Wikipedia:Artigo destacado/outubro 2018

Xoán I de Inglaterra, nado o 24 de decembro de 1166 e finado 19 de outubro de 1216, tamén coñecido como Xoán sen Terra (en anglonormando: Johan sanz Terre), foi rei de Inglaterra desde o 6 de abril de 1199 ata a súa morte en 1216. Xoán perdeu o Ducado de Normandía fronte ao rei Filipe II de Francia, o que provocou a perda da maior parte do Imperio anxevino e o subsecuente aumento de poder da dinastía dos Capetos durante o século XIII. A revolta dos baróns ao final do reinado de Xoán levou á sinatura da Carta Magna, un documento que se considera ás veces o primeiro paso na evolución da constitución do Reino Unido.

Xoán foi o máis novo dos cinco fillos do rei Henrique II de Inglaterra e Leonor de Aquitania, e nun primeiro momento non se esperaba que herdase unha gran cantidade de terras. Trala errada revolta dos seus irmáns máis vellos entre 1173 e 1174, Xoán pasou a ser o favorito do rei. Recibiu en 1177 o Señorío de Irlanda así como unha gran cantidade de terras en Inglaterra e no continente. Os irmáns de Xoán, Guillerme, Henrique e Godofredo morreron novos; nese momento Ricardo I ascendeu ao trono en 1189, e Xoán pasou a ser o potencial herdeiro. Mentres o seu irmán Ricardo participaba na Terceira Cruzada, Xoán liderou un intento de rebelión contra o administrador real. Porén, trala morte de Ricardo en 1199, Xoán foi proclamado rei de Inglaterra e chegou a un acordo con Filipe II de Francia polo que o francés recoñecía as posesións continentais de Xoán polo tratado de Le Goulet do ano 1200.