O termo kamikaze (神風, literalmente "vento divino") de orixe xaponesa, foi utilizado orixinalmente polos tradutores estadounidenses para referirse aos ataques suicidas efectuados por pilotos dunha unidade especial pertencente á Armada Imperial Xaponesa contra embarcacións da frota dos Aliados a finais da segunda guerra mundial. Estes ataques pretendían deter o avance dos aliados no océano Pacífico e evitar que chegasen ás costas xaponesas. Con esta finalidade, avións cargados con bombas de 250 quilogramos impactaban deliberadamente contra os seus obxectivos co afán de afundilos ou averialos tan gravemente que non puidesen regresar á batalla.

O USS Bunker Hill foi atacado por 2 avións suicidas o 11 de maio de 1945

Aínda que houbo diversas unidades suicidas en terra, mar e aire, esta unidade especial de ataque é a máis representativa do seu tipo. No Xapón non se utiliza con este sentido a palabra kamikaze. Prefírese o termo Shinpū tokubetsu kōgeki tai (神風特別攻撃隊 "Unidade Especial de Ataque Shinpū") ou a súa abreviación tokkōtai (特攻隊). No resto do mundo o uso desta palabra estendeuse e aplícase sen moito rigor a todo tipo de ataques suicidas, sen importar o método empregado (uso de explosivos, automóbiles etc.) ou a nacionalidade do atacante (como no caso dos atentados do 11 de setembro de 2001).

Esta unidade especial foi disolta cando o Xapón presentou a súa rendición incondicional na segunda guerra mundial e actualmente cóntase con numerosos rexistros e testemuños sobre o nacemento, desenvolvemento e declive das súas operacións.

Véxase tamén

editar