Wikipedia:Sobre Galicia/febreiro 2012

Ferrol é unha cidade e concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrolterra, terceira concentración urbana de Galicia, da cal é capital. Segundo o INE en 2010 tiña 73.638 habitantes, sendo a sétima cidade máis habitada de Galicia e a terceira da provincia.

Constitúe unha das cidades galegas máis importantes no eido industrial, cunha especial influencia do sector naval. Tamén conta cunha importante actividade das Forzas Armadas, principalmente da Armada, que ten dende o século XVIII unha das súas principais bases navais e un destacado Arsenal Militar.

Aséntase de cara á ría de Ferrol, aínda que tamén conta cunha destacada fachada litoral cara ó océano na zona rural. Esa fachada acolle algunhas das máis afamadas praias, como as asentadas nas parroquias de Doniños, San Xurxo ou Covas.

Ademais da cidade, o termo municipal comprende once parroquias rurais e a vila da Graña, considerada como zona urbana a efectos legais aínda que se atope no extrarradio. O concello ten unha densidade de poboación de 904,31 hab./km² e unha superficie de 82,6 km².