Voo 129 de Air China

O voo 129 de Air China (CCA12/CA129) era un voo regular internacional de pasaxeiros operado pola aeroliña nacional chinesa Air China, dende o aeroporto internacional de Pequín-Capital ata o aeroporto internacional de Gimhae en Busan, Corea do Sur. O 15 de abril de 2002 o Boeing 767-200ER que operaba a ruta esnafrouse contra un outeiro preto de Busan, matando 129 das 166 persoas a bordo do aparello.

Voo 129 de Air China
Boeing 767 do accidente.
Resumo
Data  15 de abril de 2002
Causa  erro do piloto
Lugar  monte Dotdae, Busan
Coordenadas  Coordenadas: 35°13′58″N 128°55′41″L / 35.2327, 128.928
Finados  129
Feridos  37
Aeronave
Tipo de aeronave Boeing 767-200ER
Operador  Air China
Rexistro  B-2552
Pasaxeiros  155
Tripulación  11
Superviventes  37

O Consello de Investigación de Accidentes de Aviación de Corea publicou o informe final do accidente o 4 de marzo de 2005 concluíndo que a causa do choque foi un erro do piloto. O informe afirma que a tripulación estaba voando por debaixo da altura mínima de seguridade sen decatarse. Información detallada do informe tamén revela que os pilotos foron adestrados para levar a cabo unha aproximación a un aeroporto no simulador da aeroliña, pero só para unha aproximación ao aeroporto de Pekín, e nunca ao de Gimhae ou calquera outro aeroporto. O informe tamén culpou á escasa iluminación no aeroporto de Gimhae no momento do accidente.

Avión editar

O aparello era un Boeing 767-200ER rexistrado como B-2552. Fora entregado no ano 1985 e tiña o número de serie 23308 e número de liña 127. Anteriormente fora operado pola Administración da Aviación Civil da China (CAAC) e despois foi transferido a Air China tras a división da CAAC. Tiña máis de 40 000 horas de voo nuns 14 500 ciclos.[1]

Pasaxeiros e tripulación editar

Entre os 155 pasaxeiros, 135 eran de Corea do Sur, 19 da China, e un de Uzbekistán.[2]

A tripulación de voo estaba formada polo capitán Wu Xinlu, con 6 000 horas de experiencia no Boeing 767; o primeiro oficial Gao Lijie, con 5 295 horas de voo; e Hou Xiangning, actuando como terceiro piloto, con 1 775 horas. Ademais no avión había oito asistentes de voo.

O capitán e dous asistentes de voo sobreviviron, mentres que o resto da tripulación morreu no accidente.[3]

Accidente editar

O voo engalou ás 08:37 hora local (00:37 UTC). Despois de case 2 horas chegou a preto do aeroporto de Gimhae con chuvia lixeira e néboa. Ás 11:16 o avión recibiu autorización para unha aproximación ILS á pista 36L e despois a autorización para realizar un circuíto e aterrar na 18R (a mesma pista dende a dirección oposta) dende a torre de Gimhae. Durante o circuíto para aterrar na pista 18R, houbo unha pobre xestión dos recursos da tripulación e esta perdeu de vista a pista mentres atrasaban o xiro e voaban fóra da área de aproximación do circuíto, esnafrándose contra un outeiro ás 11:21. O avión fixo un primeiro contacto co terreo cando a súa á dereita cortou unha árbore. Entón impactou contra o chan, e a forza do impacto rompeu o aparello. As dúas ás, a empenaxe, partes da fuselaxe e os motores separáronse. O avión estoupou incendiándose, envolvendo a cabina de mando e a fuselaxe dianteira. 37 das persoas a bordo sobreviviron, incluído o capitán. O lume foi tan quente que fundiu o aluminio e outros metais da fuselaxe. A parte dianteira da fuselaxe quedou totalmente esnaquizada, facendo difícil aos investigadores recoñecela.

Investigación editar

Meteoroloxía editar

No aeroporto de Gimhae, durante o outono e o inverno, os ventos veñen do norte. Porén, durante o verán os ventos sopran do sur. A visibilidade adoita ser parcialmente pobre debido á brétema do mar, xa que a parte sur do aeroporto está próxima a este. O terreo montañoso no norte con ventos do sur poden causar unha masa de nubes baixas e brétema no norte da pista 18R, con probabilidade de máis precipitacións na área.

O tempo no momento do accidente era pobre. As imaxes de satélite da Administración Meteorolóxica Coreana amosaban unha grande área de nubes de choiva, comezando en Busan cara ao sueste e chegando ao Xapón, movéndose lentamente cara ao leste. As nubes movéronse moi amodo, e nubes pesadas foron vistas sobre o mar ao sur de Gimhae. Tamén se observaron refachos de vento de ata 16 nós. Os equipos de rescate no lugar do accidente tamén informaron de que estaba cuberto cunha densa brétema, e con algo de precipitacións.[3]

Iluminación do aeroporto editar

Os investigadores entrevistaron o capitán Wu. O capitán Wu Xinlu afirmou que cando observou as luces na ruta da aproximación final á pista 36L, viu que nin as luces de aproximación da pista nin as luces de guía circular estaban acesas. Segundo o rexistro do sistema automático de conmutación de luz aeronáutica, e o testemuño do xefe da torre de Gimhae, as luces de aproximación e as de guía circular si estaban acesas no momento do accidente.[3]

Declaracións dos superviventes editar

Había un total de 166 persoas a bordo, 11 tripulantes e 155 pasaxeiros. O día do accidente 39 persoas sobreviviron con feridas graves. Un pasaxeiros morreu o seguinte día e outro 16 días despois do accidente.[3]

En base ás entrevistas aos superviventes a bordo do voo 129, revelouse que o accidente ocorreu de súpeto, cun forte ruído e unha axitación violenta do aparello no punto de impacto. Todos os obxectos no interior do avión caeron, os asentos foron empuxados cara a adiante, e todas as luces apagáronse. O lume encheu a cabina con fume denso, que fixo difícil a respiración. A meirande parte dos pasaxeiros perderon brevemente a consciencia durante o impacto, cos pés e pernas dalgúns pasaxeiros atrapados baixo os asentos diante deles. Un asistente de voo sentado en popa dixo que o seu corpo foi esmagado debaixo de algo. Alcanzou para abrir a porta pero non puido atopar a asa. Arrastrouse para saír da cabina e evacuou os superviventes. Os superviventes escaparon camiñando ou arrastrándose polos buratos abertos na fuselaxe. Mentres escapaban houbo varios estoupidos.[3]

Algúns dos pasaxeiros coreanos dixeron que non entenderon ningún dos anuncios no voo, incluídas as instrucións de seguridade antes da engalaxe, xa que se fixeron só en chinés e en inglés.[3]

Informe final editar

Tanto a gravadora de voces de cabina como a de datos de voo recuperáronse e foron examinadas polos investigadores. Os datos da FDR non amosaron ningún defecto nos controis e nos instrumentos do avión.

O informe oficial do accidente realizado pola Xunta de Investigación de Accidentes de Aviación de Corea foi publicado o 4 de marzo de 2005. As causas probables son:

  1. A tripulación do voo 129 realizou a aproximación circular, non sendo consciente dos mínimos meteorolóxicos dos avións de fuselaxe ancha (B767-200) para aterrar, e no briefing da aproximación non se incluía a aproximación frustrada entre os elementos especificados nos manuais de operación e adestramento de Air China.
  2. A tripulación exerceu unha pobre xestión de recursos da tripulación e perdeu a conciencia situacional durante a aproximación circular á pista 18R, o que a levou a voar fóra da área de aproximación, atrasando o xiro base, contrario ás intencións do capitán de facer un oportuno xiro base.
  3. A tripulación non executou unha aproximación frustrada cando perderon de vista a pista durante a aproximación circular á pista 18R, que fixo que chocasen contra terreo alto preto do aeroporto.
  4. Cando o primeiro oficial avisou o capitán de executar unha aproximación frustrada, uns 5 segundos antes do impacto, o capitán non reaccionou, nin o primeiro oficial iniciou a aproximación frustrada pola súa conta.

Durante o voo a aeroliña realizou a demostración previa de seguridade e os anuncios en chinés e inglés, pero non en coreano, cando 135 dos 155 dos pasaxeiros eran coreanos. A investigación da xunta coreana recomendou que Air China engadise anuncios en coreano nos voos cara a e dende Corea do Sur.[3]

Ademais do informe publicado pola Xunta de Investigación de Accidentes de Aviación de Corea, Liu Yajun, xefe do equipo de investigación chinés, afirmou,[4]

  1. Un traballador do ATC no aeroporto, Park Junyong, non tiña unha licenza de control de tráfico aéreo emitida polo Ministerio de Construción e Transporte de Corea do Sur.
  2. Park non coñecía as propiedades do avión, un Boeing 767, e dirixiu erroneamente o avión para descender a unha altitude de 700 pés (213,5 m) en vez de a 1 100 pés (335,5 m).
  3. O aeroporto non informou a tripulación das condicións meteorolóxicas do momento. Oito voos antes do CA129 foran desviados a outros aeroportos debido ao mal tempo.
  4. Houbo tamén problemas co sistema de radar e a iluminación no aeroporto de Gimhae.

Notas editar

  1. "Air China 767 Statement". Boeing. 2002-06-02. Archived from the original on 02 de xuño de 2002. Consultado o 2018-12-22. 
  2. "Search Continues At Korean Crash Site". CBS News. Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2014. Consultado o 2018-12-22. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "Informe do accidente" (PDF). KAIB. Archived from the original on 18 de maio de 2006. Consultado o 2018-12-22. 
  4. "South Korean Airport Has Responsibility for Air China Crash". www.china.org.cn. Consultado o 2019-01-12.