Wikipedia:Sobre Galicia/setembro 2008

O Pazo de Meirás é un pazo situado na parroquia de San Martiño de Meirás, Sada no cal viviu a escritora galega Emilia Pardo Bazán e que, na actualidade, pertence aos descendentes de Francisco Franco, xa que en 1938 unha comisión que buscaba un pazo como agasallo ao ditador mercouno coas expropiacións e contribucións forzosas das xentes da vila. O 1 de agosto de 2008 a Xunta de Galicia comezou os trámites para declaralo coma Ben de Interese Cultural (BIC). O Pazo de Meirás foi construído a finais do século XIX por riba das ruínas dun antigo edificio derrubado durante a Guerra de Independencia. O seu estilo corresponde ó romanticismo. O inmoble consta de tres torres con ameas, de distinto tamaño e de planta cadrada, unidas por un corpo máis baixo, de cantería de granito.