Yakovlev Yak-40
O Yakovlev Yak-40 (ruso: Яковлев Як-40; designación OTAN: Codling) é un reactor rexional soviético deseñado por Yakovlev. O avión trimotor realizou o seu voo de estrea o 21 de outubro de 1966 e fabricouse dende 1967 ata 1981. O avión doi introducido en setembro de 1968 e exportouse a partir de 1970.
Yakovlev Yak-40 | |
---|---|
Tipo | rexional/VIP |
Fabricante | Yakovlev |
Primeiro voo | 21 de outubro de 1966 |
Introducido | setembro de 1968 |
Produción | 1967 - 1981 |
Unidades construídas | 1 011 |
DesenvolvementoEditar
A principios dos anos 60 as rutas troncais soviéticas, tanto internacionais como internas, estaban servidas pola aeroliña estatal Aeroflot usando avións a reacción ou turbohélices, pero os servizos locais, moitos dos cales se operaban dende pistas de herba, eran servidos por avións obsoletos con motores de pistóns como os Ilyushin Il-12, Il-14 e Lisunov Li-2.[1] Aeroflot quería substituír eses vellos aparellos cun avión con turbinas, sendo a oficina de deseño Yakovlev a encargada de deseñalo. Non se solicitaba unha velocidade alta, pero o avión debería ser capaz de operar con seguridade e fiabilidade en aeroportos pobremente equipados con pistas sen pavimentar curtas, de menos de 700 metros, e en malas condicións meteorolóxicas.[2]
Yakovlev estudou tanto deseños turbohélice como a reacción para cumprir cos requisitos, e incluso estudou deseños de engalaxe e aterraxe verticais, pero finalmente decantouse por un trirreactor de á recta con capacidade para 20-25 pasaxeiros. Os motores serían os novos turboventiladores AI-25 desenvolvidos por Ivchenko en Zaporozhye, Ucraína.[3]