Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/Filosofía Española e Galega/Francisco Sánchez

A vida de Francisco Sánchez

editar

A traxectoria vital

editar

O recorrido de Francisco Sánchez pódese resumir do modo que segue

Tui/Braga ......................................... 1550-1562

Bordeaux .......................................... 1562-1569

Roma .................................................. 1569-1573

Montpellier ........................................ 1573-1575

Toulouse ............................................ 1575-1623

(González Fernández, 1991, páx. 135)

Xunto con esta táboa, pódese presentar a distinción de dúas etapas na vida de Francisco Sánchez: a primeira, que comprende entre o 1567 e 1580, na que desenvolve a filosofía espontánea e a segunda, que comeza no ano 1581 e remata no 1623, no que se integra social e academicamente alén de redactar os comentarios a Aristóteles e a súa obra médica (González Fernández, 1991, páx. 136).

Especúlase que os motivos da chegada da familia Sánchez a terras galegas remóntase ata a implantación do Edicto de Granada promulgado polos Reis Católicos no ano 1492. Moitas das familias hebreas da península víronse obrigadas a fuxir do reinado de Fernando e Isabel. Con todo, certo número de xudeus chegaron á actual Galicia con obxecto de aproveitarse do seu difícil acceso, das oportunidades de escape que proporcionaba o Atlántico e das oportunidades comerciais que brindaba a fronteira con Portugal. Outro aliciente para emigrar a Galicia foi a tardía implantación dos tribunais da Inquisición, cuxa constitución oficial data do 1562 (González Fernández, 1991, páxs. 137-138).

O paso de Tui a Braga da familia de Francisco Sánchez, segundo indican Martín González e Darío Álvarez, tivo motivos relixiosos (González Fernández, 1991; Álvarez Blázquez, 1959). Da estancia en Portugal so é posible aseverar o baptismo de Francisco Sánchez na localidade de Sâo Joâo de Souto. O abandono de Braga por Burdeos prodúcese no 1562.

Como explicación do traslado a Francia postúlanse dúas hipóteses principais que son perfectamente compatibles: o esplendor humanista galo do século XVI ou o cambio de actitude respecto dos xudeos en Portugal. Malia que o tribunal inquisidor funcionaba dende 1536 existía certa tolerancia fronte o colectivo xudeu. Pero co paso do tempo estableceuse un criterio de pureza de sangue para poder desenvolver actividade laboral así como boicots aos negocio xudeos. É en 1560 cando comeza a expulsión oficial por comanda da Santa Sede e do bispo de Porto (González Fernández, 1991, páx. 139).

En 1562 chega Francisco Sánchez a Burdeos, onde xa residía o seu tío Adán e onde se matricularía no Collège de Guyenne (Orden Jiménez, 2012, páx. 14). Nesta institución educativa traballaba Gentien Hervet que era traductor e editor dos textos de Sexto Empírico e considérase que foi el quen aproximou as teses escépticas a Francisco Sánchez (González Fernández, 1991, páx. 140).

No ano 1569 abandona Burdeos, por motivos académicos, e diríxese cara a península itálica. Estuda medicina en Roma no Archigimnasio della Sapienza. Foi axudante dos seus profesores na operación levada acabo en Ferrara no ano 1572 á duquesa Bárbara de Este, esposa de Alfonso II de Este. A aventura italiana serveulle para afondar nos seus coñecementos en anatomía e medicina así como para entrar en contacto ca filosofía escolástica e o pensamento neoplatónico, tradicións que ás que se oporá nun futuro (González Fernández, 1991, páxs. 140-141).

No ano 1573 Francisco Sánchez volta a Francia seducido pola fama da Facultade de Medicina de Montepellier e matrículase co fin de proseguir os seus estudos o 21 de outubro dese mesmo ano, doutorándose o 5 de xuño de 1574. A estadía de Francisco Sánchez nesta cidade é curta debido á preocupación nada das Guerras de Relixión pois a cidade estaba abarrotada de hugonotes (González Fernández, 1991, páx. 142).

Tendo en conta estes acontecementos decide mudarse a Tolosa no ano 1575 ata o final dos seus días. Será no período que vai do 1575 ao 1581, onde non se atopa comprometido con ningunha institución o momento filosófico máis prolífico de Francisco Sánchez.

Ao longo de toda a súa vida, Francisco Sánchez, tivo problemas para acceder á Administración Pública pola súa horixe hebrea, malia practicar a fe católica. Esta situación cambia no ano 1581 cando ocupa unha vacante no Hôtel Saint-Jacques como Lector de Cirurxía. No ano 1585 é nomeado como Doctor Regente na Facultade de Artes de Tolosa, onde ensinará filosofía durante 25 anos. Asemade, no 1610 acada a cátedra na Facultade de Medicina. Finalmente, finará nesta cidade francesa, onde acadou a integración social e académica, no ano 1623 aos 73 anos de idade (González Fernández, 1991, páx. 144).

Pensamento filosófico

editar

Refutación das teorías platónicas

editar

Francisco Sánchez levou a cabo unha crítica ao platonismo, centrándose na teoría do coñecemento. A influencia de Platón no Renacemento era escasa. É probable que durante os anos que pasou en Italia, Sánchez entrase en contacto coa teoría da reminiscencia. Para refutala, no Quod Nihil Scitur emprega o método da pregunta, moi semellante á ironía socrática.

Sánchez califica a teoría de Platón de absurda, xa que erra ao confundir “saber” e “lembrar”. Calquera persoa que use a razón natural, verá que “saber” está vencellado á operación do entendemento, mentres que “lembrar” está relacionado coa memoria. Mesmo os brutos son capaces de lembrar e carecen de coñecemento científico. (González Fernández, 1991, páx 169). Un dos argumentos esgrimidos é que cando coñecemos aquilo que é novo, non dicimos que o tiñamos esquecido, senón que non o sabiamos ata ese momento. O filósofo tudense recorre ao empirismo e presenta o seguinte argumento:

“¿Sabía ou non sabía a alma antes de entrar no corpo? (...) Unha de dúas: ou aquela ciencia da alma era só lembranza, ou non; e, si era, sería recordo doutra alma que había nela, a cal o sabería todo antes de estar na túa. E sobre o coñecemento desa outra alma poderíamos tamén preguntarnos: ¿Era ou non era lembrar? Así podería levarte até o infinito. E se esa outra alma non lembraba o que sabía a anterior e aprendeuno por sí mesma, iso quere dicir que se esqueceu antes. ¿Por qué? E se se tiña esquecido e logo o aprendeu, ¿non era o seu saber, en definitiva, outro modo de lembranza? Tamén imos por acó ó infinito”. (Sánchez, Quod Nihil Scitur, 75-6; ed. Sa, 38 recollido en González Fernández, 1991, páx. 171).

A teoría de Platón non atopa fundamento nin na razón nin na experiencia. Polo tanto, a teoría da reminiscencia non pode ser comprobada. Porén, aínda que puidese ser comprobada empiricamente, a teoría de Platón sería falsa: se lembramos aquilo que xa estaba na nosa memoria e fora arrincado, o correcto sería falar de “novo coñecemento” e non de “recordo” (Carlos Mellizo, 1975, páx. 224).

Refutación das teorías aristotélicas

editar

Francisco Sánchez inicia o Quod nihil scitur coa afirmación: “Nin tan sequera sei que non sei nada” (Sánchez, 1955, páx.15) adiantando que esta afirmación lle serve de lábaro para dela inferir que “nada se sabe” (Sánchez, 1955, páx.15). A crítica á Escolástica non era algo novidoso no Renacemento, pero Sánchez destaca por efectuar unha crítica apoiándose no ockhamismo e no escepticismo clásico. De feito, é probable que o Quod Nihil Scitur vaia dirixido as Summulae de Pedro Hispano, comentador da obra aristotélica. (González Fernández, 1991, páx 158).

A crítica á epistemoloxía aristotélica de Sánchez pon en dúbida o aparello categorial e a xénese e natureza da propia produción científica. O filósofo conclúe que é un erro chamarlle hábito á ciencia, pois a ciencia non é unha cualidade:

“Que di, pois Aristóteles? Que a ciencia é un hábito adquIrido por demostración. Non o entendo. Esa definición é pésima. Consiste en defini-lo oscuro polo máis oscuro. Así é como se engana aos homes. ¿Que é un hábito? Seino menos aínda que o que é a ciencia.” (Sánchez, Quod Nihil Scitur, 54; ed. M., 18)

Ademais, Sánchez ocúpase do debate sobre os universais, decantándose polo lado dos nominalistas. Antes mesmo de se interrogar sobre a natureza da ciencia, Francisco Sánchez ve nas definicións escolásticas nada máis que palabras (flatus voces):

“(...) todas as definicións son verbais, ben como case todas as cuestións. Explícome. A eséncia das cousas non a podemos coñecer — polo menos eu” (Ibid., páx.15).

Os universais dos que fala Aristóteles son unha mera ficción. O que nos semella unha natureza común, é en realidade un similitudo ou semellezanza entre as naturezas individuais. O papel do Intelecto Axente é falso xa que o coñecemento que se dá entre intelecto e cousa é inmediato. Sánchez adopta un nominalismo antiaristoélico ( Orden Jiménez, 2012, páx. 31) Aínda que se opón ao nominalismo tardío por identificarse co terminismo, céntrase no rexeitamente do realismo con argumentos como o seguinte: “sería lícito definir ao home como animal racional se un só deles ou varios foran irracionais? (Sánchez, Quod Nihil Scitur, 121-2; ed. Sa,78 recollido en González Fernández, 1991, páx. 162)

Sánchez tenta refutar a base ontolóxica das teorías aristotélicas e da Escolástica. O argumento que expón non é novo, pero a súa orixionalidade está no cuestionamento das causas material e formal. Se toda ciencia deriva do coñecemento das causas, se alguén estuda a causa material e formal, deberá examinar tamén as causas da causa formal e material. As consecuencias deste plantexamento son que que ou ben a definición de ciencia aristotélica é incorrecta ou ben é unha ciencia imposible (González Fernández, 1991, páx.168).

“Compre coñecer tódalas causas para coñece-las cousas? De ningunha maneira é preciso coñece-las eficientes, pois ¿qué contribuie meu pai para o coñecemento da miña persoa? E, por outra banda, ¿cándo poderás acabar? Pois se queres coñecer perfectamente o causado, tamén terás que coñecer perfactamente as causas. Pero, non poderás ter un perfecto coñecimento nen das causas eficientes nen das finais. Velaí porqué: Para que me coñezas perfectamente a min, compre que coñezas tamén perfectamente ó meu pai,; para coñecer a éste será menester que coñezas ante só meu abó; e despois deste a outro: E así infinitamente.” (Sánchez, Quod Nihil Scitur, 78-9; ed. Sa, 40 recollido en González Fernández, 1991, páx. 168).

A obra de Francisco Sánchez trata temas tan diversos como a medicina, a filosofía, a astronomía ou as matemáticas. O conxunto dos seus escritos pódese clasificar atendendo a un dobre criterio: as obras coñecidas ou aquelas das que só existen referencias e as obras publicadas durante a súa vida ou de forma póstuma (González Fernández, 1991, páx. 144).

Os tratados coñecidos e publicados durante a vida de Sánchez son os seguintes:

  • Carmen de cometa annii MDLXXVII. Foi editado en Lyon por Francisco Sánchez en 1578.  Nel dirixe unha crítica contra a astroloxía, a superstición e exalta a natureza humana.
  • Quod nihil scitur. Tamén foi editado por Francisco Sánchez en 1581. Da primeira edición consérvase un exemplar na Biblioteca Nacional de Madrid.

A obra coñecida mais publicada postumamente inclúe:

  • Opera medica. Foi editada polos fillos de Sánchez. Comprende un conxunto de tratados médicos e filosóficos. A súa vez, os tratados filosóficos abranguen catro escritos menores nos que Sánchez profundiza na crítica ao Neoplatonismo: 
  • De Longitudine, et Brevitate Vitae, liber
  • In Lib.Aristotelis Physiognomicon Comentarius
  • De Divinatione per Somnum sf Aristotelem
  • Quod Nihil scitur, liber
  • Segunda carta consulta a Cristobal Clavio sobre xeometria. Foi publicada por Joaquín Iriarte en 1940. Calcúlase que foi escrita en 1589 e pertencía a unha correspondencia epistolar máis ampla que se perdeu. 

Finalmente, as obras que só aparecen referenciadas son:

  • Erotema super geometricas Euclidis demonstrationes ad Christophorum Clavium. É referenciada polo seu discípulo Raymundus Delassus. Henri-Pierre Cazac dátaa de 1575. 
  • De Modo Sciendi. Francisco Sánchez menciónaa en Quod Nihil Scitur. A pesar de que Sánchez considerou que a deixou incompleta, Cazac sitúa a súa redacción en 1576.
  • Tractatus de Anima. Francisco Sánchez referénciaa en Quod Nihil Scitur e De Longitudine et Brevitate Vitae.
  • Examen Rerum. Francisco Sánchez referénciaa en Quod Nihil Scitur e De Longitudine et Brevitate Vitae. Data de 1577.
  • Libri de Natura. É aludida por Francisco Sánchez en Quod Nihil Scitur. 
  • Tractatus de Loco. De novo, é referenciada por Francisco Sánchez en Quod Nihil Scitur. Cazac sostén que foi escrita en 1579.
  • Tractatus de Vita. A única referencia que atopamos é a do propio Sánchez.
  • Tractatus de Elementis. Aparece mencionada na Opera Medica. 
  • Commentarius in libros Metheororum. É nomeada por Sánchez no In Lib. Aristotelis Physiognomicon. 
  • Traicté de os, de l’usage, substance, différence et nombre des os. Segundo Jules Barbot perdeuse no incendio dos Archives Departamentales de Toulouse.

Referencias

editar