miúdo presenta unha tona con restos do veo, que forma grandes placas —brancas, amarelentas ou pardentas—. Posúe unha cutícula xelatinosa e que se desprende con facilidade. As marxes do chapeu son lisas e as lamelas son ceibas e prietas, de cor branca ou amarelentas. O mide entre 10 e 12 centímetros de longo e entre 1 e 1,5 de largo, branco amarelento, e posúe un amplo anel amarelento, con superficie estriada. A volva é de gran tamaño, cilíndrica cun bordo cortado moi característico. A carne é branca, amarelenta na zona inmediatamente inferior á cutícula, e non ten valor como comestíbel, polo seu mal sabor.

Posibilidades de confusiónEditar

É posébel confundir a francesiña con exemplares brancos da especie cacaforra da morte (Amanita phalloides), así como coa cacaforra fedorenta (Amanita virosa), ambas as dúas moi tóxicas.

NotasEditar

  1. Nome vulgar galego en Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000
  2. Grünert, H.; Grünert, R. (1984). Guías de Naturaleza Blume: Setas (t. original:"Pilze"). Barcelona: Blume. p. 16. ISBN 84-87535-11-9. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar