Voo 226A de Britannia Airways

O voo 226A de Britannia Airways era un voo chárter internacional procedente de Cardiff, País de Gales que se estrelou aterrando no aeroporto de Xirona o día 14 de setembro de 1999. Dos 236 pasaxeiros e nove tripulantes a bordo tres sufriron feridas graves e 41 feridas leves. Un dos pasaxeiros que aparentemente só tivera feridas menores morreu cinco días despois por danos internos. O Boeing 757–204 do accidente, con rexistro G-BYAG, resultou o suficientemente danado como para que non fose rendible reparalo e acabou desmantelado.[1]

Voo 226A de Britannia Airways
757 semellante ao do accidente.
Resumo
Data  14 de setembro de 1999
Causa  aproximación desestabilizada
agravada polas inclemencias
do tempo
Lugar  Xirona
Coordenadas  Coordenadas: 41°53′57″N 2°45′21″L / 41.899058333333, 2.7557222222222
Finados  1
Feridos  43
Aeronave
Tipo de aeronave Boeing 757–204
Operador  Britannia Airways
Rexistro  G-BYAG
Pasaxeiros  236
Tripulación  9
Superviventes  244

Accidente editar

A tripulación inicialmente executou o procedemento de aproximación instrumental VOR/DME á pista 02. Ao facerse visual, a tripulación determinou que o avión non estaba axeitadamente aliñado coa pista e comezou a frustrar a aproximación. Un cambio na dirección do vento favoreceu entón a aterraxe pola cabeceira oposta, polo que o aparello foi posicionado para unha aproximación ILS á pista 20. O Boeing 757 descendeu por debaixo das nubes e entrou en visual coa pista a uns 150 metros de altura. Na última parte da aproximación final as luces do aeroporto fallaron durante uns poucos segundos. O avión tocou terra con forza causando un dano considerable ao tren dianteiro e aos seus apoios, causando tamén dano a varios sistemas do aparello, incluíndo unha perda de enerxía eléctrica, interferencias cos controis e un incremento da potencia dos motores non controlado.

O 757 saíu da pista a gran velocidade, aproximadamente a uns 1 000 metros do segundo punto de contacto. Posteriormente percorreu 343 metros a través dunha pradaría cha ao lado da pista antes de ir en diagonal sobre un montículo de terra de tamaño considerable ao lado dos límites do aeroporto, que atravesou voando. Tras o montículo golpeou varias árbores de tamaño medio e o motor dereito impactou contra o balado do aeroporto. O aparello entón atravesou o balado e aterrou nun campo, colapsando o tren de aterraxe principal. Finalmente parou despois de deslizarse 244 metros no campo, a uns 1 900 metros do segundo punto de contacto.

O dano no avión foi importante: a fuselaxe fracturouse en dous puntos e os dous motores e o tren de aterraxe desprendéronse. A pesar de que a cabina recibiu bastantes danos, a tripulación evacuou o aparello con eficiencia. Porén, 3 das 8 saídas de emerxencia non puideron abrirse e varias ramplas de escape non se incharon.

O controlador da torre, consciente pouco despois do contacto de que algo non ía ben, activou a alarma de emerxencia. Porén, a alarma non soou. Os bombeiros foron avisados por unha liña telefónica dedicada e saíron cara ao limiar da pista 20 conducindo ao longo da pista buscando o aparello sen éxito. A busca estendeuse aos lados e o outro extremo da pista. Os restos foron finalmente localizados 18 minutos despois do accidente. Os bombeiros perderon 14 minutos máis intentando acceder ao lugar.

Houbo 42 feridos leves e 2 graves, pero ningún morto no momento do accidente. Porén, un pasaxeiro, que chegara ao hospital aparentemente só con feridas leves e que foi dado de alta ao día seguinte, morreu cinco días despois debido a lesións internas.

As autoridades do aeroporto foron criticadas tras o accidente, particularmente polo feito de que os servizos de emerxencia tardasen máis dunha hora en chegar ao lugar do accidente e evacualo. De feito, polo menos un pasaxeriro realmente chegou a andar a través das instalación e chegou á terminal para pedir axuda.[2][3]

Notas editar

  1. CIAIAC (ed.). "Informe final do accidente" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de xuño de 2012. Consultado o 29 de xaneiro de 2017. 
  2. Air Accidents Investigation Branch (ed.). "S1/2000 - Boeing 757-204, G-BYAG" (PDF). Archived from the original on 09 de xaneiro de 2013. Consultado o 30 de maio de 2018. 
  3. BBC (ed.). "Europe Plane crash Britons due home". Consultado o 30 de maio de 2018.