As vorticelas son protozoos ciliados do xénero Vorticella, do que se coñecen unhas 16 especies. Son protozoos cun pedúnculo ou talo contráctil, polo que son sésiles (fixados ao substrato) e con forma de campá invertida, aínda que tamén teñen unha fase de vida libre. Clasifícanse como perítricos[1]. O pedúnculo contén unha fibrila contráctil chamada mionema. Cando son estimuladas, o mionema acórtase, causando que o pedúnculo se enrosque como un resorte. As especies de Vorticella viven principalmente en augas doces encoradas e correntes onde hai moitos protistas e bacterias.

Está rodeada por unha película. Ten tres ringleiras de cilios arredor da beira da campá, que se moven creando un vórtice (de onde vén o nome do xénero), que arrastra a comida (bacterias e algún pequeno flaxelado) cara ao funil oral superior. O alimento entra no funil e fórmase un vacúolo alimenticio, dixírese a comida e os refugallos son expulsados por un orificio da parte superior chamado citopixio. Presenta macronúcleo con forma de ferradura e micronúcleo, e vacúolos contráctiles que expulsan o exceso de auga.[2] Cando o pedúnculo se contrae os cilios do peristoma dóbranse cara ao interior da campá.

Reprodúcense por xemación, durante a cal a célula experimenta unha fisión lonxitudinal e só unha das células fillas queda co pedúnculo. A célula filla que queda libre convértese nun telotroco, que nada ata que encontra un substrato axeitado ao que fixarse e desenvolve o seu propio pedúnculo. Poden tamén reproducirse por conxugación, unha forma de reprodución sexual na que dous individuos se unen pola fenda oral e intercambian ADN.

Os telotrocos son as formas nadadoras móbiles. Cando se contraen e retorcen, a película que os cobre enrúgase como un acordeón na parte posterior.[3]

Hai especies parecidas ás vorticelas, que se clasifican noutro xénero, como as do xénero Carchesium, pero que son ramificadas ou coloniais.

As especies de Vorticella ás veces permanecen en grupos considerados "colonias", pero non son verdadeiras colonias porque cada célula ten o seu propio pedúnculo. Isto permite que se separen do grupo en calquera momento, xeralmente porque se transforman en telotrocos cando as condicións ambientais empeoran.

As vorticelas, igual ca outros ciliados, teñen un código xenético que se aparta algo do estándar, xa que o codón de parada UAA codifica o aminoácido glutamato en vez de parar a tradución de proteínas[4]. Para distinguir entre especies de vorticelas agora utilízanse os estudos comparativos do xene do ARNr da subunidade menor do seu ribosoma.[5]

Unha das especies máis comúns é V. campanula, que parece ser que xa foi observada por Antoni van Leeuwenhoek.

Especies comúns editar

 
Esquema de vorticelas.


 
Secuencia que mostra a activación do "resorte" de Vorticella.

Notas editar

  1. Encyclopaedia Britannica Vorticella
  2. Vorticella
  3. Rosemarie Arbur
  4. Sánchez-Silva R, Villalobo E, Morin L, Torres A. A new noncanonical nuclear genetic code: translation of UAA into glutamate. Curr Biol. 2003 Mar 4;13(5):442-7. PMID 12620196. [1]
  5. Itabashi T, Mikami K, Fang J, Asai H. Phylogenetic relationships between Vorticella convallaria and other species inferred from small subunit rRNA gene sequences. Zoolog Sci. 2002 Aug;19(8):931-7. PMID 12193809. [2]
  6. ITIS - 46497 - Vorticella - 28 xullo 2012 ITIS. Lista de especies.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar