Wikipedia:Artigo destacado/xuño 2023

Tā moko é un debuxo permanente no corpo e na face dos maorís, o pobo indíxena de Nova Zelandia. É diferente da tatuaxe tradicional, xa que se corta a pel cun uhi (cicel) no canto de perforarse. Isto deixa a pel cunha fenda en lugar dunha superficie lisa.

O capitán James Cook escribiu en 1769:

As marcas son en xeral espirais debuxadas con gran sutileza e mesmo elegancia. Un lado correspóndese co outro. As marcas no corpo semellan follaxe que forma ornamentos, xiros de filigranas traballadas, pero nelas hai tal diversidade de formas que, aínda que ao comezo parecía que había unhas exactamente iguais, o certo é que non hai dúas iguais despois de facer un exame minucioso.

Os tohunga-tā-moko (ou tatuadores) considéranse tapu ou, excepcionalmente, inviolábeis e sagrados.

A utilización tradicional destas marcas tiña un significado, por exemplo: a folla do fento de dobre cara adoita indicar que quen leva a marca é un guerreiro.