Wikipedia:Sobre Galicia/outubro 2015

Pedro Pardo de Cela Aguiar e Ribadeneira, coñecido como don Pedro Pardo de Cela, nado en Betanzos cara ao 1425 e degolado en Mondoñedo o 3 de outubro de 1483, foi un mariscal galego medieval, decapitado diante da catedral mindoniense por mandato do gobernador do reino nomeado polos Reis Católicos. Segundo fillo de Xoán Nunes Pardo de Cela, o Vello, comendeiro do bispado de Mondoñedo, e de Teresa (ou Violante) Rodríguez de Aguiar, ao falecer o seu irmán herdou as propiedades e privilexios da familia. A pesar de que a historiografía galeguista chegase ao extremo de facer del un irmandiño, o certo é que foi un dos seus máis acérrimos inimigos e tivo que fuxir de Galiza até a restauración nobiliaria. A causa da súa morte non fica clara, a tradicional atribución a unha vontade explícita dos reis non está documentada, o que levou a algúns estudosos a atribuíla a enfrontamentos coa nobreza local que naquel momento apoiaba a Fernando de Acuña.