Wikipedia:Xornal da Galipedia/01-10-2010/Proxectos irmáns

Proxectos irmáns

O Galizionario acada as 30.000 entradas

Por Furagaitas, 1 de outubro de 2010

O maior dicionario libre en galego está de noraboa. O Galizionario, proxecto irmán da Galipedia, vén de acadar os 30.000 artigos. Todo un logro para os centos de colaboradores que ó longo dos máis de 6 anos de vida do Galizionario colaboraron no que é o segundo maior proxecto da Wikimedia en galego. O proxecto botou a andar o 6 de maio de 2004, e desde entón suma unhas 212.000 edicións e uns 1.485 usuarios rexistrados.

Hai case dous anos os usuarios do dicionario viron gratamente frustrada a consecución do artigo número 25.000, ó pasar de golpe duns 21.400 a uns 25.700 artigos: en dous días, e empregando un bot, o usuario Sobreira xerou 4.300 artigos novos, o que impediu identificar un artigo cun número tan significativo. Non foi o caso do artigo 30.000, ó que se chegou paseniño. Trátase dunha palabra buscada para a ocasión: «paz». Pequeno significante para tan grande significado.

Lento pero seguro, o Galizionario amosa unha vez máis a súa vitalidade nun 2010 no que se levan realizadas unhas 31.000 edicións. O usuario máis activo desde o comezo do ano (excluíndo bots) foi Furagaitas, cunhas 6.244 edicións. Neste período conseguíronse importantes avances, desde a revisión dos artigos existentes ata cuestións estruturais ou meramente estéticas, sen deixar de man a creación de novas entradas. De feito, o número de novos artigos foi 1.561. A este respecto, o máximo creador de novas entradas no que vai de 2010 foi Gallaecio, colaborador que achegou uns 575 artigos novos.

Porén, o Galizionario é aínda un proxecto que precisa moito traballo. Os 30.000 artigos alcanzados a finais do pasado setembro son unha boa demostración das capacidades do Wiktionary en galego, que aspira a converterse no maior dicionario galego en liña de balde e adaptado á normativa oficial do galego do 2003.

01-10-2010
Neste número
  • Novas e anuncios
  • Proxectos irmáns
  • ← Volver aos contidos

    + Engade un comentarioConversa sobre esta historia
    Aínda non hai comentarios. Ti podes ser o primeiro en achegar unha opinión!