Marolo

especie de molusco
(Redirección desde «Acanthocardia tuberculata»)
Marolo

Unha da valvas de Acanthocardia tuberculata de Sicilia no Museo Civico di Storia Naturale di Milano.
Clasificación científica
Xénero: Acanthocardia
Especie: tuberculata
Sinonimia
  • Acanthocardia (Rudicardium) tuberculata (Linnaeus, 1758)
  • Cardium rusticum Linnaeus, 1767
  • Cardium tuberculatum Linnaeus, 1758
  • Cardium tuberculatum var. mutica Bucquoy, Dautzenberg & Dollfus, 1892
  • Eucardium tuberculatum (Linnaeus, 1758)
  • Eucardium tuberculatum var. asperula Coen, 1915
  • Eucardium tuberculatum var. dautzenbergi Coen, 1915
  • Eucardium tuberculatum var. palaeomutica Coen, 1915
  • Eucardium tuberculatum var. picta Coen, 1915
  • Eucardium tuberculatum var. potens Coen, 1915

O marolo ou berberecho marolo (Acanthocardia tuberculata, Linnaeus 1758; antes Cardium tuberculatum) é un molusco bivalvo da familia dos Cárdidos (Cardiidae), da orde Veneroida.

Morfoloxía editar

Semella un berberecho de gran tamaño. Ten unha cuncha forte, sólida, equivalva, cun perfil ovalado ou redondeado, lixeiramente inequilateral. Chega a medir 9–10 cm de diámetro e uns 4 cm de grosor.

Presenta 21-22 costelas radiais fortes e dotadas de espiñas romas -tamén descritas como nódulos- na zona próxima ás marxes, atenuadas na zona central. As liñas de crecemento son claramente visibles. No interior, a marxe está percorrida por sucos que corresponden coas costelas.

A cor é castaña que ás veces tira a avermellada, con bandas irregulares concéntricas máis escuras que a cor do fondo.

 
var. alba

Hábitat e bioloxía editar

Distribúese pola costa europea do Atlántico, desde Escandinavia ata o estreito de Xibraltar, penetrando en boa parte do Mediterráneo.

Vive nas costas abertas, en áreas de fondos de limo ou cascallo, na franxa infralitoral e ata os 10 metros de profundidade.

É un molusco comestible pero moi escaso. As capturas que se poidan producir destínanse á elaboración de conservas co nome castelán de langostillo.

Co nome de marolo Ríos Panisse recolleu tamén outros moluscos cárdidos (coma o berberecho bravo (Acanthocardia echinata), o carneiro (Venus verrucosa) e outros). Todos eles, incluído a que nos ocupa, reciben tamén outros nomes comúns como carneiro, cascarneiro ou carneirolo.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.

Ligazóns externas editar