Viño romano
O viño romano é un viño tradicional galego de produción caseira destinada ao autoconsumo, manténdose afastado das canles habituais de comercialización.
Descrición
editarÉ un viño procedente dunha cepa do tipo hibridos de produción directa (HPD). En particular, a cepa que produce o viño romano procede do cruzamento no século XIX da autóctona Vitis vinifera e a importada dos Estados Unidos Vitis labrusca. O motivo do cruzamento foi a maior resistencia da Vitis labrusca á praga da filoxera que estaba a arruinar todas as cepas autóctonas.
Prodúcese maioritariamente no Arco Ártabro en altitudes de ata 400 metros. Tamén se pode encontrar no Ortegal, Bergantiños e Betanzos, aínda que en Betanzos perde terreo debido á presenza da indicación Viño da Terra de Betanzos que fai que os produtores prefiran o cultivo de cepas recoñecidas por esta.
Ten un sabor con moitos matices con predominio dun sabor como a fresa e froitas silvestres. A uva do romano consómese tamén como uva de mesa e o bagazo fai un bo augardente.
O nome de viño romano non ten unha orixe certa. Unha hipótese é a coincidencia dos nomes da cepa Vitis labrusca e un viño italiano coñecido como lambrusco. Outra teoría establece a relación polo sabor a fresa do viño romano e a existencia doutro viño italiano que se denomina de fragola (de fresa) precisamente polo seu sabor.
Os viños de HPD non están aínda suficientemente estudados e están oficialmente ignorados, mesmo chegouse a prohibir a súa plantación en España en 1955, ampliándose a prohibición en 1970 ás replantacións. Os motivos alegados foron o fomento da calidade e alusións a algúns efectos nocivos para a saúde que nunca foron probados cientificamente.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Información sobre o viño romano en blancolexitimo.wordpress.com
- Foro sobre o viño romano en infojardin.com