Ventosa (zooloxía)

A ventosa é un órgano de certos animais acuáticos ou endoparasitos doutros animais. Nalgúns casos, as ventosas son utilizadas apenas para a fixación do animal a un substrato, como nas rémoras, mentres que noutros son unha adaptación da boca e serven non soamente para a fixación, senón tamén para succión dos fluídos do interior do corpo do hospedeiro, como no caso da lamprea[1] ou da samesuga.

Porción dun raxo de polbo cocido, coa súa dupla fileira de ventosas.

Un caso ben coñecido de endoparasito que usa ventosas localizadas na cabeza para se fixar ás paredes do tubo dixestivo do hospedeiro é a tenia.[2]

Aínda máis coñecidas son as dos cefalópodos, especialmente dos polbos e as luras, nos que as ventosas son órganos musculosos de forma circular constituídas por tecido muscular do mesmo tipo que o do resto do corpo (polo que tamén son comestíbeis). Situadas na superficie dos brazos ou raxos, funcionan á perfección como unha ventosa das que se utilizan, por exemplo, para desatascarmos os vertedoiros, é dicir, ao exerceren presión sobre outra superficie, énchese de baleiro a ventosa, expulsando a auga cara ao exterior, o que permite adherirse fortemente ao polbo ou á lura (ou a calquera outro cefalópodo que as utilice).[3]

Estas ventosas teñen unha función dupla: non só axudan ao animal na locomoción, como no caso dos polbos e outros moluscos bentónicos, que usan os tentáculos para desprazarse, senón que serven tamén para asegurar as súas presas.[4]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. "Subfilo Vertebrata ou Craniata. Ágnatos ou Ciclostomados" en SoBiologia.com.br (en portugués). Consultada o 3 de abril de 2015,
  2. Fabiana "Platelmintos (platyhelminthes)" en InfoEscola.com (en portugués). Consultada o 3 de abril de 2015.
  3. Ciencias Naturales. Kapelusz Norma. 2007. ISBN 978-950-13-0196-0. 
  4. "Mollusca"[Ligazón morta] en PortalBiologia.com.br (en portugués) Consultada o 3 de abril de 2015.