Voo 11 de Continental Airlines

O voo 11 de Continental Airlines foi un accidente dun Boeing 707 que estoupou nas proximidades de Centerville, Iowa, mentres se atopaba en ruta dende o aeroporto O'Hare de Chicago ata Kansas City o día 22 de maio de 1962. O avión esnafrouse nun campo de trebos preto de Unionville, no condado de Putnam, en Missouri, matando os 45 tripulantes e pasaxeiros a bordo. A investigación determinou que a causa do accidente foi un atentado suicida cometido como unha fraude de seguros. O mesmo aparello fora secuestrado no ano anterior operando o voo 54 cara a Cuba.

Voo 11 de Continental Airlines
Boeing 707 de Continental Airlines
semellante ao do accidente
Resumo
Data  22 de maio de 1962
Causa  bomba
Lugar  Union Township,
condado de Putnam
Coordenadas  Coordenadas: 40°32′49″N 93°03′28″O / 40.54706389, -93.05784722
Orixe  aeroporto O'Hare
Destino  aeroporto Charles B. Wheeler
Finados  45 (todos)
Aeronave
Tipo de aeronave Boeing 707-124
Operador  Continental Airlines
Rexistro  N70775
Pasaxeiros  37
Tripulación  8
Superviventes  0

Avión editar

O aparello, como o voo 54 de Continental Airlines, fora secuestrado o 3 de agosto de 1961 nos Ánxeles por dous homes, Leon e Cody Bearden, que demandaron voar a Cuba.[1] O secuestro foi frustrado cando a policía disparou aos pneumáticos do avión.[2]

Accidente editar

Thomas G. Doty chegou á porta de embarque despois de que as portas pechasen. Aínda que a política da aeroliña era que unha vez as portas estivesen pechadas non se reabrirían, a Doty permitíuselle embarcar.[3]

O voo 11 saíu de O'Hare ás 8:35 p.m. e realizouse sen problemas ata xusto antes do río Mississippi, cando se desviou do seu plan de voo cara ao norte para evitar unha liña de tormentas.[4] Nas proximidades de Centerville, Iowa, a imaxe de radar do avión desapareceu do alcance do Servizo de Seguimento de Voo de Waverly, Iowa. Ao redor das 9:17 p.m. houbo un estoupido no baño dereito da parte de atrás do avión facendo que a cola se separase da fuselaxe.[5] A tripulación iniciou os procedementos para un descenso de emerxencia coas máscaras de fume debido á densa neboa que se formou na cabina xusto despois da descompresión. Na separación da cola o resto da estrutura do avión inclinouse cara a abaixo de forma violenta, causando que os motores se desprendesen, tras o cal o aparello comezou a xirar de forma descontrolada. A fuselaxe do Boeing 707, sen a cola e con parte da á esquerda e a meirande parte da á dereita intactas, esnafrouse contra o chan e caeu por unha pendente de 10 graos nun campo de alfalfa.

Testemuñas tanto en Cincinnati, Iowa como en Unionville informaron que escoitaron ruídos fortes e estraños ao redor das 9:20 p.m., e dous deles viron un gran lampo ou bóla de lume no ceo. Un bombardeiro B-47 Stratojet que voaba dende a Base Aérea de Forbes en Topeka, Kansas, atopábase a unha altura de 26 500 nas proximidades de Kirksville, Missouri. O comandante do aparello viu un lampo brillante no ceo diante e enriba da posición do seu avión. Despois de consultar os seus rexistros de navegación estimouse que o lampo ocorreu ás 9:22 p.m. preto do lugar onde o radar perdeu o rastro do voo 11. A meirande parte da fuselaxe atopouse preto de Unionville, pero os motores e partes da sección de cola e da á esquerda apareceron ata a seis millas de distancia do resto do avión.

Das 45 persoas a bordo 44 estaban mortas cando chegaron os servizos de emerxencia. Un pasaxeiro de 27 anos, Takehiko Nakano de Evanston, Illinois, estaba vivo cando os rescatadores o atoparon, pero morreu unha hora despois no hospital debido ás lesións internas que tiña.[6]

Investigación editar

Axentes do FBI descubriron que Doty, un home casado cunha filla de cinco anos, mercara un seguro de vida da compañía Mutual of Omaha por valor de 150 000 dólares, o máximo dispoñible; a súa morte deixaría outros 150 000 dólares doutros seguros (algúns mercados no aeroporto) e outros beneficios. Doty fora arrestado pouco antes por roubo a man armada, e tiña que enfrontarse en pouco tempo a unha audiencia preliminar sobre o asunto. Os investigadores determinaron que Doty mercara seis cartuchos de dinamita por 29 centavos cada un pouco antes do accidente, e foron capaces de deducir que se colocara unha bomba na papeleira do baño dereito da parte traseira do avión. Doty entrou no baño co seu maletín e inmolouse, matando todas as persoas a bordo do avión. O motivo era que a súa dona e a súa filla puidesen cobrar os 300 000 dólares dos seguros de vida. A súa viúva intentou cobrar os cartos, pero, cando a morte de Doty foi declarada un suicidio, a póliza foi anulada e a muller só cobrou un reembolso de tres dólares.

Notas editar

  1. Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident Boeing 707-124 N70775 El Paso International Airport, TX (ELP)". 143.95.41.247. Arquivado dende o orixinal o 10 de xaneiro de 2019. Consultado o 2019-01-09. 
  2. "Fifty years ago this week, Continental Flight 11 fell out of the sky over Unionville". Kansas City Pitch (en inglés). Consultado o 2019-01-09. 
  3. KCCI (ed.). "Memorial honors Continental Flight 11". Consultado o 20 de maio de 2018. 
  4. The New York Times (ed.). "Jet Carrying 45 Crashes in Iowa on Way to Coast". Consultado o 24 de maio de 2018. 
  5. The New York Times (ed.). "Wreck indicates jet ripped apart; C.A.B. Studies Evidence of Sudden Decompression". Consultado o 24 de maio de 2018. 
  6. Chicago Tribune (ed.). "Jet Broke Up at 39,000 ft., Experts Say". Consultado o 24 de maio de 2018.