Wikipedia:Artigo destacado/novembro 2013

A expresión guerra sucia en Arxentina adoita designar o réxime de violencia indiscriminada, persecucións, represión ilegal, tortura sistematizada, desaparición forzada de persoas, manipulación da información e terrorismo de Estado que caracterizou a ditadura militar de Arxentina, autodenominada Proceso de Reorganización Nacional, que gobernou o país entre os anos 1976 e 1983.

A denominación alude ao carácter informal e non regulamentado do enfrontamento entre o poder militar —desligado da autoridade civil— contra a mesma poboación civil e as organizacións guerrilleiras, que non obtivo en ningún momento a consideración explícita de guerra civil. O uso sistemático da violencia e a súa extensión contra obxectivos civís no marco da toma do poder político e burocrático polas Forzas Armadas, determinou a inmediata suspensión dos dereitos e garantías constitucionais e propiciou a aplicación de tácticas e procedementos bélicos irregulares a toda a poboación. Porén, esta denominación foi e aínda é moi discutida por algunhas organizacións políticas e de dereitos humanos, que obxectan a cualificación de "guerra" xa que esta foi a definición do conflito esgrimida orixinariamente pola ditadura militar para xustificar a represión indiscriminada, aducindo que "as mortes son inevitábeis nunha guerra".