Willian Thomas Morton

William Thomas Green Morton, nado en Charlton (Massachusetts) o 9 de agosto de 1819 e finado en Nova York o 15 de xullo de 1868, foi un odontólogo estadounidense, pioneiro na aplicación de anestesia en cirurxía e odontoloxía. Levou a cabo a primeira demostración pública da utilización do éter como anestésico administrado por inhalación.

Infotaula de personaWillian Thomas Morton

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(en) Morton William Thomas Green Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento9 de agosto de 1819 Editar o valor em Wikidata
Condado de Worcester, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Morte15 de xullo de 1868 Editar o valor em Wikidata (48 anos)
Nova York, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Causa da morteIctus Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaCemitério de Mount Auburn (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
EducaciónFacultade de Medicina Harvard Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoAnestesioloxía Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónmédico , odontólogo , cirurxián Editar o valor em Wikidata
Influencias
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Morton-5979 Find a Grave: 1759 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

William Thomas Green foi fillo do granxeiro James Morton e de Rebecca Morton, natural de Charlton, cuxo apelido de solteira era Needham. Antes de facerse odontólogo, William Morton traballara como empregado, tipógrafo de imprenta e comerciante en Boston. No ano 1840 entrou primeiro na Baltimore College of Dental Surgery e logo, en 1842, en Hartford, Connecticut, continuou os seus estudos baixo a titoría de Horace Wells. Máis adiante ambos serían socios. Morton abandonou a odontolxía para dedicarse a estudar cirurxía maxilar na Baltimore College. No ano 1842 inaugurou o seu consultorio privado como dentista. En 1842 e 1843 traballou xunto a Horace Wells. Aproximadamente un ano despois, Wells empezou a utilizar gas hilarante no tratamento cos seus pacientes. Tras numerosos experimentos de terapias de dor cos seus pacientes, Wells quixo demostrar publicamente en Boston o gas hilarante como anestésico, pero esta demostración foi un fracaso.

 
Primeira ocasión na que se utiliza o éter na extracción dunha peza dental.

Morton en cambio, decidira dedicarse ás próteses dentais. Cando había que extirpar os raigóns e raíces dos dentes danados, os pacientes adoitaban esixir un tratamento sen dores. O profesor Charles Thomas Jackson, baixo cuxa titoría Morton realizara prácticas como odontólogo, chamou a súa atención acerca do efecto narcótico do dietiléter, o que á súa vez describira Michael Faraday nun tratado de 1818.[1] Tras diversos experimentos con vapores de éter en ratos, peixes, insectos, galiñas e co seu propio can, Morton realizou tamén experimentos con el mesmo.

 
Réplica do inhalador de William Morton, utilizado no ano 1846 para a primeira demostración pública dunha operación realizada baixo anestesia con éter.

O 30 de setembro de 1846 concorreu á súa consulta o violoncelista Eben Frost aqueixado dunha forte infección purulenta que lle producía unha dor de moas, tan intensa, que estivo de acordo en probar o éter para a súa extracción.[2][3] Cando o paciente espertou da anestesia, confirmoulle a Morton que non sentira ningunha clase de dor durante a extracción da peza dental. Confirmou así a Morton e ao seu asistente, o doutor Hayden, o éxito da intervención. Ao día seguinte apareceu a noticia no Boston Daily Journal: «Tras a inhalación dun preparado, cuxo efecto anestésico e narcótico durou aproximadamente un minuto, extraéuselle un dente a un cabaleiro na tarde de onte sen que sentira ningunha clase de dor»[3]

Morton dirixiuse ao cirurxián xefe do Hospital Xeral de Massachusetts en Boston, o profesor John Collins Warren (1778–1856), coa petición de levar a cabo unha demostración pública do seu método fronte a médicos e estudantes de medicina. Recibiu por escrito unha invitación para o venres 16 de outubro de 1846, ás 10 da mañá.[3] Warren fixo que Gilbert Abbott, un paciente de 20 anos, impresor de libros que padecía de tuberculose, inhalara os vapores desde unha esfera de vidro, especialmente confeccionada para este efecto e que contiña no seu interior unha esponxa embebida en éter (ver ilustración). Tras un estado inicial de excitación, o paciente durmiuse. «Entón Warren en cinco minutos extirpou un tumor superficial conxénito, baixo o maxilar inferior no lado esquerdo do pescozo do paciente». Warren, quen, tras o fracaso da demostración de Horace Wells co gas hilarante ocorrido dous anos atrás, en realidade rechazaba esta clase de procedementos, entusiasmouse moito con estas novas posibilidades. ("Gentlemen, this is no humbug"). A este suceso, acaecido no Ether Dome, considérase o momento do nacemento da anestesioloxía moderna.[4]

 
O Bulfinch Building en Boston, en 1941, inclúe o Ether Dome.

Inmediatamente ao día seguinte, o cirurxián e urólogo George Hayward (1798–1863) operou[5] un tumor adiposo nun paciente anestesiado con éter. O recoñecemento xeral do procedemento desenvolvido por Morton tivo lugar tras a amputación dunha perna, efectuada o 7 de novembro de 1846 por Henry Jacob Bigelow nunha paciente de vinte anos.[4]

Morton intentou primeiramente ocultar a substancia activa que utilizara e denominou este éter arranxado con substancias aromáticas «Letheon» (palabra derivada do grego lethe, que significa «olvido»), para obter proveito da patente. Poucas semanas despois, durante a operación o 7 de novembro de 1846, foi obrigado polo seu auditorio a revelar o segredo. Chegouse a unha disputa xudicial sobre a cuestión de a quen lle correspondía a primicia sobre este invento, proceso impulsado sobre todo por quen lle dera a idea, o profesor Jackson. Os custos desta disputa xudicial arruinaron a Morton, ademais de que case non recibiu as regalías esperadas por patentar o seu invento. Despois de case vinte anos de procesos xudiciais, Morton faleceu empobrecido e aflixido, en xullo de 1868, a consecuencia dun accidente vascular cerebral.

Mais Morton non fora o primeiro en aproveitar o efecto narcótico do éter para deter a dor nas intervencións cirúrxicas. O 30 de marzo de 1842, o doutor Crawford Williamson Long xa extirpara sen dor un tumor da caluga dun paciente, usando para iso unha toalla embebida en éter. Pero este último cirurxián omitiu facer unha publicación ao respecto.

Notas editar

  1. Bergman NA. Michael Faraday and his contribution to anesthesia. Anesthesiology 1992; 77(4):812-816
  2. Cita segundo relato en Illustrierte Geschichte der Medizin [«Historia ilustrada da medicina»](1992), Vol. 6, p. 3281
  3. 3,0 3,1 3,2 Karger-Decker 1984, p. 149.
  4. 4,0 4,1 Schott 1997, p. 276.
  5. L. Lewis Wall: Dr. George Hayward (1791–1863): a forgotten pioneer of reconstructive pelvic surgery. INTERNATIONAL UROGYNECOLOGY JOURNAL Volume 16, Number 5 (2005), 330-333, DOI: 10.1007/s00192-005-1333-2

Véxase tamén editar

Bibliografía editar