Voo 670A de Loganair
O voo 670A de Loganair era un voo regular de carga para Royal Mail dende o aeroporto de Edimburgo ata o aeroporto de Belfast. O 27 de febreiro de 2001 o Short 360 que operaba o voo esnafrouse no estuario de Forth sobre as 17:30; os corpos dos dous tripulantes foron atopados entre os restos do avión horas despois do accidente.[1]
Voo 670A de Loganair | |
---|---|
Short 360 semellante ao do accidente
| |
Resumo | |
Data | 27 de febreiro de 2001 |
Causa | dobre fallo de motor |
Lugar | estuario de Forth |
Orixe | aeroporto de Edimburgo |
Destino | aeroporto de Belfast |
Finados | 2 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Short 360-100 |
Operador | Loganair |
Rexistro | G-BNMT |
Pasaxeiros | 0 |
Tripulación | 2 |
Superviventes | 0 |
Avión e tripulaciónEditar
O avión accidentado era un turbohélice Short 360-100 fabricado por Short Brothers Limited en 1987, con número de serie SH 3723 e rexistro G-BMNT. Estaba equipado con dous motores Pratt & Whitney Canada PT6A-67R. Os asentos dos pasaxeiros foran retirados para ser usado como cargueiro e o seu Certificado de Aeronavegabilidade era válido ata o 15 de outubro de 2001. O aparello estaba cargado con 1 360 kg de combustible e levaba 1 040 kg de carga, cun peso total na engalaxe de 10 149 kg. O peso máximo de engalaxe certificado do Short 360 son 12 292 kg.
A tripulación estaba formada por un piloto de 58 anos cunha licenza de transporte válida e 13 569 horas de experiencia como piloto ao mando. O copiloto tiña 29 anos, tiña tamén unha licenza válida e unha experiencia de 438 horas.[2]
AccidenteEditar
Ás 17:10 hora local o primeiro oficial solicitou autorización e, tras un pequeno atraso, a tripulación rodou para saír da pista 06. Co piloto aos mandos realizouse unha engalaxe normal cunha redución de potencia habitual aos 1 200 pés. Aos 2 200 pés o copiloto seleccionou os sistemas contra o xeo mentres o piloto cambiaba a unha nova frecuencia de radio. Catro segundos despois os indicadores de torque dos dous motores caeron rapidamente a cero e a aeronave sufriu unha completa perda de pulo de hélice. Cando o primeiro oficial radiou un mayday na frecuencia do control de tráfico aéreo o piloto iniciou un descenso cunha velocidade de só 110 nós, mentres xiraba á dereita cara á costa. Decatándose de que non poderían chegar a terra preparáronse para amarar. A unha velocidade de 86 nós co morro cara arriba uns 6,8 graos e coa á esquerda uns 3,6 graos abaixo o avión impactou contra a auga.
NotasEditar
- ↑ "Plane crash crew found dead" (en inglés). 2001-02-27. Consultado o 7-12-2018.
- ↑ "Death-crash airline did not know about snow danger". HeraldScotland (en inglés). Consultado o 2018-12-15.