AC Perugia Calcio

O Associazione Calcistica Perugia Calcio,[1] coñecido simplemente como Perugia, é un club de fútbol italiano con sede en Perugia, que compite na Serie B.

Perugia
NomeAssociazione Calcistica Perugia Calcio S.r.l.
Alcume(s)I Grifoni
Fundación1905
EstadioRenato Curi
Perugia, Italia
Inauguración1975
Capacidade23.625
PresidenteItalia Massimiliano Santopadre
AdestradorItalia Silvio Baldini
LigaSerie B
2021/22
Na rede
https://www.acperugiacalcio.com
Titular
Alternativo
Terceiro

Fundado en 1905 como Associazione Calcistica Perugia, o club disolveuse en 2005 e foi refundado o mesmo ano como Perugia Calcio, antes de disolverse de novo en 2010 e de pasar por unha nova co nome actual. Militou 13 tempadas na Serie A, obtendo como mellor resultado o subcampionato da campaña 1978/79, na que rematou invicto. Ademais de varios títulos de categorías inferiores, o equipo gañou a Copa Intertoto de 2003 e disputou dúas edicións da Copa da UEFA.

O club xoga os seus partidos como local no estadio Renato Curi, con capacidade para 28.000 espectadores. Na tempada 1979/80 converteuse no primeiro equipo de fútbol italiano en amosar un patrocinador na camiseta.

Historia editar

O AC Perugia fundouse o 9 de xuño de 1905, coa fusión do EUA Fortebraccio e o Libertas. O ascenso á Serie B en 1966 marcou o inicio dun dos períodos de máis éxito do club. O Perugia pasou os seguintes oito anos na Serie B antes de ascender á Serie A por primeira vez en 1975.

 
O Perugia na tempada 1933/34.

Na primeira tempada do club da Serie A, o Perugia rematou oitavo con 31 puntos, quedando preto dos postos europeos. O equipo contaba con destacados xogadores como o defensa Pierluigi Frosio e os centrocampistas Renato Curi e Franco Vannini. O Perugia mantívose na metade superior da táboa durante o resto da década, quedando subcampión en 1979, despois de obter 11 vitorias e 19 empates. Foi a única vez que un equipo invicto non conseguiu o título. Con todo, a traxedia e os escándalos escureceron este período. En 1977, Curi morreu dun ataque cardíaco durante un partido de liga contra a Juventus, mentres que a carreira de Vannini rematou por lesión en 1979. En 1980, o escándalo de corrupción relacionado coas apostas clandestinas coñecido como Totonero, provocou unha sanción de 5 puntos e o descenso en 1981. Ilario Castagner era o adestrador neste período.

O club pasou a primeira metade da década de 1980 intentando volver á Serie A, quedando preto de logralo na campaña 1984/85. Outro escándalo de corrupción en 1986 obrigou ao Perugia a baixar á Serie C2. Durante esta época debutou co club Fabrizio Ravanelli, un dos mellores xogadores que pasaron polo equipo.

Despois de que o polémico e excéntrico Luciano Gaucci se fixese co control do club, este volveu á Serie B en 1994 e baixo a dirección de Giovanni Galeone chegou á Serie A en 1996. Aínda que acabou descendendo na seguinte tempada, regresou á máxima categoría en 1998.

 
O Perugia na tempada 1974/75.

Nas seguintes seis tempadas, con xogadores como o internacional xaponés Hidetoshi Nakata, o Perugia mantívose na Serie A.

No verán de 2003 fichou ao dianteiro inglés Jay Bothroyd e a Al-Saadi Qadafi (fillo do ditador libio Muamar al-Qadafi).[2] Pouco despois, o club foi un dos tres gañadores da Copa Intertoto de 2003 tras vencer ao VfL Wolfsburg alemán por un resultado global de 3-0. Isto clasificou o equipo para a Copa da UEFA 2003–04, na que foi eliminado en terceira rolda polo PSV Eindhoven.[3]

O club foi á quebra en 2005 e foi refundado como Perugia Calcio, antes de quebrar de novo en 2010.[4][5] No verán de 2010 xurdiu un novo club coa mesma denominación e herdeiro da antiga historia do Perugia, iniciando a súa andaina na Serie D.

O 10 de abril de 2011, o Perugia logrou o ascenso á Lega Pro Seconda Divisione, tras a vitoria na casa por 3-2 ante o Castel Rigone.[6] Ese mesmo ano, o club gañou tamén a Coppa Italia Serie D, vencendo ao Turris por 1-0 na final.[7]

No verán de 2011 o club pasou a chamarse Associazione Calcistica Perugia Calcio e na tempada 2011/12 conseguiu o ascenso á Lega Pro Prima Divisione. O 4 de maio de 2014, vencendo ao Frosinone por 1–0, o Perugia gañou o campionato da Lega Pro Prima Divisione e logrou o ascenso á Serie B tras 9 anos de ausencia.

Palmarés editar

Notas editar

  1. "ASSOCIAZIONE CALCISTICA PERUGIA CALCIO SRL". aziende.virgilio.it (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2012. Consultado o 29 de setembro de 2022. 
  2. "Bothroyd signs for Perugia". BBC (en inglés). 11 de xullo de 2003,. Consultado o 29 de setembro de 2022. 
  3. "UEFA Intertoto Cup 2003". rsssf.org (en inglés). Consultado o 29 de setembro de 2022. 
  4. "I giudici: buco da 100 milioni Falliti Perugia e Mas" (en italiano). 21 de maio de 2010. Consultado o 29 de setembro de 2022. 
  5. "CALCIO: ASTA DESERTA PER RILEVARE PERUGIA DOPO FALLIMENTO" (en italiano). 9 de xuño de 2010. Consultado o 29 de setembro de 2022. 
  6. "Perugia promosso in Lega Pro, la Turris matematicamente ai playoff!" (en italiano). 10 de abril de 2011. Consultado o 29 de setembro de 2022. 
  7. "Serie D, il Perugia vince la Coppa Italia" (en italiano). 14 de abril de 2011. Consultado o 29 de setembro de 2022. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar