Wikipedia:A Taberna (xeral)/Arquivo 16

Este é un arquivo da sección A Taberna (xeral) da Taberna
Nesta páxina atópanse algúns dos fíos de conversa tratados nesta sección da Taberna que foron arquivados.
Por favor, non edites esta páxina. Para reavivar calquera destes debates, comeza un novo tema na páxina actual.
< Conversas vellas | Arquivos: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 16, 17, 18, 19, 20, 21, 22, 23, 24, 25, 26

O Goberno Vasco dona artigos á Euskalpedia editar

Mandáronme un correo cunha ligazón a un artigo que fala do proxecto que xa comentei que ía facer o Goberno Vasto coa Euskalpedia. Pois parece que ese proxecto xa rematou e polo que parece creáronse artigos dende a enciclopedia en papel e en euskera, LUR. Melloraron artigos e crearon bastantes novos, tanto da cultura vasca coma doutros eidos. A ver se van aparecendo máis proxectos apoiando as wikis. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 01:19, 7 de xaneiro de 2012 (UTC)

Se vos interesa ler tódalas novas deste tipo que se publican sobre a Wikipedia (ou sobre calquera outro tema) é moi sinxelo empregando servizos do tipo de Google Alerts. So tendes que ir a http://www.google.es/alerts e cubrir o formulario do seguinte xeito (exemplo):
  • Consulta de Busca: Wikipedia (ou Galipedia ou que vos interese)
  • Tipo de resultado: Noticias
  • Frecuencia: Unha vez á semana
  • Cantidade: Tódolos resultados
  • Enviar a: a vosa conta de correo
  • CREAR ALERTA
Pódese repetir o proceso por tantos temas como se desexe.
--. HombreDHojalata.conversa 20:31, 8 de xaneiro de 2012 (UTC)

Un idioma preciso editar

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela elabora a sección "Un idioma preciso" [1] na que ofrece "para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. Isto plásmase en pequenos estudos nos que se analizan un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles."

Eu penso que sería bo seguir as súas propostas, por exemplo no caso de: [2] "musgo -> brión, mofo, carriza. Musgo é válido aplicado a alguén que ten os ollos semipechados." cambialo e seguir a precisión: [3]--Imolavirando 12:21, 12 de xaneiro de 2012 (UTC)

Algunhas desas recomendacións témolas aplicado, pero non fixemos unha revisión sistemática. --Xabier Cid Talk 2 me, please 12:34, 12 de xaneiro de 2012 (UTC)

Galiciana editar

Acabo de atopar unha web que non sei se todos coñecedes, Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia. Ten dixitalizados un montón de libros antigos que poden consultase en liña e que poden achegar un bó feixe de referencias ou incluso dos que se poden quitar imaxes antigas para levar a Commons. Ten tamén unha sección especial de cartografía antiga de Galicia. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 09:14, 16 de xaneiro de 2012 (UTC)

Moi interesante! Grazas. --. HombreDHojalata.conversa 19:52, 3 de febreiro de 2012 (UTC)

Un bot para a influenza, please editar

Temos 210 páxinas que conteñen a palabra influenza, na maioría dos casos erroneamente por "influencia". Demasiadas páxinas para corrixir á man. Por iso pido que algún bot -controlado manualmente para discriminar os casos de uso correcto- faga o traballo. Pedro --Lameiro (conversa) 19:02, 3 de febreiro de 2012 (UTC)

Fágome cargo. --. HombreDHojalata.conversa 19:38, 3 de febreiro de 2012 (UTC)
Feito, salvo erro ou omisión. --. HombreDHojalata.conversa 22:53, 19 de febreiro de 2012 (UTC)

Un dos aspectos que se recolle en Wikipedia:O que a Wikipedia non é no apartado A Wikipedia non fai propaganda é que a Wikipedia non é un medio de promoción das propias ideas nin para facer campañas nin proselitismo. Tampouco é o espazo apropiado para elaborar ningún marco teórico para xustificar as propias crenzas nin un lugar para buscar lexitimidade. Na Galipedia sempre prestamos especial atención a todas aquelas edicións que puideran estar encadradas nalgún tipo de campaña ou que puideran revelar unha axenda propia do usuario. Despois de revisar as páxinas creadas a partir de Activismo pedófilo tanto na Wikipedia en galego como noutras linguas, incluídos os historiais e as páxinas de discusión, semella que poida ser o caso. Creouse un usuario para a edición desas páxinas, apreciase o mesmo patrón nas mesmas páxinas noutras Wikipedias ou en páxinas relacionadas co mesmo asunto. Moitas edicións son as mesmas aínda que nalgúns casos vese máis claramente que noutros o intento de agochalas. Tamén se nota a autoreferencia dentro da propia Wikipedia. Hai outras eivas que se poderían debullar polo miúdo pero só o exposto supón un grave problema. Solicito á comunidade que sitúe o foco sobre eses artigos e aos administradores que marquen todos eses artigos co marcador Atención ata que se determine que contidos poden quedar, cales modificarse e cales deben eliminarse. Expoño o problema neste espazo (poñerei tamén unha referencia no taboleiro dos administradores) porque considero que é un problema que afecta a toda a comunidade tamén á credibilidade deste proxecto. Un cordial saúdo. --Prevertgl 11:19, 6 de febreiro de 2012 (UTC)

Eu xa lle teño o ollo botado hai días. Cando o usuario Néboa cese as edicións, fareille un lavado importante, porque en efecto hai moita autorreferencia e unha boa dose de propaganda. Que haxa follade ruta é algo que xa non sabería dicir. En todo caso, si, parece boa idea a de chantar un marcador de atención como primeira medida. --Atobar (conversa comigo) 11:32, 6 de febreiro de 2012 (UTC)
Grazas. --Prevertgl 11:41, 6 de febreiro de 2012 (UTC)

O artigo Activismo pedófilo é un artigo ben escrito, ben argumentado, completo e ben referenciado. É lexítimo, respeta todas as regras de Wikipedia e non ten nada que ver con propaganda das propias ideas nin de tipo ningún, proselitismo, lexitimación, procura de marco teórico ningún "para xustificar as propias crenzas" nin campaña ningunha. Todo isto son apreciacións puramente persoais e subxectivas que poderían ser aplicadas sobre outros artigos, por exemplo os de partidos políticos ou asociacións de calquera tipo: ¿Hai que pensar que aquel que escribe o artigo sobre un partido político está a facer proselitismo das ideas do partido ou das súas propias? ¿E quen escribe sobre un filósofo? ¿E un artigo sobre o galego na Galipedia? Non, iso se verá na redacción mesma do artigo e non vai implícito na temática do mesmo, como todo o mundo sabe. O tema do artigo é fundamentalmente científico, sociolóxico e histórico, e está tratado coa máxima obxetividade e o máximo rigor. As ligazóns e referencias, e calquera outro contido do mesmo, son completamente lexítimos en todos os casos e en todos os aspectos. As únicas ideas que se expoñen son as dos investigadores e persoas citadas e as do movemento mesmo do cal é suxeito o artigo, e en caso ningún as do seu autor, que non ten nada que ver co movimento. Non compromete en absoluto a credibilidade do proxecto Wikipédia nin da Galipedia, nin afecta en nada á comunidade, mais pola contra pode ser un exemplo de calidade e rigor dentro do proxecto. É un artigo de calidade evidente, completamente lexítimo dentro do magnífico proxecto Wikipédia, profusamente referenciado e que contén información ampla, completa, contrastada, neutral, creíbel e fiábel. Non hai intención de agochar nada, nin máis problemas cós que se queiran ver. A lexitimidade do artigo, volvo dicilo, é TOTAL e non fai falta situar ningún "foco" sobre nada nin hai máis eivas que debullar. Só queda por ver ata onde chega a liberdade de expresión na Wikipedia, e iso si que non depende dos autores dos artigos. --Néboa 12:42, 6 de febreiro de 2012 (UTC)

Revisarei este tema nas próximas horas. --Xabier Cid Talk 2 me, please 13:53, 6 de febreiro de 2012 (UTC)

Non hai motivo para aplicar procedementos e directrices diferentes cando alguén apela á liberdade de expresión como argumento para paralizar o procedemento. O exposto arriba tense aplicado noutras ocasións e noutros temas en circunstancias semellantes, non abonda que un artigo teña certa aparencia formal para ser válido. De feito mesmo o título do artigo Activismo pedófilo está en cuestión, con seguir as ligazóns interwiki do artigo pódense ver a escollas noutras Wikipedias e os debates. Como sinalei antes hai moitas eivas demostrables que pouco a pouco irán aparecendo. Polo de agora vou poñer un exemplo tanxencial do mesmo autor: vexamos o artigo Pablo Santiago, a redacción, os autores e os interwiki. Velaquí as versións en italiano e catalán (o contido é calcado ao creado en galego), velaquí os historiais do artigo e dos autores historial de Pablo Santiago en galego, historial de Pablo Santiago en italiano, historial de Pablo Santiago en catalán, historial do autor de Pablo Santiago en catalán historial do autor de Pablo Santiago en italiano. Se a partir de aí un comeza a cruzar os historiais dos artigos relacionados con Activismo pedófilo aparecen moitos usuarios creados ex profeso e as relacións entre eles sexan o mesmo ou varios. Ese xeito de proceder como é sabido non é lexítimo nin cumpre os requirimentos da Wikipedia. Un cordial saúdo. --Prevertgl 14:57, 6 de febreiro de 2012 (UTC)

Como dixen, non hai más problemas cós se queiran procurar e tampouco vou entrar en debates absurdos. O título non está en cuestión en ningunha wiki. Noutras wikis, como a francesa ou a inglesa, o que fixeron foi CENSURAR o título, non cuestionar nada. Simplemente censurouse o que non conviña ou concordaba coa opinión dos censores. Os autores respectivos dos artigos nestas wikis chamáronlles "Militantisme pedophile" e "Pedophile activism" cando os crearon hai anos, pero agora chámanse "Apologie de la pédophile" e "Age of consent reform" (e nese ademáis creo que foi censurada unha gran parte do texto), que é tan absurdo como titular "Apoloxía do terrorismo" un artigo sobre a cultura basca, por poñer un exemplo comprensíbel. Sobre isto escribín unha nota na versión en catalán, da que tamén son autor. Nota que tamén vou poñer na versión en galego, vendo o que estás a dicir, para evitar que se produza a mesma censura ou para que, se pasa, se saiba de que se trata. Se uso outras contas non é porque agache nada, senón porque me gusta máis facelo así. ¿Que problema hai? Non teño constancia de que non se permita escribir artigos con distintas contas na Wikipedia nin de que iso deslexitime nada, e se for así non teño problema en usar a mesma conta. De calquera modo, fixarse nas contas con se escribiu un artigo non me parece algo relevante. Eu son o autor do artigo sobre Pablo Santiago nas wikis en catalán, galego e italiano; e tamén o de outros artigos escritos simultáneamente en distintas wikis, que problema hai con iso? Non vexo ningún. Que argumento é dicir que un usuario escribiu un artigo en varias wikis? Onde está o problema ou a importancia? ¿Non pode un colaborar con varias wikis? E que problema hai con enlazar artigos escritos por un mesmo? Xustamente escribín certos artigos relacionados co activismo pedófilo para completar o artigo principal. Onde está o problema? Se o que queres é censurar o artigo e non tes argumentos nin razóns para propoñer a súa eliminación ou mutilación, podes dicir claramente as túas intencións e non fai falta que procures argumentos sen sentido. Entre outras cousas porque faría perder moito tempo argumentar sobre obxeccións absurdas como as que tes exposto. --Néboa 16:13, 6 de febreiro de 2012 (UTC)

  • Ren moita razón Prevert -sen que sirva de precedente ;)- na advertencia que nos fai. O artigo en cuestión é un claro exemplo de proselitismo coa evidente intención de crear e difundir opinión, cousas especificamente incluídas entras as que a Wikipedia non 'e. Como sexa que existe este ¿movemento? pode entenderse que exista o artigo que o describa, para o que abonda coa introdución, coa definición e con algúns precedentes históricos (e aínda así con moitos matices). Nun artigo sobre o "Activismo pedófilo" non se pode pedir obxectividade porque, por definición, debe describir as teorías dese movemento e non as dos contrarios, pero converter Galipedia na plataforma de difusión da ¿filosofía? pedófila é excesivo, e ata non sei se constitutivo de delito (ese cadro de distincións entre abuso sexuakl e pedofilia ... tiene tela). A creación de contas diferentes para escribir e defender un artigo é unha práctica incorrecta. E a defensa do autor a base de chamar censor a quen defende unha Galipedia distinta da súa é, xa, causa de bloqueo. Tras unha lectura suficiente do artigo, creo que hai que meter unha poda moi drástica. E xa. Pedro --Lameiro (conversa) 19:27, 6 de febreiro de 2012 (UTC)

En primeiro lugar, gustaríame darlle os parabéns a Prevert polas pescudas. Esta mañá, cando vin esta polémica, o primeiro que pensei foi precisamente en Pablo Santiago, e parece que os fíos conducen a ese punto. Pero iso non ten que ver co que aquí se dirime. Intentarei ser conciso na exposición, antes de tomar as medidas de precaución axeitadas.

  1. Sobre a axenda. Efectivamente, e como sinalou Prevert, non é axeitado facer artigos sobre por exemplo, o PP, se es un afiliado ou un seareiro de tal partido. Tampouco sobre a nai dun, por sinalar un tema non ideolóxico. Da lectura de Conflito de intereses despréndese con nidieza cales son os lindeiros das normas. Que neste caso en concreto exista unha axenda, é dicir, unha vontade por parte de Néboa, de facer campaña dunha teoría, ideoloxía ou posicionamento, non está demostrado, e haberá que valoralo. Pero de probarse sería incorrecto, moi incorrecto. E iso non é discutible con arranxo ás normas da Wikipedia.
  2. Sobre as edicións en distintos wikis. Do mesmo xeito tampouco é incorrecto en por si corrixir a data de nacemento de Ángel Nieto en varias wikis, pero si o é esa serie de edicións lexítimas translocen un patrón, unha axenda, de promover ou destacar unha determinada ideoloxía ou posicionamento. Do mesmo xeito que o artigo de Lady Gaga non o debe facer nin a propia Lady Gaga nin o presidente do seu club de fans, o artigo sobre activismo pedófilo, non o pode facer un activista pedófilo (e, por favor, insisto en que non estou dicindo que Néboa o sexa; só que se o fose, estes artigos serían incorrectos).
  3. Sobre a censura. Convido a Néboa a ler atentamente os artigos da Wikipedia onde se explica como se resolven conflitos. Pero a censura non é, nin será, un xeito de facelo. E precisamente por iso mesmo, a acusación de censura non é, nin pode ser, un argumento de defensa sobre a pertinencia dos contidos. Os contidos serán pertinentes se efectivamente se suxeitan ás regras da wikipedia, independentemente de se tratan de pedofilia ou de modelos de automóbiles. E borraranse ou corrixiranse con arranxo a esas regras, non por censura. Desacreditar os procedementos da comunidade non é un bo paso para conseguir o seu apoio.
  4. Sobre o respecto. Independentemente de todo isto, o usuario Prevert é un coñecido e veterano usuario desta wiki que ten demostrado en moitas ocasións o seu respecto polas normas da wiki. Obviamente terase trabucado algunhas veces. Pero as súas opinións, como as de calquera outro usuario da wiki, non poden ser cualificadas de absurdas ou sen sentido. Rebaixemos o ton, e busquemos o consenso necesario.

O que vou facer: Agora vou revisar con máis calma todos os datos achegados por Prevert e o texto dos artigos, un a un. Como medida cautelar vou marcar os artigos creados por Néboa sobre esta cuestión co marcador de Atención. Estou a dispor de Néboa, de Prevert, e de quen sexa, para resolver as dúbidas que cumpran.--Xabier Cid Talk 2 me, please 19:33, 6 de febreiro de 2012 (UTC)

Os meus argumentos xa foron ben expostos aquí, no taboeiro de administradores e na proposta de borrado. Non hai argumento de peso ningún para borrar de golpe unha serie de nada menos que 12 artigos que cumpren con todas as regras da Wikipedia. Isto non é máis que un caso de censura.--Néboa 01:27, 10 de febreiro de 2012 (UTC)

¡Néboa! Que nome mais bonitiño. Non vira este fio, este a de ser o mesmo ao que se lle revertiron as edicions na española. Vou eu tamen a compararlos textos. --Ensada Fala ou cala 00:38, 13 de febreiro de 2012 (UTC)
¿Qué che decía eu? O mesmiño, ollade iste diff, o mesmo cas mesmas verbas. Isto deberíase facer saber en Meta, dende alá un check user pode probar as relacións entre as contas. Saudiña. --Ensada Fala ou cala 00:45, 13 de febreiro de 2012 (UTC)

Off topic editar

Na páxina principal de Google aparece sempre o anagrama e debaixo o cadro de buscas, pero de cando en vez substitúen ese anagrama por unha ¿animación? máis ou menos bonita para conmemorar unha data especial, polo que adoitan ser moi fugaces. ¿Alguén sabe se se poden buscar animacións antigas? ¿Como se chaman realmente? Grazas, Pedro --Lameiro (conversa) 15:14, 15 de febreiro de 2012 (UTC)

Chámanse doodles. Nesta páxina podes ver os que levan publicados http://www.google.com/doodles/finder/2012/All%20doodles. Un cordial saúdo. --Prevertgl 15:35, 15 de febreiro de 2012 (UTC)
Grazas Prevert. Asómbrame que houbese tantos (será cousa de fixarme máis cando recurro ó Google), pero o caso é que non consigo ver a animación. O que estaba intentanto recuperar é o de onte, día de San Valentín. Grazas en calquera caso. Pedro --Lameiro (conversa) 21:25, 15 de febreiro de 2012 (UTC)
Non vin a animación da que falas, supoño que é esta https://www.youtube.com/watch?v=PkWNlfadXSM --Prevertgl 21:45, 15 de febreiro de 2012 (UTC)

Mapa de galipedistas editar

Boas, fixen unha carallada na miña páxina de usuario para mostrar a localización dos galipedistas que teñen indicada na súa páxina a súa cidade de residencia. Se alguén non quere sair só ten que avisarme, se alguén quere aparecer que poña esta información na súa páxina de usuario e logo que me avise.

As aplicacións deste mapiña son variadas, pode servir para que podamos saber por ónde anda a xente por se alguén precisa algunha cousa especial dalgún sitio, para organizar encontros ou actividades diversas, e incluso para decatarnos dalgunhas cousas. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 13:05, 17 de febreiro de 2012 (UTC)

Se me queres poñer sen problema pero eu non teño páxina de usuario, terei que facerme cun modelo, sonche moi lorchán. Por certo son do concello de Carballo.--Xabier Cancela (fálame) 17:09, 10 de marzo de 2012 (UTC)

Listo!, por certo, está quedando un mapa bastante interesante. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 01:28, 11 de marzo de 2012 (UTC)

Demografía en lugares, parroquias e concellos editar

Xa que hai datos estatísticos a demografía é un dos aspectos que se poden mellorar na páxinas de lugares, parroquias e concellos. O modelo que estamos utilizando nos concellos quedou un pouco antigo. Estiven facendo algunhas probas, tamén ollando o que hai noutras linguas (por exemplo: en:Template:Demography, en:Template:Historical populations), para facer un novo modelo pero paréceme que queda demasiado complicado. O modelo debería permitir a configuración de datas, fonte de orixe de datos, facer un cálculo da variación de poboación nun determinado período (o actual modelo que hai en concellos require revisar todos os concellos se se engade unha data). Tamén hai na Galipedia outros modelos que permiten asignar varias columnas, así e todo o modelo debería ser único e configurable. Nas páxinas de lugares é onde se podería comezar a ensaiar o apartado 'Demografía'. Pensei que, polo de agora, no canto de crear un modelo era mellor inserir unha táboa (valorar se abonda coa táboa ou é imprescindible o modelo), ver o seu funcionamento e debatir sobre as necesidades e o contido da sección 'Demografía' entre todos aqueles compañeiros que veñen editando nas páxinas de lugares, parroquias e concellos xunto co resto dos colaboradores. O exemplo pode atoparse en: Armeá,_Augas_Santas,_Allariz#Demografía (o tanto por cento está calculado coa seguinte expresión: - {{#expr:(100-((6/10)*100))round2}} onde 6 e 10 son os datos de poboación de 1999 e 2010 e o signo menos do principio é debido á caída de poboación, o resto dos valores non varían). Un cordial saúdo. --Prevertgl 16:56, 19 de febreiro de 2012 (UTC) Engadido: en Augas_Santas,_Allariz#Demografía hai un exemplo de aplicación nunha parroquia. --Prevertgl 10:53, 20 de febreiro de 2012 (UTC) Outro engadido: nos cocnellos podería facerse algo semellante ás parroquias coa evolución da poboación con datos de diferentes anos, e a distribución da poboación actual segundo parroquias. --Prevertgl 11:07, 20 de febreiro de 2012 (UTC)

Revisión editar

Por favor, que alguén revise este feixe de edicións dun enderezo IP. Graciñas. --Toliño Fala aquí comigo 09:58, 21 de febreiro de 2012 (UTC)

Proxecto Europeo WikiSkills editar

Boas a tod@s!!

Escribo dende o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga)

dende o Cesga participamos dende este pasado mes de Xaneiro no proxecto Europeo WikiSkills.

Este proxecto conta coa participación de 8 institucións europeas, entre as que se atopan universidades, escolas, empresas e institucións sin ánimo de lucro de España, Suíza, Bélxica, Suecia, Grecia e Austria. Ynternet.org, una fundación suíza para o fomento da e-cultura lidera este proxecto, que ten unha duración de dous anos.

O proxecto pretende analizar e aplicar os beneficios de utilizar as ferramentas wiki baseadas en software libre para a aprendizaxe, ademais de potenciar o comportamento cívico, a inclusión social, emprego, entendemento intercultural e habilidades para aprender de xeito autónomo.

Para contribuír, por exemplo, nunha ferramenta wiki como pode ser a Wikipedia, un usuario precisa desenvolver varias habilidades de xeito transversal. Aceptando este desafío, de igual xeito ca millóns de usuarios que contribúen ás wikis, o proxecto pretende axudar ó usuario final a que se sinta parte da sociedade da información contribuíndo ao coñecemento da potencialidade do uso da wiki no seu desenvolvemento persoal e profesional.

O proxecto WikiSkills pretende xuntar a aprendizaxe dinámico das novas tecnoloxías co aspecto colaborativo que aportan as wikis. Para iso, deseñáranse e avaliaranse materiais de aprendizaxe e cursos sobre ferramentas wiki para distintos colectivos. Estes cursos proverán un entendemento básico das novas tecnoloxías da información e da comunicación, ademais de introducir ó usuario ás ferramentas wiki, as súas fontes, beneficios persoais e efectos sociais.

Gustaríanos saber si, dende a Galipedia, existe xente que queira colaborar connosco neste proxecto, en principio cubrindo unha pequena enquisa que será lanzada a semana próxima (a do 5 de Marzo), sen compromiso a nada máis.

En canto a enquisa estea lista publicarei aquí a ligazón. A verdade e que estariamos encantados se quisexedes participar :)

A wiki que se está a utilizar para o proxecto pódese ver aquí: http://wikiskills.cesga.es A páxina web do proxecto é a seguinte: http://wikiskills.net/ —o anterior comentario sen asinar foi feito por Cheminha (conversacontribucións) 11:18, 2 de marzo de 2012‎

Estupendo Cheminha. Sen dúbida haberá xente por aquí que queira axudar participando na enquisa. Este pode ser un tema do interese para calquera dos usuarios, non so para os administradores, e, dende logo, non é un problema senón tódolo contrario, por iso, para outra ocasión, é mellor que publiques este tipo de mensaxes na Wikipedia:A Taberna. E non esquezas asinalo premendo no botón correspondente. --. HombreDHojalata.conversa 18:26, 2 de marzo de 2012 (UTC)
 
Conta comigo Cheminha. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 23:46, 2 de marzo de 2012 (UTC)
Un máis. Saúdos.--Agremon(contacto) 07:51, 3 de marzo de 2012 (UTC)
Eu tamén me apunto. --Xas (conversa) 09:52, 12 de marzo de 2012 (UTC)
Eu tamén. --Beninho (conversa) 10:25, 12 de marzo de 2012 (UTC)

Boas, Cheminha puxo a ligazón á enquisa inicial do proxecto na miña páxina de usuario pero esqueceuse de copiala aquí así que pásovola eu, é: http://enquisas.cesga.es/index.php?sid=37569&lang=es. Esta enquisa tamén ma mandaron nunha lista de correo sobre wikis e pon que o plazo para facela remata o día 17, non sei se neste caso tamén se aplica este plazo pero por seguridade penso que será mellor que os que estén interesados o fagan antes dese día, total a enquisa só se tardan 15 minutos en facela. Tamén é interesante que todos os que podan difundan este proxecto entre tódalas persoas do ámbito da educación que podan estar interesadas, non fai falta que teñan coñecemento ningún de wikis nin nada. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 15:58, 13 de marzo de 2012 (UTC)

Moitisimas gracias a tod@s!!! De momento está tendo moi boa acollida, en canto teña algunha novidade ou resultado informareivos :) --Cheminha (conversa) 07:45, 14 de marzo de 2012 (UTC)

Boas amigos, en primeiro lugar moitisimas gracias a todos, a enquisa tivo moi boa aceptación :) Tamén comentarvos que a semana posterior a semana santa realizaremos un pequeno workshop de introdución ó proxecto nas instalacións do Cesga (aínda non sabemos o día exacto, pero seguramente a semana do 15 de abril ou a seguinte) ó cal sodes máis que benvidos, incluso cabe a posibilidade de que poidades facer unha pequena visita ó centro e ver o supercomputador. O malo disto é que non temos moito sitio, polo que, estariamos limitados a 15 - 20 persoas máis ou menos. Si estades interesados en vir, podédesnos mandar un email a e-learning@cesga.es mencionando simplemente que queredes participar no workshop, tería unha duración aproximada dunha hora e poderiamos cadrar a data que vos viñese ben :) Un saúdo e de novo moitisimas gracias!! :) --Cheminha (conversa) 08:47, 28 de marzo de 2012 (UTC)

Boas a todos, como o obradoiro de WikiSkills vai ser o vindeiro martes 17 de abril ás 6:00 no CESGA de Santiago, e segundo o previsto durará sobre unha hora e media, o que se me ocorre é que, se vos apetece e vos vai ben, podemos facer un pequencontro ó rematar o evento para comentar cousas da Galipedia. Poden vir todos os que queran, vaian ou non ó WikiSkills por suposto, ¿quen se apunta?. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 22:24, 13 de abril de 2012 (UTC)
  • Ola. Eu ao WikiSkills non vou, pero se resulta que chegamos a ser catro, eu si me apuntaría a ese encontro de galipedistas. Unha posibilidade que deixo caer sería quedar entre 20.00 e 20.15 na porta Faxeira, por exemplo onde As Marías, que non vos ha quedar lonxe do CESGA a quen queirades acudir ao WikiSkills. Ben, pois Elisardo e mais eu xa somos dous. Hai outros dous por aí, ou máis, que se animen? --Atobar (conversa comigo) 23:30, 13 de abril de 2012 (UTC)
  • Gustaríame poder ir, pero o martes pola tarde teño clase e vaime ser complicado chegar a esa hora a Compostela. --Beninho (conversa) 14:27, 14 de abril de 2012 (UTC)
  • A min tamén me é imposible ir, nin ó CESGA nin ó encontro posterior. Ultimamente levo unha vida demasiado axetreada.--AArizaga (conversa) 11:37, 16 de abril de 2012 (UTC)
  • Non teño ainda claro se poderei acercarme (coincide có meu horario laboral). Tentareino, a ver se consigo air un pouco antes. Un saudo.--Castelao (conversa) 09:52, 17 de abril de 2012 (UTC)
  • Ao final ninguén foi ao encontro, polo que vin. En fin, outra vez será.--Castelao (conversa) 08:49, 18 de abril de 2012 (UTC)
Eu si fun, pero cheguei máis tarde do acordado, síntoo. A ver se para outra vez nos organizamos mellor. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 08:44, 19 de abril de 2012 (UTC)

A enciclopedia Britannica deixa o papel editar

Según esta nova a Enciclopedia Britannica non vai facer máis edicións en papel e só se vai a adicar ós contidos dixitais, a última edición en papel será entón a do 2010. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 00:23, 14 de marzo de 2012 (UTC)

Sobre copyvios editar

Esta mensaxe é para lembrar que temos que ser coidadosos na comprobación dos copyvios nos textos. Ás veces é unha tarefa ingrata porque veñen por traducións pero teño comprobado nas últimas semanas que textos que son copyvios son etiquetados con diversos marcadores e logo pasan a ser corrixidos no canto de borrarse. En ocasión nótase á primeira que son copias completas outras parciais e hai que seguir investigando. Tamén hai casos nos que aínda sendo copyvio non se atopa a fonte. Normalmente o formato e a redacción nos casos máis flagrantes son bos indicadores. Comprobar os copyvios para que funcione correctamente debe de ser un labor colectivo. Este é un chamamento ao conxunto dos compañeiros para que esteamos atentos e en particular aos administradores, sei que somos poucos pero por favor que os copyvios non pasen a incorporarse como edicións lexítimas. Un cordial saúdo. --Prevertgl 19:55, 27 de marzo de 2012 (UTC)

Wikidata editar

Fai uns días que saleu unha noticia dun proxecto para as wikipedias: Wikidata. Wikidata ten coma obxectivo crear un lugar centralizado, do estilo de Commons, que garde datos que podan ser exportados de forma automática ós artigos de tódalas wikipedias. Outro dos seus obxectivos é ter unha base de datos de interwikis co cal comezará a fin dos bots de interwikis. O proxecto está en fase de diseño e todo o que esté interesado pode participar. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 07:48, 3 de abril de 2012 (UTC)

Pazos e palacios editar

  • Acabo de crear as seguintes páxinas:
    • pazo, para o edificio señorial e rural. Deixei a redirección Pazo (arquitectura) porque temos moitísimas ligazóns xa creadas a esa forma. (solucionado por Prevert)
    • pazo (homónimos) que remite a ese pazo e mais ós topónimos Pazo. Inclúo como sinónimo palacio
    • palacio, para o edificio nobre, real, ou que alberga unha institución

Suxiro que nas vosas viaxes pola galipedia vaiades comprobando se as lig. internas remiten ó concepto que deben. Pedro --Lameiro (conversa) 12:24, 5 de abril de 2012 (UTC)

Neutralidade? editar

Queridos compañeiros editores desta enciclopedia,

Estou lendo algúns dos artigos aquí publicados e non acabo de entender a neutralidade de moitos deles, sobre todo os realcionados con temas polémicos como é o independentismo da nosa Comunidade Autónoma ou dalgunha outra como Cataluña ou o País Vasco. E é que aquí pódese apreciar unha clara tendencia social-independentista que censura todo aquilo que non concorde coa ideoloxía daqueles que controlan a galipedia.

Veredes, xa sei que eu non son quen de cambiar o mundo, pero iso non implica que teña que permanecer calado ante as inxustizas. Se é unha enciclopedia libre como díse que é. Debería adoptarse un comportamento acorde coas leis do país (España) e non coas doutrinas de certos sectores políticos.

Deste xeito pódese observar que nas bandeiriñas daqueles personaxes nados na nosa comunidade aparece a bandeira galega, e nos do resto do país (España) aparece a enseña nacional. Isto non é moi neutral non?

Nas cidades ocorre o mesmo... por exemplo se alguén coloca a bandeira de bretaña nunha cidade e alguen cambia esa bandeira pola de francia, isto xa é pecado, posto que viola o dereito de autoderminación dese personaxe que decidíu que bretaña é independente de francia.

Un pouco de seriedade por favor. Que isto parece un circo. —o anterior comentario sen asinar foi feito por 193.153.52.49 (conversacontribucións)

  • Ola, ip. Non é seriedade nin neutralidade o que falta aquí, e dende logo non creo que sexa moi acertado afirmar que parece un circo. Tampouco non é un foro onde avivar ideoloxías, senón unha realidade virtual que aspira a ser a enciclopedia de referencia, de aí que haxa unha pluralidade e un respecto por todas e cada unha das culturas e non só pola española, que dende logo tamén. En todo caso, deixar moi clara unha cousa: a edición en gl.wiki non responde a motivos políticos nin de unha nin doutra cor. Un saúdo. --Atobar (conversa comigo) 22:50, 7 de abril de 2012 (UTC)

encarga para un bot editar

Acabo de ver que temos 170 artigos con "influínte / influinte" e 113 con "influíntes / influintes" cando o correcto é influente. Propoño que algún bot faga as correccións oportunas. Grazas, Pedro --Lameiro (conversa) 22:29, 8 de abril de 2012 (UTC)

Pasei o bot, pero unicamente fixo 103 modificacións, se non estou errado. Non obstante, coido que xa está. Saúdos! --Toliño Fala aquí comigo 15:41, 9 de abril de 2012 (UTC)

Rianxeira editar

Antes de borrar o artigo Rianxeira (conserveira)‎ -que foi o meu primeiro impulso- prefiro deixar aqui un aviso por se alguén quere refacelo, aproveitando as referencias que ten. Saúdos, Pedro --Lameiro (conversa) 20:40, 9 de abril de 2012 (UTC)

Xornada Datos abertos en Santiago editar

O vindeiro 18 de abril pola mañá vai facerse unha xornada sobre Datos abertos organizada polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia. O acceso é libre ata completar aforo e podedes consultar o programa nesta páxina. A filosofía de Datos abertos pretende liberar os datos para facilitar o seu uso. O traballo de Datos abertos é moi interesante para as wikipedias porque son fontes de datos que poden servir para referenciar os artigos. Vexo no programa que parece que a Xunta ten, ou quere facer, un portal destes, Abert@s, do que non tiña nin idea. Eu, se podo, vou tentar achegarme por alí a ver o que din e se hai algo interesante poreino por aquí. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 22:00, 11 de abril de 2012 (UTC)

Número de artigos das distintas wikipedias editar

Como aquí hai de todo, ¿?onde se pode ver o número de artigos que temos nas diferentes wikipedias? Grazas, Pedro --Lameiro (conversa) 22:37, 13 de abril de 2012 (UTC)

Refíreste a isto? --. HombreDHojalata.conversa 22:43, 13 de abril de 2012 (UTC)

Mini galencontro este martes en Compostela editar

Esta sección xorde como apéndice de Wikipedia:A_Taberna_(xeral)#Proxecto_Europeo_WikiSkills
  • Boas a todos, como o obradoiro de WikiSkills vai ser o vindeiro martes 17 de abril ás 6:00 no CESGA de Santiago, e segundo o previsto durará sobre unha hora e media, o que se me ocorre é que, se vos apetece e vos vai ben, podemos facer un pequencontro ó rematar o evento para comentar cousas da Galipedia. Poden vir todos os que queran, vaian ou non ó WikiSkills por suposto, ¿quen se apunta?. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 22:24, 13 de abril de 2012 (UTC)
  • Ola. Eu ao WikiSkills non vou, pero se resulta que chegamos a ser catro, eu si me apuntaría a ese encontro de galipedistas. Unha posibilidade que deixo caer sería quedar entre 20.00 e 20.15 na porta Faxeira, por exemplo onde As Marías, que non vos ha quedar lonxe do CESGA a quen queirades acudir ao WikiSkills. Ben, pois Elisardo e mais eu xa somos dous. Hai outros dous por aí, ou máis, que se animen? --Atobar (conversa comigo) 23:30, 13 de abril de 2012 (UTC)

Categorías editar

O artigo Hemoglobina está categorizada como Categoría:Xenes do cromosoma 11 e Categoría:Xenes do cromosoma 16. Debería eliminarse esta categorización pero non sei como facelo. Saúdos, Pedro --Lameiro (conversa) 20:36, 14 de abril de 2012 (UTC)

O tinglado está no Modelo:Proteína, resulta que no artigo Hemoglobina úsase 3 veces co parámetro Cromosoma con valores 11 e 16, os datos deste parámetro son os que meten o artigo nesas categorías. A solución sería quitar eses valores do parámetro pero así estamos perdendo información no artigo e penso que iso é peor ca que aparezan esas categorías en vermello... (máis cedo ou máis tarde haberá que facelas...), pero a ver o que vos parece a vós. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 22:34, 14 de abril de 2012 (UTC)
E logo non sería axeitado retirar do Modelo:Proteína esta liña: "< includeonly >{ {#if: { { {Cromosoma|} } } | [[Categoría: Xenes do cromosoma {{{Cromosoma}}}]] } }</ includeonly >< noinclude >" no remate do código, para que nunca introduza esas categorías nun artigo no que non son precisas? -- JonnyJonny (conversa) 23:03, 14 de abril de 2012 (UTC)
Pero iso afectaría a tódolos artigos que usan o modelo Proteína e penso que iso non sería moi axeitado. Realmente o problema cal é?, as categorías non son correctas ou é que están en vermello?. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 23:37, 14 de abril de 2012 (UTC)
O problema é que a hemoglobina non pode estar categorizado entre os "Xenes do cromosoma 11", nin 16 (mal categorizada); en que non existe tal categoría nin é previsible que exista en moito tempo, en que a presenza de categorías vermellas é unha eiva que debería evitarse, en que se outras proteínas usan ese modelo tamén habería que correxilas (aínda que o certo é que esas dúas categorías -cromosoma 11 e 16- só conteñen a hemoglobina, como único artigo, e ningunha outra proteína, logo é un problema que só existe neste artigo ou no uso alí dese modelo). Saúdos, Pedro --Lameiro (conversa) 12:14, 15 de abril de 2012 (UTC)

Aclarado, entón había que facer o que comentou JonnyJonny, xa fixen o cambio no modelo proteína e agora xa non están esas categorías en Hemoglobina. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 21:57, 15 de abril de 2012 (UTC)

A Galipedia nas xornadas A Historia no Medio editar

Prezada comunidade de usuari@s:

Desde a Facultade de Historia de Ourense, pertencente á Universidade de Vigo, convidóuseme a participar nas xornadas A Historia no Medio para contar a miña experiencia na Galipedia. O martes 8 de maio formarei parte dunha mesa redonda, cunha breve introdución titulada A Galipedia como medio para achegarse á Historia. Enfocarei a presentación desde dous puntos de vista: como usuario activo da wiki e mais como estudante, falando do feedback bidireccional que se pode crear (ler artigos da wiki sérveme para aprender Historia, e o que aprendo na Facultade sérveme para mellorar a wiki). Comentarei tamén a necesidade existente na wiki de referenciar os artigos en base a outras publicacións: isto é, que a propia wiki non é unha referencia en si mesma.

Aquí podedes ver o programa das xornadas, ás que recomendo que asistades, pois prometen ser ben útiles.

Un saúdo. --Estevo(aei)pa o que queiras... 12:17, 24 de abril de 2012 (UTC)

Interesante: Retransmisión en directo: http://tv.uvigo.es/ --. HombreDHojalata.conversa 12:48, 24 de abril de 2012 (UTC)
Fenomenal!, unha mágoa non poder achegarme. A ver se grazas a isto conseguimos algún galipedista de Ourense que fai moita falta... Saúdos, --Elisardojm (conversa) 17:11, 24 de abril de 2012 (UTC)
Cuns meses de atraso, xa están dispoñibles na rede as presentacións e o debate. --Estevo(aei)pa o que queiras... 19:54, 31 de xullo de 2012 (UTC)

Novos termos de uso para as wikipedias editar

Según parece o 25 de maio van a actualizarse os termos de uso das wikipedias, podedes consultalos aquí. Só os mirei a correr pero parece que a idea é simplificar as licenzas e aumentar a seguridade legal das wikis. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 21:53, 25 de abril de 2012 (UTC)

Estou traballando na tradución ao galego. Agardo rematala antes de que entren en vigor, se é que podo. Por outra banda, aproveito para deixar constancia da actualización da versión de MediaWiki. Estou seguro de que xa vos decatastes dalgúns cambios notables como a vista das diferenzas, nas que melloraron a lectura para a xente con problemas de visión, por exemplo. Saúdos! --Toliño Fala aquí comigo 13:48, 26 de abril de 2012 (UTC)

Número de idiomas no título do artigo dun país editar

O artigo de Suíza só ten un nome no título na lingua oficial. Alguén preguntou na páxina de conversa porque só ten un nome na lingua oficial e respondestes que porque están aí as normas. Entón porque o artigo de Bélxica está en tres idiomas Bélxica - België - Belgique - Belgien. ?

O que pido é coherencia. --Vivaelcelta {conversa  · contribucións} 16:44, 1 de maio de 2012 (UTC)

África do Sur ten 11 linguas oficiais, non creo que sexa práctico titular con 11 formas máis a galega un artigo, é ir por un camiño que non ten saída na miña opinión.--Xián (conversa) 17:35, 1 de maio de 2012 (UTC)