Trastorno de personalidade

Os trastornos de personalidade son un conxunto de perturbacións ou anormalidades que se dan nas dimensións emocionais, afectivas, motivacionais e de relación social dos individuos que acaban sendo prexudicados por non dar levado a cabo unha vida regular, aínda que isto lle pode molestar máis á xente que o rodea que ao propio afectado. Algunhas veces aparecen tamén outros trastornos que se desenvolven con estes ou a causa deles, como pode ser a depresión ou a ansiedade.

Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Tamén é importante constatar que moitas das características desta sorte de trastornos son trazos normais de moitos individuos que non teñen problema ningún.

Fundamentación editar

A diferenza da dimensión cognitiva (percepción, memoria, atención, intelixencia, creatividade, linguaxe), ao falar de personalidade referímonos aos procesos emotivos e tendenciais do individuo, aínda que os diferentes factores exercen unha influencia directa entre si.

Os desaxustes ou trastornos son produto de diferentes causas biolóxicas ou medio ambientais e, aínda que haxa que facer clasificación segundo certas categorías comunmente aceptadas, o diagnóstico debe realizarse de forma individual. Hai que ter en conta que a mesma causa pode ter síndromes diferentes e unha síndrome determinada pode ser a manifestación de causas diversas, condicionada pola constitución biolóxica e o medio social no que o individuo se move.

Aos obstáculos que impiden que unha personalidade se desenvolva normalmente dáselles o nome de frustacións, e corresponden ás circunstancias que determinan que unha necesidade ou motivo fracasen en ser satisfeitos. O estado emocional que acompaña a este feito denomínase presión psicolóxica, tensión ou ansiedade.

Os trastornos de personalidade hai que limitalos, polo tanto, a problemas emocionais, afectivos e sociais. Estes últimos só cando existan evidencias de que foron causados por perturbacións emocionais ou afectivas subxacentes, e non cando son producidos por situacións ambientais propiamente, aínda que sexa moi difícil separar en ocasións a orixe e as consecuencias destes trastornos, que son, máis ben, unha rede complexa na que é difícil determinar as causas e os efectos.

Lista de trastornos de personalidade definidos no DSM editar

O DSM-IV-TR (Manual diagnóstico e estatístico dos trastornos mentais da Asociación Psiquiátrica dos Estados Unidos) menciona dez trastornos de personalidade, que se agrupan en tres grupos:

Grupo A (trastornos raros, estraños ou excéntricos) editar

Os afectados deste grupo acostuman ser apelidados como raros, son illados socialmente, fríos emocionalmente, inexpresivos, distantes e moi desconfiados. Este grupo está mais propenso aos trastornos psicóticos.

  • Trastorno paranoide da personalidade: Son individuos desconfiados en exceso. Non conseguen confiar noutras persoas, pois cren que van ser botados para atrás ou que están tramando e conspirando algo contra eles. Son fríos emocionalmente e pódense manter distantes con outras persoas por culpa da desconfianza. (Non confundir coa esquizofrenia ou o delirio.)
  • Trastorno esquizoide da personalidade: Son individuos illados socialmente. Non expresan ou senten emocións como alegría ou rabia. Son fríos emocionalmente, indiferentes e non tratan de manter lazos afectivos con outras persoas. Son vistos como independentes emocionalmente. (Non confundir coa depresión nerviosa.)
  • Trastorno esquizotípico da personalidade: Son persoas cos mesmos trazos cás esquizoides, aínda que máis próximas á esquizofrenia. Son desconfiadas e supersticiosas, poden afirmar que teñen poderes especiais e teñen comportamentos moi excéntricos. (Non confundir coa esquizofrenia, malia seren próximos.)

Grupo B (trastornos dramáticos, emocionais, erráticos, imprevisíbeis ou irregulares) editar

Estes trastornos caracterízanse por un patrón penetrante de violación das normas sociais, comportamento impulsivo e emotividade excesiva e grandiosidade. Os afectados, apelidados de "problemáticos", son manipuladores, rebeldes, malos, inconstantes, imprevisíbeis e inmaturos emocionalmente. Afecta moito máis ás persoas da contorna que ao propio individuo. As persoas deste grupo son propensas á depresión.

  • Trastorno antisocial da personalidade. Individuos insensíbeis, falsos, mentireiros e fríos emocionalmente. Non lles importan os sentimentos alleos e son manipuladores co fin de conseguiren apenas bens materiais. Son egoístas, impulsivos e agresivos, e poden chegar a cometer crimes e delitos sen sentiren culpa ou remorso.
  • Trastorno límite da personalidade: Individuos moi impulsivos, inconstantes, con pensamento extremo "negro ou branco". Apaixónanse por unha persoa para logo deseguida odiala por temeren o abandono. As súas relacións son frecuentemente intensas, mais sempre confusas e inestábeis, con notábel tendencia a rematalas de forma rabiosa. Teñen profundos sentimentos de rabia e baleiro crónico e son emocionalmente inestábeis con problemas de carencia afectiva. Teñen tendencias suicidas e, co fin de liberárense do sentimento de baleiro, poden caer en comportamentos compulsivos, como a automutilación, ou comer de xeito compulsivo. Son persoas irascíbeis cando están soas e séntense merecedoras de coidados e atención. Moitas veces non conseguen controlar emocións fortes como a agresividade, demostran notábeis explosións de rebeldía e poden ser manipuladoras, sobre todo porque temen o abandono, facendo esforzos excesivos para evitalo. (Non confundir co trastorno bipolar)
  • Trastorno histriónico da personalidade: Son persoas moi emotivas, hipersensíbeis, carentes de afecto, esaxeradas, superficiais, emocionalmente inestábeis, dramáticas, impacientes, infantís, moi preocupadas pola aparencia física e con notábel tendencia a reclamaren excesiva atención. Expresan as emocións de xeito esaxerado e poden ter ataques de choro ou rabia por cousas nimias. Son moi manipuladoras, controlando persoas e circunstancias para conseguiren atención. Fan uso da manipulación emocional e sedutora, e adoitan vestir de maneira sexualmente provocativa para encantaren e seduciren os demais. Poden ser vistas como "camaleóns sociais", pois están constantemente mudando. (Non confundir co trastorno bipolar)
  • Trastorno narcisista da personalidade: Persoas arrogantes, orgullosas e que se cren superiores e máis especiais que os outros. Dan a impresión de seren entremetidas, egoístas ou antipáticas e demostran pouca empatía cara a outras persoas.

Grupo C (trastornos ansiosos, temorosos ou receosos) editar

Este grupo caracterízase por un patrón penetrante de temores anormais, incluíndo relacións sociais, separación e necesidade de control. Estes individuos son vistos como medorentos, ansiosos, febles, dependentes, fóbicos, organizados, obedientes e con tendencia á submisión. Ao contrario do grupo B, evitan crebar regras ou rutinas. Neste grupo, frecuentemente, os trazos inflexíbeis do trastorno prexudican moito máis o propio individuo que as persoas da súa contorna. É un grupo propenso aos trastornos de ansiedade.

  • Trastorno de personalidade por evitación: Os afectados son excesivamente tímidos e con grande ansiedade na vida social. Carrexan frecuentemente un sentimento de inferioridade en relación coas outras persoas. Poden ter baixa autoestima, considerarse inadecuados e verse a si mesmos sen atractivos e capacidades, polo que temen ser ridiculizados ou criticados. Realmente desexan manter contacto íntimo coas outras persoas, mais íllanse socialmente por medo a facer o ridículo. Poden evitar festas, lugares cheos de persoas e ocasións sociais en que poderían ser o centro de atención, e moitas veces mesmo non teñen amigos. Ás veces soportan moito sufrimento, pois teñen grande vontade de relacionárense co mundo, mais non o conseguen. (Non confundir coa depresión nerviosa, fobia social ou trastorno de ansiedade xeneralizada.)
  • Trastorno de personalidade por dependencia: Persoas moi dependentes no emocional, no físico e para faceren calquera cousa. Non conseguen vivir soas e están sempre á procura dunha relación íntima para mantérense dependentes. Adoitan seren submisos ás persoas con quen manteñen un lazo dependente. Poden mostrar moita empatía ou altruísmo por outras persoas e pouca preocupación consigo mesmas. Co medo da perda e o abandono, os individuos pensan moito máis nas outras persoas que en si mesmas, e mesmo deixan de facer cousas que lles gustan para satisfaceren aos outros. A insatisfacción é constante e o sentimento crónico de tristeza é común nestas persoas. (Non confundir coa distimia).
  • Trastorno obsesivo-compulsivo da personalidade: Os afectados son excesivamente organizados, temen descoidos, desorganización, sucidade ou calquera outra forma de desorde. Poden gastar moito tempo traballando ou estudando e deixar de lado relacións, diversións ou lecer. Tenden a facer as cousas sós porque temen que con outras persoas non o vaian facer correctamente. Nas súas relacións poden ser algo distantes ou illados e aparentar friaxe emocional. (Non confundir co trastorno obsesivo-compulsivo.)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • López-Ibor Aliño, Juan J. & Valdés Miyar, Manuel (dir.) (2002). DSM-IV-TR. Manual diagnóstico y estadístico de los trastornos mentales. Texto revisado. Barcelona: Editorial Masson. ISBN 978-84-458-1087-3. 
  • Millon, Theodore & Davis, Roger D. Trastornos de la personalidad. Más allá del DSM-IV. primera edición 1998. Reimpresiones 1999 (2), 2000, 2003, 2004. Barcelona: Editorial Masson. ISBN 978-84-458-0518-3. 
  • – & Grossman, Seth & Millon, Carrie & Meagher, Sarah & Ramnath, Rowena. Trastornos de la personalidad en de la vida moderna. primera edición 2001, segunda edición 2006. Barcelona: Editorial Masson & Elsevier. ISBN 978-84-458-1538-0. 

Ligazóns externas editar