Transbordador espacial Enterprise

O transbordador espacial Enterprise, designación OV-101 (OV de Orbital Vehicle) foi un transbordador espacial de probas que pertenceu á frota de transbordadores espaciais da NASA, aínda que nunca foi lanzado ao espazo. Foi o primeiro transbordador en ser construído.[1][2]

O transbordador Enterprise durante unha das probas de aproximación e aterraxe.

Historia editar

O Enterprise, que foi rematado e quedou listo o 17 de setembro de 1976 e orixinalmente ía denominarse Constitution, foi nomeado pola nave espacial homónima da serie de televisión Star Trek. Foi construído para facer diversas probas cara aos voos reais dos sucesivos transbordadores. O Enterprise non tiña escudo térmico nin subsistemas para o voo espacial. A súa finalidade principal foi facer unha rolda de tests de aproximación e aterraxe (probas ALT, por Approaching and Landing Tests) durante nove meses para definir e comprobar as características en voo subsónico do transbordador. Foi usado tamén para probar as instalacións de lanzamento, comprobar sistemas de freado e paracaídas e finalmente acabar sendo unha peza de museo.[1][2]

As probas ALT tiveron lugar entre febreiro e novembro de 1977 na Instalación Dryden de Investigación do Voo. O Enterprise foi pilotado nesas ocasións por dúas parellas de pilotos, Fred Haise e Gordon Fullerton, por unha banda, e Joe Engle e Dick Truly, por outra. Nas probas ALT o transbordador era transportado a lomos dun Boeing 747. En varios dos voos o Enterprise permaneceu acoplado ao 747 mentres que noutros era soltado unha vez no aire e pilotado pola tripulación. Despois das probas ALT o Enterprise foi sometido a varias probas estruturais e tests de varios sistemas. A nave foi usada en posteriores probas, co resto de transbordadores voando de forma regular, co fin de probar novas técnicas, novos sistemas ou novos sitios de lanzamento. Finalmente, o 18 de novembro de 1985, o Enterprise pasou a ser propiedade da Institución Smithsonian e exposto no seu museo. Aínda así, a NASA usouno nalgúns momentos para máis probas e tests. A última proba da que formou parte foi durante a investigación da destrución do transbordador espacial Columbia, e na que se simulou o impacto dun cacho de espuma do tanque principal no bordo do ala da nave, que resultou nun burato similar ao que causou a destrución do orbitador.[1][2]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Mark Wade (2020). "Enterprise" (en inglés). Consultado o 5 de marzo de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Gunter Dirk Krebs (2019). Gunter's Space Page, ed. "Shuttle" (en inglés). Consultado o 5 de marzo de 2020. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar