O Yokosuka D4Y Suisei (cometa) foi un bombardeiro en picado xaponés da segunda guerra mundial. Foi o substituto do Aichi D3A e desenvolveuse tanto con motor radial como lineal. O deseño estaba influído polo alemán Heinkel He 118, pero era máis pequeno e con mellores prestacións. Fixo o seu primeiro voo en decembro de 1940 e construíronse 2.038 unidades. Actuou tamén como caza nocturno, avión de recoñecemento e kamikaze. Os aliados alcumárono "Judy".

Yokosuka D4Y Suisei
Un D4Y3 "Judy"
Tipobombardeiro en picado
FabricanteYokosuka
Introducido1942
Retirado1945
Principais usuariosArmada Imperial Xaponesa
Produción1942 - 1945
Unidades construídas2 038

Historial de operacións editar

A falta de blindaxe e de tanques auto-selados, o Suisei non foi un bo adversario para os cazas aliados. Porén, inflixiron considerables danos a barcos, incluído o portaavións USS Franklin, que case foi afundido cun único D4Y.

O D4Y operou nos seguintes portaavións xaponeses: Chitose, Chiyoda, Hiyō, Junyō, Shinyo, Shōkaku, Sōryū, Taihō, Unryū, Unyō e Zuikaku.

A versión de recoñecemento D4Y1-C entrou en servizo a mediados de 1942, cando dous deses avións foron despregados a bordo do Sōryū na Batalla de Midway, onde se perderon cando o barco foi afundido.

Marianas editar

Durante a Batalla das Marianas, os D4Ys foron interceptados por cazas da U.S. Navy e derrubados en gran número. O D4Y era máis rápido que o Grumman F4F Wildcat, pero non máis que o novo Grumman F6F Hellcat. O avión xaponés era axeitado en 1943, pero cos rápidos avances estadounidenses en 1944 quedaron atrás, mentres que os seus pouco experimentados pilotos eran outra desvantaxe.

A Task Force 58 estadounidense atacou os aeródromos en Filipinas e destruíu as forzas en terra antes de interceptar aos avións navais xaponeses. O resultado, que os estadounidenses chamaron "The Great Marianas Turkey Shoot", foi 400 avións xaponeses derrubados nun só día. Un único piloto de Hellcat, o tenente Alexander Vraciu, acabou con seis D4Y nuns pouco minutos.

Leyte e Filipinas editar

O D4Y foi relegado a operacións en terra onde tanto as versións D4Y2 e D4Y3 loitaron contra a frota estadounidense, colleitando algúns éxitos. Un D4Y bombardeou e afundiu o Princeton o 24 de outubro de 1944. Os D4Y conseguiron danar ademais outros portaavións, tanto con ataques convencionais como en ataques kamikaze. Nas batallas aéreas en Filipinas os xaponeses usaron kamikazes en primeira liña, conseguindo inflixir fortes perdas. D4Ys do 761 Kokutai conseguiron impactar ao portaavións de escolta USS Kalinin Bay o 25 de outubro, e no día seguinte ao USS Suwannee. Ámbolos dous foron seriamente danados, especialmente o Suwannee, con fortes baixas e moitos avións destruídos. Un mes despois, o 25 de novermbro os USS Essex, Hancock, Intrepid e Cabot foron alcanzados por kamikazes, case todos cazas A6M Zero e D4Y, causando moitos danos. Os D4Y tamén realizarían ataques convencionais, sendo todos eles dos 601 e 653 Kokutai.