Voo 655 de Iran Air

O voo 655 de Iran Air era un voo de pasaxeiros de Iran Air entre Teherán e Dubai. O 3 de xullo de 1988 o avión que operaba a ruta foi derrubado polo cruceiro da armada dos Estados Unidos USS Vincennes comandado por William C. Rogers III. O incidente tivo lugar no espazo aéreo iraniano, sobre augas territoriais dese país no golfo Pérsico, e na ruta habitual do voo. O avión, un Airbus A300 B2-203, foi destruído por mísiles terra-aire SM-2MR disparados dende o Vincennes. As 290 persoas a bordo morreron. O cruceiro Vincennes entrara en augas territoriais iranianas despois de que un dos seus helicópteros recibira disparos de advertencia de lanchas iranianas que operaban dentro dos límites territoriais do país.[1][2]

Voo 655 de Iran Air
Resumo
Data  3 de xullo de 1988
Causa  derrubado polo
USS Vincennes
Lugar  Estreito de Ormuz
Coordenadas 
Finados  290 (todos)
Aeronave
Tipo de aeronave Airbus A300 B2-203
Operador  Iran Air
Rexistro  EP-IBU
Pasaxeiros  274
Tripulación  16
Superviventes  0

Segundo o goberno dos Estados Unidos a tripulación identificou incorrectamente o Airbus A300 iraniano como un caza F-14A Tomcat atacante, un avión fabricado nos Estados Unidos e operado nese momento por só dúas forzas en todo o mundo, a armada estadounidense, e a forza aérea iraniana. Aínda que o fabricante Grumman só subministrara o F-14 a Irán cunha configuración aire-aire nos anos 70,[3] a tripulación do Vincennes fora informada cando chegaron á zona de que os F-14 iranianos levaban bombas non guiadas ademais de mísiles Maverick e foguetes.[4] A tripulación do cruceiro realizou dez intentos para comunicarse coa tripulación do avión usando frecuencias de radio civís e militares, pero sen recibir resposta.[5] A Organización de Aviación Civil Internacional dixo que a tripulación do voo debería ter estado atenta á frecuencia civil.[6]

Segundo o goberno iraniano, o Vincennes derrubou neglixentemente o avión civil: o A300 estaba facendo identificación amigo-inimigo no transpondedor usando o Modo III (non o Modo II utilizado polos avións militares iranianos), un sinal que o identifica como un aparello civil.[7][8] O evento xerou unha gran cantidade de críticas aos Estados Unidos. Algúns analistas culparon ao capitán do Vincennes, que entrara en augas iranianas, de conduta imprudente e agresiva nunha contorna tensa e perigosa.[5][9]

En 1996 os Estados Unidos e Irán chegaron a un acordo no Tribunal Internacional de Xustiza que incluía a declaración "...os Estados Unidos recoñecen o incidente aéreo do 3 de xullo de 1988 como unha terrible traxedia humana e expresan un profundo pesar pola perda de vidas causada polo incidente...".[10] Como parte do acordo, os Estados Unidos non admitiron responsabilidades legais nin se desculparon formalmente a Irán pero accederon a pagar unha cantidade de 61,8 millóns de dólares en compensación ás familias dos pasaxeiros.

Iran Air segue utilizando o número de voo 655 na ruta entre Teherán e Dubai como recordo ás vítimas. Este incidente está entre os 8 peores desastres da historia da aviación.

  1. Naval Postgraduate School (ed.). "Better Lucky Than Good: Operation Earnest Will as Gunboat Diplomacy" (PDF). Archived from the original on 23 de agosto de 2007. Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  2. US Naval Institute (ed.). "Vincennes: A Case Study". Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  3. The New York Times (ed.). "Limits to an F-14 Threat Cited by Military Aides". Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  4. "Formal Investigation into the Circumstances Surrounding the Downing of Iran Air Flight 655 on July 3, 1988" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de xaneiro de 2020. Consultado o 28 de decembro de 2019. 
  5. 5,0 5,1 "Vincennes A Case Study". Archived from the original on 27 de maio de 2006. Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  6. UPI (ed.). "U.N. agency issues report on downing of Iran Air jet". Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  7. Iran Chamber Society (ed.). "Shooting Down Iran Air Flight 655". Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  8. Business Insider (ed.). "4 Other Times Commercial Flights Got Shot Down". Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  9. History.com (ed.). "Military Blunders - Iran Air Shot Down - July 3, 1988". Archived from the original on 18 de maio de 2007. Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  10. Tribunal Internacional de Xustiza (ed.). "Aerial Incident of 3 July 1988 (Islamic Republic of Iran v. United States of America) – Settlement Agreement" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de febreiro de 2008. Consultado o 28 de xaneiro de 2017.