Wikipedia:Artigo destacado/decembro 2022

Touro Sentado (en lakota: Tȟatȟáŋka Íyotake; en inglés: Sitting Bull), nado co nome Húŋkešni (Lento) ou Ȟoká Psíče (Teixugo saltador) en Grand River, no Territorio de Dacota en 1831 e finado na reserva india de Standing Rock o 15 de decembro de 1890, foi un líder dos lakota hunkpapa que dirixiu ao seu pobo durante anos de resistencia contra as políticas do goberno dos Estados Unidos. Foi asasinado pola policía da axencia india na reserva india de Standing Rock durante un intento de arrestalo, nun momento no que as autoridades temían que se unise ao movemento da danza dos espíritos.

Antes da batalla de Little Bighorn, Touro Sentado tivo unha visión na que viu moitos soldados, "tan grosos coma saltóns", caendo boca abaixo no campamento dos lakota, o cal o seu pobo tomou como presaxio dunha gran vitoria na que morrían moitos soldados. Unhas tres semanas despois, as tribos lakota confederadas cos cheyennes do norte derrotaron ao 7º de Cabalaría ao mando do Tenente Coronel George Armstrong Custer o 25 de xuño de 1876, aniquilando o batallón de Custer e confirmando a visión profética de Touro Sentado.

O liderado de Touro Sentado inspirou ao seu pobo a unha gran vitoria. En resposta, o goberno dos Estados Unidos enviou milleiros de soldados máis á zona, o que obrigou a moitos dos lakota a renderse durante o próximo ano. Touro Sentado negouse a renderse, e en maio de 1877, dirixiu a súa banda cara ao norte até Wood Mountain, Territorio do Noroeste (agora Saskatchewan). Permaneceu alí até 1881, momento no que el e a maior parte da súa banda regresaron a territorio estadounidense e rendéronse ás forzas estadounidenses.