Voo 117 de Air France

O voo 117 de Air France era un servizo regular multitraxecto dende o aeroporto de París-Orly ata Santiago de Chile, con escalas en Lisboa, os Azores, Pointe-à-Pitre, Caracas e Lima, que se esnafrou o día 22 de xuño de 1962. O Boeing 707-328 implicado no accidente tiña tan só catro meses de idade.

Voo 117 de Air France
Boeing 707 semellante ao accidentado
Resumo
Data  22 de xuño de 1962
Causa  voo controlado contra o terreo
Lugar  Dos D'Ane
Coordenadas  Coordenadas: 16°18′40″N 61°46′05″O / 16.311, -61.768
Finados  113
Aeronave
Tipo de aeronave Boeing 707-328
Operador  Air France
Rexistro  F-BHST
Pasaxeiros  103
Tripulación  10
Superviventes  0

O voo foi normal ata a aproximación a Pointe-à-Pitre. O aeroporto está rodeado por montañas e precisa un descenso abrupto. O tempo era malo, había violentas tormentas e nubes baixas. A baliza de navegación VOR estaba fóra de servizo. A tripulación informou estar sobre a baliza non direccional a 5 000 pés (1 524 m) e virou cara ao leste para iniciar a aproximación final. Debido a lecturas incorrectas do buscador automático de dirección (ADF) causadas pola tormenta, o avión desviouse 15 km ao oeste da senda de planeo. O avión esnafrouse nun bosque nun outeiro chamado Dos D'Ane, a uns 427 m e estoupou. Non houbo superviventes. Entre os mortos estaba o político da Güiana Francesa e heroe de guerra Justin Catayée e o poeta e activista negro Paul Niger.

Os investigadores non puideron determinar a razón exacta do accidente, pero sospeitaron da información meteorolóxica insuficiente proporcionada á tripulación, do fallo no equipamento de terra, e os efectos atmosféricos no indicador ADF. Despois do accidente os pilotos de Air France criticaron os aeroportos subdesenvolvidos con pobres instalacións para operar reactores, como o aeroporto de Guadalupe. Este foi o segundo accidente en menos de tres semanas dun Boeing 707 de Air France despois do voo 007 o 3 de xuño. Tex Johnston, piloto xefe de probas de Boeing Aircraft Co. escribiu na súa autobiografía sobre os eventos que levaron ao accidente. "As tripulacións de Air France adoitaban chegar tarde (para a formación da tripulación por Boeing), e ás veces o avión non estaba disposto para o servizo. ... Después de moito tempo extra, e na miña opinión, adestramento de voo excesivo, o piloto xefe suspendeu a cualificación". Johnston informou o director de Air France escribindo "Non creo que o capitán sexa capaz de cualificarse no 707". Despois "... un instructor de Air France cualificou o piloto xefe. No seu segundo voo como capitán, fallou nunha aproximación con mal tempo... e esnafrouse contra unha montaña".[1]

Algúns restos aínda están no lugar, onde se situou un monumento memorial en 2002 para celebrar o 40 aniversario do accidente.[2] A estrada que leva ao sitio é chamada Route du Boeing en memoria do sinistro.[3]

No presente Air France usa ese número de voo na ruta entre Shanghai-Pudong e París-Charles de Gaulle operado por un Boeing 777.[4]

  1. Johnston, A.M. (2014). Tex Johnston: Jet-Age Test Pilot. Smithsonian Institution. ISBN 978 1-588-34447-2. 
  2. "Dos d'Ane balade". www.guadeloupensites.com. Consultado o 2019-01-10. 
  3. Nicole. "Les Gites du bord de mer - Guadeloupe". www.gitesduborddemer.com. Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2016. Consultado o 2019-01-10. 
  4. "Air France (AF) #117 ✈ FlightAware". FlightAware (en castelán). Consultado o 2019-01-10.