Voo 062 de Iberia

O voo 062 de Iberia era un voo regular de pasaxeiros entre o aeroporto de Málaga e o aeroporto de Londres-Heathrow. O 4 de novembro de 1967 o Sud Aviation Caravelle que operaba a ruta, con rexistro EC-BDD, descendeu moi por debaixo do nivel de voo asignado para a aproximación e bateu contra a ladeira sur de Blackdown Hill en West Sussex, matando os 37 ocupantes do aparello.[1]

Voo 062 de Iberia
Un Caravelle semellante ao do accidente
Resumo
Data  4 de novembro de 1967
Causa  voo controlado contra o terreo
Lugar  preto de Blackdown Hill,
West Sussex
Coordenadas  Coordenadas: 51°03′06″N 0°41′26″O / 51.0517, -0.690556
Finados  37 (todos)
Aeronave
Tipo de aeronave Sud Aviation Caravelle
Operador  Iberia
Rexistro  EC-BDD
Pasaxeiros  30
Tripulación  7
Superviventes  0

Accidente editar

A hora do accidente foi aproximadamente as 10:02 pm,[2] uns 5 minutos e medio despois de que o avión fose autorizado a descender de FL110 (11 000 pés) a FL60 (6 000 pés).[3] Voando a unha baixa taxa de descenso, o Caravelle primeiro recurtou árbores preto de Black Down House, posteriormente atravesou un gran seto e atravesou un prado matando 65 ovellas e ferindo outras 23.[4] O avión foise desintegrando, esnaquizando un garaxe e danando partes do tellado de Upper Black Down House.[1]

O combustible causou pequenos lumes na ladeira arborada e os restos do avión quedaron espallados ao longo dos 325 metros polos que se arrastrou.[4]

Investigación editar

A investigación non puido determinar o motivo polo que o avión descendeu do seu nivel de voo asignado.[1] As gravacións de son tomadas do control de tráfico aéreo e da gravadora de voces da cabina non revelaron nada infrecuente.[3] A investigación declarou que "non se atopou ningunha proba de ningún fallo ou defecto de antes do accidente na estrutura do avión, ou algún defecto de man de obra".[3]

O informe da investigación centrouse moito na posibilidade de que a tripulación puidese malinterpretar os seus altímetros de "tres punteiros", que estaban deseñados para advertir aos pilotos cun indicador de trama cruzada cando a altitude estaba por debaixo dos 10 000 pés.[3] Un extracto do informe dicía:

"A avión descendeu continuamente a un ritmo constante durante un período de 13 minutos e medio e os punteiros estarían en continuo movemento durante ese tempo, incrementando a probabilidade do erro na lectura. A trama cruzada neste tipo de altimetros aparece primeiro nunha fiestra no disco dos 10 000 pés a unha altura indicada de 26 666 pés e o bordo da trama debería ter estado visible durante os 2 minutos nos que o avión iniciou o seu descenso. A 10 000 pés a trama cruzada enche completamente a fiestra e queda chea sempre que o avión estea por debaixo dos 10 000 pés. Así a trama cruzada tería estado visible para a tripulación durante un período duns 9 minutos e medio antes de que o avión pasase por FL60 e é unha custión de conxecturas se aínda era unha advertencia efectiva para eles nesa etapa do descenso".

"Con este tipo de altímetro non é difícil ler unha indicación de 6 000 pés como 16 000 se non se toma en conta a posición do punteiro de 10 000 pés. As probas contra a posibilidade dunha sinxela lectura equivocada deste tipo é a mensaxe do avión ao control de tráfico aéreo informando que estaban pasando FL145, indicando nese momento a tripuación que sabían que estaban por debaixo dos 16 000 pés".[3]

Vítimas editar

Entre os mortos estaba a actriz de cine e televisión británica June Thorburn, que estaba embarazada de cinco meses. Outros personaxes destacados eran o industrial e vicepresidente do Coventry City Football Club John Clarkson, e Donald "Doc" Campbell da Campbell Aircraft Company,[4] fabricante de autoxiros.

Hi unha fosa común e un monumento conmemorativo para 19 dos falecidos a 28 km ao norte do lugar do accidente, no cemiterio de Brookwood, Surrey.[5]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Aviation Safety Network (ed.). "Descrición do accidente". Consultado o 30 de xaneiro de 2017. 
  2. Flight International (ed.). "Caravelle 10.000 ft too low". Consultado o 30 de xaneiro de 2017. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Flight International (ed.). "Caravelle crash report". Consultado o 30 de xaneiro de 2017. 
  4. 4,0 4,1 4,2 The Fernhurst Society (ed.). "Blackdown air crash". Consultado o 30 de xaneiro de 2017. 
  5. Find a Grave (ed.). "Air Crash Fernhurst". Consultado o 5 de febreiro de 2017.