Wikipedia:Sobre Galicia/xullo 2022

O Xabarín Club é un programa infantil e xuvenil da TVG que comezou a emitirse o 18 de abril de 1994. O protagonista do programa é o personaxe animado do "Xabarín", un xabaril antropomorfo deseñado por Miguelanxo Prado e ao cal dá voz Juanillo Esteban. O "Xabarín" realiza a función de presentador do programa, o cal inclúe un club de socios, a emisión de series de debuxos animados, videoclips de grupos musicais e espazos de produción propia, como Xabarín News ou Os vixilantes do Camiño, a primeira serie animada de produción galega que emitiu o Xabarín Club. Dende o 2 de febreiro de 2009, é transmitido pola tvG2, e dende decembro de 2016 conta cunha app específica e unha canle en liña, a Xabarín TV que funciona como unha lista de reprodución cos contidos do programa na páxina web da CRTVG.

No ano 2021, o Xabarín Club chegou á cifra récord de 146 000 socios. Segundo os rexistros históricos do programa, entre 1994 e 2021 arredor dun 30% dos nenos galegos son ou foron socios.