Antoni van Leeuwenhoek
Antoni van Leeuwenhoek[1], nado en Delft o 24 de outubro de 1632 e finado o 26 de agosto de 1723, foi un neerlandés destacado como mercador, agrimensor, tratante de viño, vidreiro e microbiólogo. Van Leeuwenhoek é sobre todo coñecido polo microscopio inventado por el mesmo e mais polo seu traballo pioneiro nas áreas da bioloxía celular e da microbioloxía. Está considerado como un dos primeiros microscopistas e microbiólogos.[2][3] Foi o primeiro en conseguir observar e describir organismos unicelulares. Foi un dos membros da Escola de Delft de microbioloxía[4].
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 24 de outubro de 1632 Delft (Provincias Unidas) |
Morte | 26 de agosto de 1723 (90 anos) Delft (Provincias Unidas) |
Lugar de sepultura | Igrexa vella de Delft |
Chamberkeeper (en) | |
1660 – 1699 | |
Datos persoais | |
Residencia | Países Baixos |
Actividade | |
Campo de traballo | Microscopia e microbioloxía |
Lugar de traballo | Delft (1654–1723) Ámsterdam (1648–1648) |
Ocupación | wine measurer (en) (1673–1673), agrimensor (1669–1669), contable (1648–1648), tesoureiro (pt) (1648–1648), microbiólogo, construtor de instrumentos, comerciante, físico, biólogo |
Membro de | Royal Society (1680–) |
Influencias | |
Familia | |
Cónxuxe | Cornelia Swalmius (1671–) Barbara de Mey (1654–) |
Pais | Philips Antonisz. van Leeuwenhoek e Margaretha Bel van der Berch |
Premios | |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Левенгук Антони ван) Enciclopedia de Otto |
Continuou os traballos de Jan Swammerdam (1637-1680), e foi tamén o primeiro a rexistrar observacións microscópicas de fibras musculares, bacterias, espermatozoides e fluxo sanguíneo en capilares.
A partir de 1674 fixo un bo número de achados que foron divulgados grazas á Royal Society de Londres.
Traxectoria
editarEra fillo dos comerciantes de cestas Philips Teunisz Leeuwenhoeck e Margriete Jacobsdr van den Berch, casados en Delft o 30 de xaneiro de 1622, e que vivían nunha casa acomodada da rúa Leeuwenpoort.[5][6] Foi batizado na igrexa reformada protestante.[7] Antes de cumprir os seis aos, o seu pai e dúas das súas irmás máis novas xa faleceran. A súa nai volve casar en 1640, metendo a van Leeuwenhoek nun internado na vila de Warmond, preto de Leiden.[8] Pouco despois foi a vivir á casa dun tío en Benthuizen, vila situada ao nordeste de Delft. Cando tiña 16 anos o seu padrasto faleceu e a súa nai enviouno, como aprendiz de fabricante e tratante de panos, a Ámsterdan, para que ingresara no mundo laboral.[9] Despois da súa aprendizaxe ocupou as funcións de contable e de caixeiro na casa do seu mestre.[7]
Máis tarde regresou a Delft, onde residiría o resto da súa vida, e abriu a súa propia tenda de panos e mercería. Sábese moi pouco sobre as súas actividades comerciais.[7] O 11 de xullo de 1654 casou con Berber (Bárbara) de Mey, filla dun comerciante de teas. Catro dos seus cinco fillos morreron novos. En 1660 obtivo o cargo de chambelán do Lord Rexente de Delft. En 1669 converteuse en agrimensor, e a partir de 1679 desempeña o posto de inspector e controlador de viños;[10] todo isto indica que van Leeuwenhoek ocupaba unha posición próspera na cidade.[6] Crese que deixou o seu negocio de teas pouco despois de 1660, porque na súa correspondencia non o menciona.[11]
Carente dunha formación científica ortodoxa, en 1653 van Leeuwenhoek viu o seu primeiro microscopio simple, unha lupa montada nun pequeno soporte que era utilizado polos comerciantes téxtiles, cunha capacidade de ampliación de 3 aumentos, e que el adquiriu para o seu propio uso. Entusiasmado cos múltiples usos do microscopio, Leewenhoeck prefería os de lente pequena e única (biconvexa e con foco moi curto), isto é, microscopios simples ou lupas, a pesar de que os microscopios compostos xa eran comúns antes de 1650. Cos seus microscopios montados entre placas de metal conseguiu aumentos da orde da centena.
Segundo parece os seus postos de traballo municipais permitíanlle dedicar un tempo considerábel á súa paixón, a microscopía.[11]. En 1666 a súa muller morre, e en 1671 casa con Cornelia Swalmius; van Leeuwenhoek sobreviviu á súa segunda esposa, que morreu en 1694,[12] deixándoo ao cargo de María, única supervivente dos seus cinco fillos.[13]
As súas finanzas son saneadas, e máis aínda cando herda unha casa da familia da súa primeira esposa. En 1666 compra un xardín nas aforas da cidade, e en 1681 adquire un cabalo. Un dato que indica a súa fortuna é a herdanza que lle deixa á súa filla María á súa morte, en 1745, unhas 90.000 guineas, que era unha suma considerábel para a época.[11] Porén, algúns autores indican que van Leeuwenhoek "ocupou un modesto emprego municipal até a súa morte".[14]
Constantijn Huygens (1596-1687) escribiu:
"Pódese ver como o bo Leeuwenhoeck non se cansa de remexer por todas as partes até onde o seu microscopio pode chegar, e se boa parte doutros moito máis sabios tiveran dedicado o mesmo esforzo, o descubrimento de cousas belas iría moito máis lonxe".[15]
Ora ben, observacións coma estas suscitaban a admiración dos científicos do seu tempo, aínda que posteriormente se lle criticara a súa falta de coñecementos científicos, acentuada a crítica polo feito de que non coñecía ningunha lingua estranxeira.[11]
Porén, esta ausencia de coñecementos científicos permitiulle realizar as súas observacións desde un punto de vista novo, sen os prexuízos dos anatomistas da súa época.[16]
Deixou unha inmensa obra unicamente constituída por cartas (algunhas publicadas en Philosophical Transactions of the Royal Society), máis de 300, totalmente redactadas en neerlandés e a maioría enviadas á Royal Society.[17][18][19]
Nunha carta dirixida a Henry Oldenburg, datada o 30 de outubro de 1676, escríbelle que espera recibir dos seus correspondentes as obxecións ás súas observacións, e que se compromete a corrixir os seus erros.[20]
Por outra parte, tamén responde aos primeiros sinais de escepticismo que xurdiran coa aparición das súas observacións cunha evidente confianza en si mesmo.[20]
As súas observacións foron o suficientemente famosas como para que tivera que recibir a numerosos visitantes, algúns da altura da raíña María II de Inglaterra (1662-1694), do tsar Pedro o Grande (1672-1725) ou de Federico I de Prusia (1657-1713),[19][21] ademais de filósofos e sabios, médicos e eclesiásticos. Van Leeuwenhoek realizou ante eles numerosas demostracións; por exemplo, mostroulle a Pedro o Grande a circulación sanguínea na cola dunha anguía.[19]
Morreu o 26 de agosto de 1723 en Delft, á idade de 90 anos.[22]
O 31 de agosto foi enterrado na Oude Kerk (Igrexa Vella) da cidade[23]. Durante a súa vida fabricou máis de 500 lentes.[19] O seu desenvolvemento do microscopio foi utilizado e mellorado por Christiaan Huygens para a súa propia investigación sobre microscopía. Tense destacado tamén a influencia que exerceu sobre a Monadoloxía de Gottfried Wilhelm Leibniz.
Obra científica
editarMicroscopios
editarO desenvolvemento do microscopio máis antigo deuse por volta do século XVII por dous fabricantes de lentes: Hans Lippershey (1570– 1619) e Sacharias Jansen (ca. 1585 – ca. 1632), que están asociados ó descubrimento do microscopio e do telescopio. Grazas a lentes e lupas, Van Leeuwenhoek podía verificar a calidade dos tecidos fabricados: unha lupa de tres aumentos, coñecida como "contador de fíos". O neerlandés Jan Swammerdam (1637-1680) e o inglés Robert Hooke (1635-1703) utilizaron un microscopio composto por ocular e obxectivo, mais o poder de aumento non era tan elevado como o inventado por Van Leeuwenhoek. Mentres que o microscopio de Hooke tiña 30 aumentos, o de Leeuwenhoek chegaba até os 480. O museo universitario de Utrecht aínda posúe un exemplar de 270 aumentos. A investigación microscópica por Hooke levou en setembro de 1664 ao libro Micrographia: or Some Physiological Descriptions of Miniature Bodies Made by Magnifying Glasses. Neste libro Hooke describe minuciosamente unha célula vexetal, un ollo composto de mosca e unha pulga. Foi probabelmente esta publicación que levou Leeuwenhoek a apuntar as súas lentes a algo mais que os seus tecidos. Van Leeuwenhoek era un autodidacta: sen ningunha formación de ámbito científico e sen coñecemento de linguas estranxeiras conseguiu observar e describir os seus descubrimentos. En contraste co microscopio de Hooke, o de Van den Leeuwenhoek posuía invariabelmente unha lente entre dúas placas metálicas, a peza a estudar encontrábase sempre fixa con parafusos e nunha posición tal que puidese ser claramente observada.
Mentres desenvolvía o seu traballo como comerciante de tecidos, construíu para a observación da calidade das teas lupas moito mellores que as que se podían conseguir nese momento, tras aprender pola súa conta o soprado e o pulimento do vidro.[10]
Desenvolveu tanto fixacións para pequenas lentes biconvexas montadas sobre platinas de latón, que se sostiñan moi cerca do ollo, ao xeito dos anteollos actuais, como estruturas tipo microscopio nas que se podían fixar tanto a lente coma o obxecto a observar. A través deles podía observar obxectos, que montaba sobre a cabeza dun alfinete, ampliándoos até trescentas veces (potencia que excedía con moito a dos primeiros microscopios de lentes múltiplas). Tamén empregou un método secreto que, probabelmente, fora o da iluminación con fondo escuro ou, quizais, en certos casos, o confinamento das súas mostras nunha gota de líquido.
A maior parte dos resultados das súas observacións microscópicas foron enviados á Royal Society en cartas ilustradas por el mesmo. O encargado de facelas chegar a esta prestixiosa sociedade foi o médico e anatomista neerlandés Regnier de Graaf (1641-1673), que presenta as primeiras observacións de van Leeuwenhoek en 1673. Nelas describe a estrutura do mofo e do aguillón das abellas.[24][25] Comeza entón un intenso intercambio de cartas entre van Leeuwenhoek e os membros da sociedade científica londiniense, correspondencia que proseguirá durante case 40 anos, até a súa morte en 1723.[26]
A correspondencia era caracteristicamente pouco sistemática, de ton entusiasmado e redactada en neerlandés, e a súa fama atraeu ao seu lugar de residencia as visitas doutros colegas micoscopistas e mesmo persoas da realeza.
A Royal Society admíteo como membro en 1680, e a Academia das Ciencias de París noméao membro correspondente en 1699.[17][27]
Á súa morte legou 26 microscopios á Royal Society que nunca se usaron e que, un século máis tarde, xa se perderan. O 29 de maio de 1747, dous anos despois da morte da súa filla María, véndese un lote de máis de 350 dos seus microscopios. Deles, 247 estaban completos, moitos conservando aínda o último espécime observado. Dous destes instrumentos tiñan dúas lentes e un contaba con tres.[10][28]
Os seus mellores aparellos conseguían máis de 200 aumentos.[29] Non deixou ningunha indicación sobre os seus métodos de fabricación das lentes, e houbo que esperar varias décadas para dispoñer de novo de aparellos tan potentes.[30] Ignórase como iluminaba os obxectos observados, así como a súa potencia. O máis potente dos seus instrumentos conservados hoxe en día ten unha taxa de ampliación de 275 veces e un poder de resolución de 1,4 μm.[31]
Aínda que regalou moitos dos seus microscopios aos seus achegados, nunca vendeu ningún.[28] Calcúlase que só unha decena dos microscopios que construíu se conservan no presente.
Van Leeuwenhoek mantivo durante toda a súa vida que había aspectos da construción dos seus microscopios "que só gardo para min", en particular, o seu secreto máis importante era a forma en que creaba as lentes. Durante moitos anos ninguén foi capaz de reconstruír as súas técnicas de deseño. Finalmente, nos anos 1950 C. Stong usou un delgado fío de cristal fundido en vez do puído, e creou con éxito algunhas mostras funcionais dun microscopio do deseño de van Leeuwenhoek.[32]
O descubrimento dos protozoos
editarVan Leeuwenhoek foi, probabelmente, a primeira persoa en observar bacterias e outros microorganismos. Nunha carta datada o 7 de setembro de 1674, evoca por primeira vez as minúsculas formas de vida que observou nas augas dun lago preto de Delft.
Despois de mencionar de novo estas criaturas en dúas cartas, unha do 20 de decembro de 1675 e outra do 22 de xaneiro de 1676, e nunha moi extensa, de dezasete follas, datada o 9 de outubro de 1676, describe o que hoxe denominamos protozoos, especialmente os ciliados os que se alimentan das algas (Euglena e Volvox).[33][34]
Describe numerosos organismos cuxa determinación é máis ou menos posíbel hoxe: Vorticella campanula, Oicomonas termo, Oxytricha sp.,[33] Stylonychia sp., Enchelys, Vaginicola, Coleps.[34]
Nunha carta do 1 de xuño de 1674 enviada a Henry Oldenburg, secretario da Royal Society, van Leeuwenhoek acompaña unhas mostras dos organismos que observara.
Pero estas observacións son recibidas con escepticismo polos científicos da época e, por iso, adxunta a unha carta do 5 de outubro de 1677 o testemuño de oito persoas (pastores, xuristas, médicos), que afirman ter visto eses numerosos e variados seres vivos.[35]
Tamén recibe o apoio de Robert Hooke (1635-1703) que, na súa Micrographia, ofrece a primeira descrición publicada dun microorganismo e que, na sesión do 15 de novembro de 1677 da Royal Society, afirma a realidade das observacións de van Leeuwenhoek.[35]
O tradutor das cartas que aparecen en Philosophical Transactions, a publicación da Royal Society, denomina a estes organismos animálculos.[36]
O descubrimento dos espermatozoides
editarEn 1677 Leeuwenhoek menciona por primeira vez os espermatozoides nunha carta enviada á Royal Society, na que fala de animálculos moi numerosos no esperma do can.[37]
Leeuwenhoek foi consciente de que as súas observacións, que mostraban que na semente contida nos testículos estaba o principio da reprodución dos mamíferos, ían chocar co paradigma da súa época, porque as súas observacións estaban en contra das teses desenvolvidas por grandes sabios, como William Harvey (1578-1657) ou Regnier de Graaf (1641-1673).[20]
Leeuwenhoek e a xeración espontánea
editarVan Leeuwenhoek tamén é coñecido por opoñerse á teoría, por aquel entón en vigor, da xeración espontánea. Como o italiano Francesco Redi (1626-1697) e outro neerlandés, Jan Swammerdam (1637-1680), fai numerosas observacións sobre os insectos e sobre a súa reprodución.
Aínda que ao principio das súas observacións non parece estar en contra desta teoría, realizando uns estudos a mediados dos anos 1670 diseca piollos e observa pequenas crías destes insectos nos ovos que se encontran no corpo das femias.[38] Realiza experiencias similares con pulgas e os seus ovos, aínda que non logra recoñecer ás pulgas ao ver as súas larvas, a pesar das observacións publicadas por Swammerdam uns anos antes.[39] Anos máis tarde volvería a estudar estes animais.
Estivo interesado, a principios de 1679, pola presenza dun verme (Fasciola hepatica) no fígado de cordeiro e, como Redi e Swammerdam, non comprendeu o complexo ciclo vital do animal, que non sería dilucidado até moitos anos despois.
Outras observacións
editarO interese de van Leeuwenhoek diríxese cara a obxectos moi variados, e aparentemente non segue un plano predefinido. As súas observacións no campo da zooloxía son numerosas, pero tamén en botánica, química, microbioloxía, física, fisioloxía e medicina.[40]
Leeuwenhoek observa que o verme do vinagre (Anguillula aceti) é vivíparo, outra proba que confirma a súa oposición á teoría da xeración espontánea.[37]
Estuda os glóbulos vermellos de numerosos animais e do ser humano, así como o rego sanguíneo nos capilares da cola dos cágados, nas patas das ras, na aleta caudal das anguías e nas ás dos morcegos.[40]
Describe a estrutura de diversas faneras: plumas de varias especies de aves, pelos e pel de osos ou escamas de peixes.[40]
Como outros microscopistas da súa época, estuda a anatomía de numerosos insectos, como as abellas, moscas pequenas, pulgas, chinches ou vermes da seda. É o primeiro en observar as diferentes posturas das larvas dos mosquitos (Culex e Anopheles).[40]
En botánica, estuda a estrutura das follas e da madeira de diversas especies. Interésase pola relación entre a estrutura de diversas especies e o seu gusto (café, pementa, té, noz moscada, xenxibre, salvia etc).[40]
Non todas as observacións de van Leeuwenhoek se dirixen cara aos seres vivos. Estuda e describe a pólvora antes e despois da súa combustión,[40] ou a estrutura de diversos metais, así como de rochas, cristais, sales e outros obxectos.[40]
Van Leeuwenhoek, nunha carta datada o 25 de abril de 1679, ofrece a que probabelmente sexa a primeira estimación da poboación máxima que podería alcanzar a Terra. Baséase na densidade da poboación de Holanda na súa época (120 persoas por quilómetro cadrado), e considera que a Terra podería acoller até 13,4 mil millóns de seres humanos.[41]
Método secreto
editarO seus resultados como científico dependían en gran medida dos seus coñecementos na fabricación de lentes, e por este motivo Van Leeuwenhoek escondeu sempre o seu método escrupulosamente. É posíbel que as súas lentes fosen feitas a partir dos restos de vidro que permanecían no tubo de soprado. Van Leeuwenhoek expuxo as súas observacións e conclusións en cartas que escribía a coñecidos, entre os cales estaba o médico de Delft e patólogo Reinier de Graaf, o cal o presentou á Royal Society en Londres. A partir de 1674 as súas descubertas foron publicadas nas Philosophical Transactions, pero debido ao descrédito co que foron recibidas, organizouse unha comisión para comprobar e admirar os inimaxinábeis seres microscópicos. En 1680 foi nomeado membro da Society e as súas descubertas foron consideradas produción científica. Van Leeuwenhoek enviou a Londres moitas mostras preparadas. En 1981 o microscopista británico Brian J. Ford descubriu que había aínda mostras orixinais de Van Leeuwenhoek en excelente estado de conservación e elevada calidade na colección da Royal Society.
Teoría dos glóbulos
editarDe acordo coa teoría da xeración espontánea, a vida pode ser xerada a partir de material sen vida (como a carne en putrefacción ou os fluídos en sabas sucias). Debido ás unidades fundamentais descubertas por Van Leeuwenhoek, tales como os gametos (células sexuais) animais e vexetais, a teoría da xeración espontánea puido ser descartada. Deste modo, todos os tecidos vivos ou mortos son constituídos por partículas globulares: glóbulos.
Descubrimentos
editar- en 1674: infusorios, mini-organismos acuáticos e protistas (unicelulares con núcleo); glóbulos vermellos, os cales Van Leeuwenhoek erroneamente pensaba que eran compostos por 6x6 glóbulos menores.
- en 1675: apodrecemento de léndreas e descubrimento de piollos embrionarios, o que desmentía a teoría da xeración espontánea.
- en 1676: descubrimento de bacterias en infusións de pementa. Descubriuse que o case invisíbel ácaro do queixo, que se aloxa no queixo curado duro, é un animal.
- en 1677: espermatozoide. A través dun profesor de Leiden obtivo unha mostra de seme dun home con gonorrea, pero a materia perecía tras un par de horas. Van Leeuwenhoek xa se aventurara nesta investigación catro anos antes con Henry Oldenburg, pero acabou por deixala de lado. De seguido investigou seme fresco saudábel e notou que nel había milleiros de pequenas criaturas.[42] As "sementes" masculinas movíanse por medio de caudas e por ese motivo foron considerados por Van Leeuwenhoek como os portadores da vida. De acordo con Van Leeuwenhoek, os órganos reprodutores femininos servirían apenas para nutrir a criatura xa preexistente no esperma. Esta opinión foi tamén traducida ó latín.
- en 1682: padrón estriado en fibras musculares.
- en 1688: investigación do sangue e da circulación sanguínea, publicada en Den waaragtigen omloop des bloeds, als mede dat de arteriën en venae gecontinueerde bloedvaten zijn, klaar voor de oogen gestelt. (o circuíto real do sangue, no cal arterias e veas se presentan como vasos sanguíneos continuos, claramente expostos ós ollos).
- en 1694: descrición minuciosa de cada un dos ollos simples do ollo composto dunha libélula.
- en 1694: anastomoses (rede) nas fibras musculares de corazón de pato. Esta rede non foi redescuberta até 1849.
Opinión dos historiadores da ciencia
editarJulius von Sachs (1832-1897) na súa Historia da botánica di que:
"Todos estes traballos de botánica están marcados por un carácter superficial que testemuña ocupacións puramente accidentais e pasaxeiras; o interese que manifestaba cara aos problemas da filosofía da natureza que reinaba na época da que falamos, en particular os que tocan ao dominio da teoría da evolución, a curiosidade pura e o desexo de abordar cuestións misteriosas e inaccesíbeis para a maioría, levaron a Leeuwenhoek a emprender os estudos dos que falamos. Pero non soubo coordinar os resultados das súas observacións para facerse unha idea exacta da estrutura vexetal en conxunto".[43]
Porén, Sachs recoñece a calidade das observacións de van Leeuwenhoek que demostran, segundo el, a gran potencia das lentes realizadas polo sabio neerlandés.
E Julius Victor Carus (1823-1903), na súa Historia da zooloxía, afirma:
"Foi dalgunha maneira o primeiro destes afeccionados que non demandan do microscopio máis que un tranquilo entretemento. [...] Case non hai sistemas anatómicos que Leuwenhœck [sic] non arrequecera con feitos importantes".
Para Carus,
"Non fixemos apenas progresos desde el até O. F. Muller".[44]
Aínda que existía a crenza de que van Leeuwenhoek traballaba dunha maneira que era esencialmente indisciplinada, utilizando métodos pouco ortodoxos e faltos de refinamento e obxectividade, ou mesmo poñendo en dúbida a atribución dalgunhas das súas observacions, as investigacións actuais amosan que, pola contra, realizaba os seus traballos a conciencia, rexistraba as súas observacións con meticulosa dilixencia e tiña unha capacidade clara para establecer procedementos experimentais racionais para a súa época, e contaba ademais cunha boa vontade para elevarse sobre as opinións existentes e abandonar crenzas anteriores á vista das evidencias.[25]
Medalla Leeuwenhoek
editarDesde 1877 a Real Academia Neerlandesa das Artes e as Ciencias (Koninklijke Nederlandse Akademie van Wetenschappen, KNAW) outorga na súa honra a Medalla Leeuwenhoek. Concédese cada dez anos ao científico que realizara a contribución máis significativa á microbioloxía durante a década precedente.
Notas
editar- ↑ Ese era o nome que empregaba para asinar as súas obras
- ↑ Chung, King-thom; Liu, Jong-kang: Pioneers in Microbiology: The Human Side of Science. (World Scientific Publishing, 2017, ISBN 978-9813202948). "We may fairly call Leeuwenhoek “The first microbiologist” because he was the first individual to actually culture, see, and describe a large array of microbial life. He actually measured the multiplication of the bugs. What is more amazing is that he published his discoveries."
- ↑ "Life at the Edge of Sight — Scott Chimileski, Roberto Kolter | Harvard University Press". www.hup.harvard.edu (en inglés). Consultado o 2018-01-26.
- ↑ Historia da Escola de Delft de Microbioloxía Arquivado 18 de outubro de 2017 en Wayback Machine., na web da Universidade de Tecnoloxía de Delft. (En inglés)
- ↑ Payne (1970) p. 23.
- ↑ 6,0 6,1 Hall (1989) p. 252.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Rooseboom (1950) p. 79.
- ↑ Payne (1970) p. 26.
- ↑ Payne (1970) p. 27.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Rooseboom (1950) p. 80.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 Rooseboom (1950) p. 82.
- ↑ Life and work of Antoni van Leeuwenhoek of Delft in Holland; 1632-1723 (1980). Publicado polos Arquivos Municipais de Delft, p. 3.
- ↑ Porter (1976) p. 266.
- ↑ Por exemplo Hamraoui (1999) p. 970.
- ↑ Carta do 4 de maio de 1679 extraída das en ligne Œuvres complètes de Christiaan Huygens, VIII : 159. Gallica.
- ↑ Rooseboom (1950) p. 83.
- ↑ 17,0 17,1 Collard, P. (1985). El desarrollo de la microbiologia. Reverté. pp. 8–10. ISBN 8429118098.
- ↑ Boutibonnes (1999) pp. 58-59.
- ↑ 19,0 19,1 19,2 19,3 Parker (1965) p. 443.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 Ruestow (1983) p. 187.
- ↑ Porter (1976) p. 263.
- ↑ Parker (1965) p. 442.
- ↑ Lista de personaxes soterrados na igrexa Arquivado 11 de outubro de 2017 en Wayback Machine.. Sitio web oficial da Igrexa Vella de Delft (en castelán e inglés).
- ↑ Porter (1976) p. 261.
- ↑ 25,0 25,1 Ford, B. J. (1992)
- ↑ Ver fundamentalmente Palm (1989).
- ↑ www.st2s-casteilla.net, ed. (12/04/2008). "Les premiers microscopes". Arquivado dende o orixinal o 29/10/2013. Consultado o 12/01/2011. (en francés)
- ↑ 28,0 28,1 Porter (1976) p. 264.
- ↑ Wiesmann et ál. (2006) p. 7.
- ↑ Wiesmann et ál. (2006) pp. 8-9.
- ↑ Porter (1976) p. 262.
- ↑ CARBONI, G. (03/1988). www.funsci.com, ed. "A Glass-Sphere Microscope". Arquivado dende o orixinal o 11/06/2010. Consultado o 12/01/2011. (en inglés)
- ↑ 33,0 33,1 Boutibonnes (1999) p. 59.
- ↑ 34,0 34,1 Finlay e Esteban (2001) p. 125.
- ↑ 35,0 35,1 Boutibonnes (1999) p. 62.
- ↑ Boutibonnes (1999) p. 64.
- ↑ 37,0 37,1 Hamraoui (1999) p. 970.
- ↑ Ruestow (1984) p. 231.
- ↑ Jan Swammerdam (1669), Historia insectorum generalis, ofte algemeene Verhandeling van de bloedeloose Dierkens (Utrecht) p. 74. Citado por Ruestow (1984) p. 231.
- ↑ 40,0 40,1 40,2 40,3 40,4 40,5 40,6 Porter (1976) p. 260.
- ↑ Cohen (1995): 19.
- ↑ Stipriaan, R. van (2005) Ooggetuigen van de Gouden Eeuw, p. 223-224.
- ↑ Julius von Sachs (1892). Histoire de la botanique du XVIe siècle à 1860, Reinwald (París) : xvi. O texto citado encóntrase nas páxinas 253-254.
- ↑ Julius Viktor Carus (1880). Histoire de la zoologie depuis l’Antiquité jusqu’au XIXe siècle. Baillière (París) : viii. O texto citado encóntrase nas páxinas 314-315.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Antoni van Leeuwenhoek |
Bibliografía
editar- Boutibonnes, P. (1999). "L'œil de Leeuwenhoek et l'invention de la microscopie". Alliage (en francés) 39: 58–66. ISSN 1144-5645. Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2010. Consultado o 06 de agosto de 2011..
- Cohen, J. E. (1995). "How Many People Can the Earth Support?" (PDF). The Sciences (en inglés) (The New York Academy of Sciences) 35 (6).
- Dobell, C. (1932, 1960). Anthony van Leeuwenhoek and his little animals (en inglés).
- Finlay, B. J. y Esteban, G. F. (2001). "Exploring Leeuwenhoek's legacy: the abundance and diversity of protozoa" (PDF). International Microbiology (en inglés) 4: 125–133. PMID 11820430. doi:10.1007/s10123-001-0027-y. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 11 de outubro de 2013.
- Ford, B. J. (1992). "From Dilettante to Diligent Experimenter: a Reappraisal of Leeuwenhoek as microscopist and investigator". Biology History (en inglés) 5 (3).
- Hall, A. R. (1989). "The Leeuwenhoek Lecture, 1988. Antoni van Leeuwenhoek 1632-1723". Notes and Records of the Royal Society of London (en inglés) 43 (2, Science and Civilization under William and Mary): 249–273. ISSN 0035-9149.
- Hamraoui, É. (1999). "Van Leeuwenhoek Antonie, 1632-1723". Dictionnaire d'histoire et philosophie des sciences (en francés) (París: Presses universitaires de France): 970.
- Palm, L. C. (1989). "Leeuwenhoek and Other Dutch Correspondents of the Royal Society". Notes and Records of the Royal Society of London (en inglés) 42 (2, Science and Civilization under William and Mary): 191–207. doi:10.1098/rsnr.1989.0014.
- Parker, V. (1965). "Antony van Leeuwenhoek" (PDF). Bulletin of the Medical Library Association (en inglés) 53 (3): 442–447. PMID 14306033.
- Payne, A. S. (1970). The Cleere Observer: A biography of Antoni van Leeuwenhoek (en inglés). Londres: Macmillan.
- Porter, J. R. (1976). "Antony van Leeuwenhoek: tercentenary of his discovery of bacteria" (PDF). Bacteriological Reviews (en inglés) 40 (2): 260–269. PMID 786250.
- Rooseboom, M. (1950). "Leeuwenhoek, the Man: A Son of His Nation and His Time". Bulletin of the British Society for the History of Science (en inglés) 1 (4): 79–85. doi:10.1017/S0950563600000294.
- Rostand, J. (1943). La Genèse de la vie. Histoire des idées sur la génération spontanée (en francés). París: Hachette.
- Ruestow, E. G. (1983). "Images and ideas: Leeuwenhoek's perception of the spermatozoa". Journal of the History of Biology (en inglés) 16 (2): 185–224. doi:10.1007/BF00124698.
- Ruestow, E. G. (1984). "Leeuwenhoek and the campaign against spontaneous generation". Journal of the History of Biology (en inglés) 17 (2): 225–248. doi:10.1007/BF00143733.
- Wiesmann, U.; Choi, E. S. y Dombrowski, E-M. (2006). Fundamentals of Biological Wastewater Treatment (en inglés). Wiley-VCH Verlag GmnH. ISBN 3527312196.
Bibliografía adicional
editar- Ford, B. J. (1981). "The van Leeuwenhoek Specimens". Notes and Records of the Royal Society of London (en inglés) 36 (1): 37–59. doi:10.1098/rsnr.1981.0003.
- Huerta, R. D. Giants of Delft: Johannes Vermeer and the Natural Philosophers. The Parallel Search for Knowledge during the Age of Discovery (en inglés). ISBN 0-8387-5538-0.