Voo 1282 de Alaska Airlines

O voo 1282 de Alaska Airlines era un servizo regular doméstico estadounidense operado por Alaska Airlines dende o aeroporto internacional de Portland en Oregón ata o aeroporto internacional de Ontario en California. Pouco despois de engalar o 5 de xaneiro de 2024, un panel instalado para substituír unha porta de emerxencia opcional no Boeing 737 MAX 9 que realizaba o voo explotou cara fóra causando unha descompresión descontrolada do aparello.[1] O avión regresou inmediatamente a Portland para realizar unha aterraxe de emerxencia. Os 171 pasaxeiros e 6 tripulantes a bordo sobreviviron ao incidente. A Xunta Nacional de Seguridade no Transporte (NTSB) está investigando a causa do accidente.

Voo 1282 de Alaska Airlines
O avión tras o incidente sen o panel da porta
Resumo
Data  5 de xaneiro de 2024
Causa  baixo investigación
Lugar  no aire preto de Portland, Oregón
Orixe  aeroporto de Portland
Destino  aeroporto de Ontario
Feridos  3 (leves)
Aeronave
Tipo de aeronave Boeing 737 MAX 9
Operador  Alaska Airlines
Rexistro  N704AL
Pasaxeiros  171
Tripulación  6
Superviventes  177 (todos)

Avión editar

O aparello implicado era un Boeing 737 MAX 9 con número de serie do fabricante 67501, rexistrado como N704AL. Tiña uns dous meses de idade no momento do incidente; voara por vez primeira o 15 de outubro de 2023, fora entregado a Alaska Airlines o 31 de outubro e entrara en servizo o 11 de novembro.[2][3][4] Segundo os rastreadores de voos, a aeronave rexistrara 145 voos no momento do accidente.[5]

O MAX 9 ten portas de emerxencia opcionais na parte media traseira da cabina, en cada lado detrás das ás. Os avións con configuración de asentos densas, como os 737 MAX 8200 para Ryanair con 197 asentos, precisan máis portas de saída e ramplas para cumprir coas regulacións de evacuación. En caso contrario, instálanse paneis no lugar desas portas, como foi o caso desta aeronave.[1][6]

A fuselaxe e o panel son fabricados e montado inicialmente por Spirit AeroSystems en Wichita, Kansas, e despois son enviados para a montaxe final na fábrica de Boeing de Renton, no estado de Washington.[7]

Accidente editar

O voo 1282 engalou do aeroporto internacional de Portland o 5 de xaneiro de 2024 ás 5:07 p.m. PST. A bordo ían seis tripulantes e 171 pasaxeiros.[8] Uns seis minutos despois da engalaxe, un panel instalado para substituír a porta de emerxencia opcional a babor separouse da fuselaxe, causando unha descompresión descontrolada do aparello.[1][9] As máscaras de osíxeno da aeronave despregáronse durante o incidente.[5] Segundo os primeiros informes non había ninguén no asento 26A, que estaba xusto ao lado do burato.[10] Tres pasaxeiros sofreron feridas leves que necesitaron atención médica e os obxectos dalgún pasaxeiros perdéronse cando saíron voando a través da abertura.[8][11]

A un adolescente sentado na fila 25 a descompresión arrincoulle a camisa e tivo que ser agarrado pola súa nai para non ser expulsado do avión.[12][13] Un pasaxeiro sentado no asento 16F dixo que escoitou un forte estrondo, seguido dun refacho de vento, o que foi repetido por outra pasaxeira que declarou que escoitou un forte estrondo, seguido das máscaras de osíxeno despregándose e un gran refacho de vento.[14] Un pasaxeiro afirmou que outros máis preto da abertura do avión puideron desprazarse a outros asentos máis afastados.[15]

A descompresión provocou que a porta da cabina de mando se abrise e golpease contra a porta do baño, quedando inicialmente atascada.[16] Tras varios intentos, un asistente de voo foi capaz de pechar a porta da cabina de mando.[16] Esta porta está deseñada para abrirse no caso de que se produza unha compresión descontrolada, pero a tripulación non o sabía.[17] A lista de verificación de referencia rápida laminada que estaba debaixo das fiestras da cabina saíu voando desta. O auricular do primeiro oficial foi arrincado e o do capitán foi expulsado.[16]

Observáronse danos interiores non estruturais nas filas 1 a 4, 11 e 12, 25 a 27, e 31 a 33, incluídos danos no asento 25A, que perdeu o seu reposacabezas e quedou retorcido, e no asento 26A, que perdeu o reposacabezas e o coxín do respaldo do asento, así como a mesa de bandexa na súa parte traseira.[16]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Alaska Airlines grounds 65 Boeing jets after hole opened in fuselage". The Seattle Times (en inglés). 2024-01-05. Consultado o 2024-01-09. 
  2. "N704AL Alaska Airlines Boeing 737-9 MAX". Planespotters. Consultado o 2024-01-09. 
  3. "Explosive Decompression Reported on Alaska 737 MAX". AirlineGeeks. Consultado o 09/01/24. 
  4. "Accident: Alaska B39M at Portland on Jan 5th 2024, emergency exit plug and panel separated in flight". www.avherald.com. Consultado o 2024-01-09. 
  5. 5,0 5,1 "F.A.A. Orders Airlines to Ground Some Boeing 737 Max 9 Jets After Midair ‘Incident". The New York Times. Consultado o 09/01/24. 
  6. "Here's what we know about the door plug that blew off Alaska Airlines flight to SoCal". 6abc Philadelphia (en inglés). 2024-01-08. Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2024. Consultado o 2024-01-09. 
  7. "Spirit Aero made blowout part but Boeing has key role". Reuters. Consultado o 09/01/24. 
  8. 8,0 8,1 "Information about Alaska Airlines Flight 1282". Alaska Airlines News (en inglés). 2024-01-12. Consultado o 2024-01-13. 
  9. "US grounds some Boeing MAX planes for safety checks". Reuters. Consultado o 13 de xaneiro de 2024. 
  10. Isidore, Chris (2024-01-08). "A terrifying 10 minute flight adds to years of Boeing’s quality control problems". CNN (en inglés). Consultado o 2024-01-13. 
  11. "Alaska Airlines flight forced to make emergency landing at Portland airport after panel on side of plane blows out". kgw.com (en inglés). 2024-01-05. Consultado o 2024-01-13. 
  12. "Federal officials order grounding of some Boeing 737 Max 9 jetliners after plane suffers a blowout". AP News (en inglés). 2024-01-06. Consultado o 2024-01-13. 
  13. "How a mom fought to save her teen in Boeing jet’s blowout". The Seattle Times (en inglés). 2024-01-09. Consultado o 2024-01-13. 
  14. "A pop, a boom, a big bang: Alaska Airlines passengers describe the moment a piece of the plane fell off". NBC News (en inglés). 2024-01-08. Consultado o 2024-01-13. 
  15. Sutton, Nouran Salahieh, Paradise Afshar, Pete Muntean, Joe (2024-01-07). "Missing part of Alaska Airlines plane that blew off mid-flight is found, investigators say". CNN (en inglés). Consultado o 2024-01-13. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 "NTSB Media Brief - Alaska Airlines Flight 1282 (Jan 7) livestream". Consultado o 2024-01-13. 
  17. "NTSB Media Brief - Alaska Airlines Flight 1282 (Jan 8) livestream". Consultado o 2024-01-13.