Alborada (Monforte de Lemos)

Alborada foi un xornal que se publicou en Monforte de Lemos entre 1923 e 1928.

Alborada
LocalidadeMonforte de Lemos
editar datos en Wikidata ]

Historia e características editar

Subtitulado Diario de Monforte de Lemos, apareceu o 31 de agosto de 1923. É un dos poucos (se non o único) xornais de ámbito rexional editado fóra das sete grandes cidades de Galicia.

O xornal foi fundado por Manuel Baamonde Robles, Gonzalo Sánchez-Taíz, o seu irmán Fernando e Manuel Hermida Balado[1]. Os catro fundadores repartíronse os cargos. Gonzalo Sánchez-Taíz asumiu a dirección; o seu irmán, a administración; Baamonde, a xerencia, e Hermida, a xefatura de redacción.

Alborada, a diferenza doutros periódicos, tiña imprenta propia. Os fundadores compráronlla ao lugués Antonio Fernández Piñeiro e engadíronlle a primeira linotipia coa que contou a provincia de Lugo. Ademais da linotipia e as pretensións rexionais, este periódico foi innovador por ser o primeiro da historia de Monforte que saía á rúa cada día.

Custaba dez céntimos e publicaba regularmente catro páxinas, aínda que algúns días subía ata as seis.

Era un periódico local pero dáballe grande importancia á información do resto do mundo, tanto a galega como a nacional e a internacional. Estas dúas últimas cubríaas cos despachos da axencia de noticias Febus, precedente de EFE. Nas súas páxinas tamén recolleu colaboracións de Azorín, Antón Villar Ponte, Ramón Gómez de la Serna e, entre outros, Lois Peña Novo.

A idea dos fundadores era converter Alborada nun xornal de ámbito galego. Para iso contaban coas boas comunicacións das que dispuña Monforte, daquela un dos principais centros ferroviarios de Galicia. Pero aquel inverno de 1923 foi moi duro e as nevaradas impediron o paso dos trens e os camións, facendo que o xornal non chegara a tempo ao seu destino[2]. Por iso, pechou as súas portas na primavera de 1924.

Segunda etapa editar

Xusto dous anos despois, en 1926, Alborada volveu a saír á rúa, promovido desta volta por Gonzalo Sánchez-Taíz. Foi unha experiencia máis modesta e igual de curta, porque pechou a finais de 1927 ou comezos de 1928. Nesta etapa, o xornal tivo que enfrontar un problema maior: as multas por incumprir a lei de prensa de Miguel Primo de Rivera.

Notas editar

  1. Un nome fundamental na historia do xornalismo monfortino, pois el ou a imprenta da súa familia están detrás de gran parte dos periódicos locais dos primeiros anos do século XX.
  2. Así o conta Manuel Hermida Balado no seu libro sobre a historia de Monforte. Véxase bibliografía.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Altabella, José (17). ""El periodismo lucense hasta nuestros días"". El Progreso. 
  • Baamonde, Miguel Ángel (1994). Medio siglo de periodismo monfortino. Lugo: Deputación Provincial. ISBN 84-8192-024-X. 
  • Hermida Balado, Manuel (1969). Lemos. Pequeña historia de un lugar con mucha historia. Madrid: Artes Gráficas Fénix. 
  • Teijeira Fanego, Mari Paz; Torre Rioyo, María de la (1997). A prensa en Lugo: dous séculos de historia. Lugo: Deputación Provincial. ISBN 84-8192-110-6. 

Outros artigos editar