Sambesuga

(Redirección desde «Samesuga»)

A sambesuga, samesuga, becha ou bicha, de nome científico Hiriuda medicanalis,[2] é unha especie animal do fío Annemida (Anélidos), clase (subclase para algúns) Hirudinea, orde Arhychobdellida, familia Gnathobdellae e xénero Hirudo.

Xeneralidades editar

A sambesuga europea é a especie máis famosa das numerosas especies de sambesugas, difíciles de distinguir a primeira ollada. A especie é un anélido ou verme anelado que carece de quetas e parápodos. O seu corpo, de até 20 cm, fórmano 34 metámeros, pero internamente non presenta tabiques de división. Ten un clitelo que segrega unha cápsula incubadora para a proxenie, chamado comunmente en inglés "cocoon" e que podería traducirse como cápsula.

As sambesugas hematófagas viven na auga en todo o mundo e, en zonas tropicais, hainas terrestres e arborícolas. Foron usadas para sangrados desde hai miles de anos. A súa principal utilidade medicinal actual é reducir rapidamente os hematomas e a inchazón localizada.

As sambesugas están protexidas en numerosos países pola súa diminución, consecuencia da destrución do seu hábitat e a contaminación. Ao final do século XIX, máis de 50 millóns de sambesugas medicinais poboaban os pantanos e estanques de Francia. Hoxe en día está extinta en estado salvaxe. O desecamento e a polución de zonas húmidas, as pesticidas, a introdución de especies exóticas e outras causas exterminaron esta especie e fixeron raras á maioría. Poucas persoas en Europa occidental viron nunca unha sambesuga no seu medio natural.

Non obstante si que se detecta a súa presenza na literatura popular galega, como se desprende do dito Chupar máis que unha sanguesuga ou da súa sinonimia, tal como foi recollida por diferentes lexicógrafos: samasuga, sambisuga, sanguesuga ou zamezuga [3].

Descrición editar

Na parte anterior presenta unha ventosa bucal, a boca (con tres mandíbulas dentadas), unha ventosa posterior e ano. A boca, armada con dentes que utiliza para cortar a pel das vítimas ás que sangra, succiona cunha poderosa farinxe e a ventosa bucal. Entre os dentes posúen unhas glándulas que segregan hirudina, que impide a coagulación do sangue.

O tubo dixestivo ten numerosos sacos cegos onde almacena o sangue durante longo tempo. Usa unha combinación de mucosidade e succión para permanecer prendida da vítima mentres secreta na ferida unha encima anticoagulante vasodilatadora que penetra no torrente sanguíneo e fai que o sangue flúa en maior cantidade.

Orixe editar

Hirudinea ten unha orixe común de Oligochaeta, grupo na súa maioría detritívoro ou filtrador, con algunhas especies (Lumbriculidae) predadoras con adaptacións similares aos hirudíneos. Hirudo non sempre depende do sangue para vivir, pero aproveita a oportunidade de alimentarse dos vertebrados, se se presenta.

Uso na medicina editar

As sambesugas úsanse desde hai miles de anos para sangrados en sociedades tradicionais, e o seu uso na medicina moderna está circunscrito a eliminar inchazóns e, sobre todo, a procedementos para corrixir dislocacións das extremidades.

A súa saliva contén un número de compostos que asisten á súa alimentación:

  • Un anestésico reduce as sensacións da vítima, o que permite que esta non se decate do ataque e tente liberarse do hirudo.
  • Un vasodilatador que produce que as veas próximas ao corte se agranden e proporcionen á sambesuga un mellor caudal; é útil cando a vítima é un vertebrado pequeno de sangue frío.
  • O péptido anticoagulante, hirudina.

Estas propiedades son difíciles de conseguir por outros medios e é por iso que os últimos 25 anos, séguense empregando. Xa que as sambesugas producen tan pouca hirudina que é pouco práctico extraerlla, necesariamente debe sintetizarse usando técnicas de recombinación de ADN.

Bdellatomy é a práctica de cortar lixeiramente á sambesuga para que o sangue do boche se lle derrame. Así, pensando que non se encheu aínda, continúa succionando no canto de desprenderse. Esta práctica foi publicitada por primeira vez en 1868 polo Daily News.

Anatomía editar

É igual á anatomía da maioría de sambesugas non hematófagas.

Ademais presenta:

  • Unha longa farinxe.
  • Un tubo dixestivo con divertículos de fondo cego para almacenar sangue.
  • Un boche que traballa como un compartimento de almacenamento expansible. O boche permite que unha sambesuga almacene sangue até cinco veces o tamaño do seu corpo. Inchándose tanto que pasa de ter a figura dun cordón ou dun limaco. Así, a sambesuga só necesita alimentarse dúas veces ao ano.
  • Cinco pares de ollos.
  • A ventosa posterior que usa para suxeitarse mentres succiona coa ventosa anterior.
  • Glándulas salivais que segregan hirudina.
  • Tres mandíbulas con máis de cen dentes cada unha.
  • Organismos unicelulares simbiontes para dixerir o sangue.

Nutrición editar

A sambesuga, cando atopa unha presa, fíxase rapidamente a ela coa súa ventosa anterior. A súa boca, con tres mandíbulas en forma de serra de máis de cen minúsculos cabeiros cada unha, cortan a pel, debuxando unha estrela de tres puntas. Coa súa saliva anestésica e anticoagulante succiona de 10 minutos a unha hora sen producir dor. Unha vez que se desprende o animal, o corte segue sangrando durante varias horas.

Dixestión editar

O sangue almacénase no boche con "hirudina", que é un péptido anticoagulante que a prepara para a súa descomposición. O sangue dixírese moi lentamente, evitando a súa fermentación por organismos patóxenos, como se explica a continuación:

A sambesuga, como as outras especies hirudineas non hematófagas, producen exopeptidases endóxenas intestinais, que rompen as cadeas polímeras de aminoácidos, monómero por monómero, até degradar totalmente a molécula de proteína.

A redución da proteína, lentamente pero progresando, iníciaa por ambos os extremos: o extremo amino ou o inicio carboxilo. Así que se supón, que ademais de dixerilas pola arilamidase exopeptidase propia, axúdase de proteases procedentes de bacterias simbióticas que habitan a súa tracto dixestivo. Unha vez degradadas as proteínas, resintetízaas en proteínas propias. Esta forma de dixerir é única no reino animal. Non segue a mesma secuencia que nos demais animais porque a sambesuga non secreta endopeptidases. As exopeptidases son moi prominentes na Erpobdella punctata norteamericana. A dixestión exopeptica dos Hirudinea, un avance evolutivo, distingue a estes carnívoros clitelados dos oligoquetos.

A deficiencia de enzimas dixestivas, e máis importante, a deficiencia de vitaminas, por exemplo o complexo vitamínico B, é compensada polas enzimas e as vitaminas producidas pola súa microflora intestinal simbiótica.

Hirudo medicinalis mantén esta relación dixestiva simbionte coa bacteria Aeromonas hydrophila, que ademais se mantén en cultivo segregando o antibiótico natural penicilina que a protexe a ela e á sambesuga. Outras especies de sambesuga non teñen un único simbionte, senón varios.

Reprodución editar

A sambesuga é hermafrodita, cada individuo ten gónadas de ambos os sexos, ovario e testículos.

Da dentada da sambesuga editar

Non hai produtos repelentes. O máis efectivo é non expor a pel espida e levar roupa pechada que non permita ao verme deslizarse dentro. É común, en persoas afeitas a vivir en áreas con sambesugas hematófagas, observar que non se achegan a ningunha ou que ningunha se lles achega pola auga ou estea suspendida, colgando da vexetación. É posible usar insecticidas.

As especies de sambesuga non hematófagas son moito máis numerosas en individuos e non todas as especies hematófagas poden alimentarse de sangue humano ou perforar a pel humana. As especies non hematófagas foxen das persoas en canto as detectan, como foxen do resto de depredadores.

O zume de limón, o sal, o alcol, o mentol, o alcanfor, os ouriños e outros produtos irritantes fanas desprenderse. Como con ácaros hematófagos (carrachas), pode ser perigoso arrincalas e que algunha parte do animal quede na ferida, o que pode causar unha infección. é recomendable acudir ao médico, aínda cando o animal xa se desprendeu. A cantidade de sangue que absorbe un animal non pon a vida dun neno en perigo. O principal risco é o pánico.

Hai poucas evidencias de transmisión de enfermidades por mordedura. A sambesuga pode conter parasitos no seu tracto dixestivo que a parasiten, pero usualmente non poden sobrevivir en humanos nese estado nin sendo inxeridos co animal. Se a ferida é limpada correctamente, non hai risco de infección. A ferida non doe e non debería ser rascada. Rascala pode introducir infeccións.

Notas editar

  1. World Conservation Monitoring Centre (1996). "Hirudo medicinalis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2009.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 24 de abril de 2010. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sambesuga.
  3. Dicionario de dicionarios.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar