The Variation of Animals and Plants Under Domestication

The Variation of Animals and Plants Under Domestication (A variación dos animais e plantas domesticados) é un libro escrito por Charles Darwin publicado o 30 de xaneiro 1868.

Páxina do título da primeira edición de
The Variation of Animals and Plants Under Domestication de Charles Darwin, publicado polo editor John Murray (Vol 1: viii,411 +43 figs ; Vol 2: viii,486).

Unha gran parte do libro contén información detallada sobre a domesticación dos animais e plantas, pero tamén contén no capítulo XXVII unha descrición da teoría de Darwin da herdanza, que el denominou panxénese.

Introdución

editar

Darwin estivera traballando durante dous anos escribindo o seu "libro grande", titulado provisionalmente Natural Selection, cando o 18 de xulo de 1858 recibiu un paquete enviado por Alfred Wallace, que daquela estaba vivindo en Borneo.[1] Incluía un manuscrito de vinte páxinas no que se describía un mecanismo evolutivo que era similar á propia teoría de Darwin. Como estaba baixo presión para publicar as súas ideas, Darwin empezou a traballar nun "resumo", que foi publicado en novembro de 1859 co título On the Origin of Species (A orixe das especies).[2] Na introdución anunciaba que nunha futura publicación esperaba dar "en detalle todos os feitos, con referencias, sobre as cales se fundamentan as miñas conclusións".[3]

O 9 de xaneiro de 1860, dous días despois da publicación da segunda edición de A orixe das especies, Darwin volveu ao seu manuscrito orixinal Natural Selection e empezou a ampliar os dous primeiros capítulos de "Variation under Domestication".[4] Tiña unha gran colección de notas adicionais e na metade do mes de xuño xa escribira os esbozos e unha introdución e dous capítulos sobre a domesticación de pombas que finalmente formaría parte de The Variation of Animals and Plants Under Domestication. Darwin aparentemente sentiu que o traballo de escribir este libro fora fatigoso e escribiu na súa autobiografía que estivera "tentado a publicar sobre outros temas que naquel momento me interesaban máis."[5] En xullo do ano seguinte (1861) empezou a traballar nun libro diferente, Fertilisation of Orchids, que se publicou en maio de 1862.

Darwin continuou recompilando datos. Os seus propios experimentos prácticos estaban centrados nas plantas, mais conseguiu recoller información doutros autores por correspondencia e mesmo acordou que algúns dos seus correspondentes fixesen experimentos no seu nome.[6][7][8]

Malia pasar períodos prolongados doente, fixo progresos e en marzo de 1865 escribiu ao seu editor, John Murray, dicindo que "do libro actual teño 7 capítulos listos para a prensa e todos os outros moi adiantados, agás o último de conclusión" (o libro publicouse finalmente constando de 28 capítulos).[9] Na mesma carta discutiu as ilustracións para o libro.

Darwin estivera reflexionando durante moitos anos sobre unha teoría da herdanza.[10] En maio de 1865 enviou un manuscrito ao seu amigo Thomas Huxley perfilando a súa teoría que el chamaba panxénese e preguntando se debería publicala. Na carta que o acompañaba Darwin escribiu que "é unha hipótese moi impulsiva e crúa aínda que foi de grande alivio para a miña mente, e eu podo facer depender dela unha boa cantidade de grupos de feitos."[11] Huxley sinalou as semellanzas da panxénese coas teorías de Buffon, e do naturalista suízo Charles Bonnet, pero finalmente escribiulle animándoo a publicalo: "Algúen remexendo nos seus papeis dentro de medio século atopará a Panxénese e dirá 'vede esta marabillosa anticipación das nosas modernas teorías, e ese parvo de Huxley impediulle que as publicase'".[12]

Publicación

editar
 
A pomba Columba livia, a forma parental de todas as pombas domesticadas.

Xusto antes do Nadal de 1866 enviáronse todos os manuscritos excepto o capítulo final ao editor.[13] A inicios de xaneiro, ao recibir unha estimación do tamaño do libro en dous volumes dos editores, Darwin escribiu ao seu editor: "non podo expresarlle como lamento oír do enorme tamaño do meu Libro."[14] El seguidamente arranxou que algunhas das partes máis técnicas se imprimisen nun tipo de letra máis pequeno.[15]

Incluso nesta última fase Darwin non estaba seguro de se incluír ou non un capítulo sobre o ser humano. Ao final de xaneiro escribiu a Murray: "Teña a total convicción que que o meu Capítulo sobre o home excitará a atención e moitos ataques e supoño que o ataque é tan bo coma o eloxio para vender un Libro"[16] pero entón aparentemente decidiuse a desbotar a idea, pois nunha carta dunha semana despois ao seu íntimo amigo Joseph Hooker explicou que "empecei un capítulo sobre o Home, para o cal levo moito tempo recollendo materiais, pero creceu ata facerse demasiado longo, e penso que se publicará separadamente nun volume moi pequeno, 'un ensaio sobre a orixe da humanidade'".[17] Este "ensaio" converteríase en dous libros: The Descent of Man, and Selection in Relation to Sex (1871) e The Expression of Emotions in Man and Animals (1872).

O libro foi anunciado xa en 1865 co título pouco manexable de Domesticated Animals and Cultivated Plants, or the Principles of Variation, Inheritance, Reversion, Crossing, Interbreeding, and Selection under Domestication[18] pero Darwin estivo de acordo co título máis curto The Variation of Animals and Plants Under Domestication suxerido polos tipógrafos.[15] En maio acordara que o libro se traducise ao francés, ruso e alemán.[15] A edición francesa sería traducida por Jean Jacques Moulinié, a alemá por Julius Victor Carus, quen fixera a versión revisada de The Origin en 1866 e a edición rusa por Vladimir Onufrievich Kovalevsky, o irmán do embriólogo Alexander Kovalevsky.

Darwin recibiu as primeiras probas para corrixir o 1 de marzo de 1867.[19] Na aburrida tarefa de facer correccións foi axudado pola súa filla de 23 anos Henrietta Emma Darwin. No verán cando estaba fóra de casa en Cornualla escribiu comentando o traballo dela: "todos os teus comentarios, críticas, dúbidas e correccións son excelentes, excelentes".[20] Ao facer as correccións Darwin tamén engadiu novo material.[20] As correccións do libro acabaron o 15 de novembro, pero houbo outro atraso mentres William Dallas preparaba o índice.[15]

The Variation of Animals and Plants Under Domestication saíu á venda o 30 de xaneiro de 1868, trece anos despois de que Darwin empezase os seus experimentos de crianza de pombas. Sentíase desanimado e preocupado por como se recibirían estes grandes volumes, e escribiu que "se trato de ler unhas poucas páxinas síntome bastante repugnado ... Que o demo leve todo o libro".[21] Na súa autobiografía estimou que pasara 4 anos e 2 meses de "duro traballo" preparando o libro.[22]

Contidos

editar
 
A pomba mensaxeira inglesa, unha das moitas variedades domesticadas que derivan da Columba livia.

O primeiro volume de The Variation of Animals and Plants Under Domestication consiste nunha exploración longa e moi detallada dos mecanismos de variación, incluíndo o principio do uso e desuso, o principio de correlación das partes e o papel do ambiente na causación das variacións, en funcionamento en varias especies domésticas. Darwin empeza con cans e gatos, discutindo as semellanzas entre cans salvaxes e domesticados, e reflexionando sobre como as especies cambiaron para acomodarse aos desexos dos homes. Intenta trazar unha xenealoxía de variedades contemporáneas (ou "razas") remontándose ata uns poucos proxenitores iniciais. Estes argumentos, xunto con outros, usan a gran cantidade de datos que Darwin xuntou sobre cans e gatos para apoiar a súe tese global da evolución por selección natural. Despois continúa tratando casos similares sobre cabalos e burros, ovellas, cabras, porcos, vacas e varios tipos de aves domesticadas, un gran número de plantas cultivadas, e, máis exhaustivamente, pombas.

No capítulo XXVII Darwin introduciu a súa "hipótese provisional" da panxénese que el lle resumira primeiro a Huxley en 1865.[23] Propuxo que cada parte dun organismo contén partículas invisibles diminutas que el chamou xémulas. Estas podían rexenerar o organismo para que a folla dunha begonia ou un verme cortado en cachos puidese reenerar o organismo completo, e unha píntega ou cangrexo que perderan unha extremidade puidesen rexenerala. As xémulas estaban dispersas polo organismo e podían multiplicarse por división. Na reprodución sexual eran transmitidos desde os proxenitores aos seus descendentes e a mestura das xémulas producíase coas características dos proxenitores 'mesturadas'. As xémulas podían tamén permanecer dormentes durante varias xeracións antes de facérense activas. Tamén suxeriu que o ambiente podía afectar as xémulas dun organismo e isto posibilitaba a herdanza lamarckista dos caracteres adquiridos.[24][25] Darwin cría que a súa teoría podía explicar unha ampla variedade de fenómenos:

Todas as formas de reprodución gradúanse e están de acordo nos seus produtos; por isto é imposible distinguir entre organismos producidos por xemas, por autodivisión ou por xermes fertilizados ... e como agora podemos ver que todas as formas de reprodución dependen da agregación de xémulas derivadas de todo o corpo, podemos comprender este acordo xeral. É satisfactorio atopar que a xeración sexual e asexual ... son fundamentalmente o mesmo. A partenoxénese xa non é marabillosa; de feito, a marabilla é que non ocorra máis a miúdo.

Nas páxinas finais do libro de Darwin desafía directamente o argumento da variación divinamente guíada pola que avogaba o seu amigo e partidario o botánico norteamericano Asa Gray. Utilizou a analoxía dun arquitecto usando rocas que se desprenderan natualmente e caeran ata a base dun cantil, preguntándose se "pode ser razoable manter que o Creador ordenou intencionadamente ... que certos fragmentos deberían adoptar certas formas para que o construtor puidese erixir o seu edificio?"[27] Da mesma maneira, os criadores ou a selección natural elixían aqueles que casualmente eran útiles entre as variacións que se orixinaban polas "leis xerais", para mellorar plantas e animais, "incluído o home". Darwin concluíu con: "Por moito que o poudamos desexar, dificilmente podemos seguir o profesor Asa Gray na súa crenza de que 'a variación foi seguindo certas liñas beneficiosas', como un 'río seguindo liñas de irrigación definidas e útiles'".[28] Darwin confesoulle a Hooker que "é estúpido tocar eses asuntos, pero houbo tantas alusións ao que eu penso sobre a parte que desempeñou Deus na formación de seres orgánicos, que eu penso é mesquiño evadir a cuestión."[17]

Índice de capítulos

editar

Volume 1

  • Capítulo I. Domestic dogs and cats. [Cans e gatos domésticos]
  • Capítulo II. Horses and asses. [Cabalos e asnos]
  • Capítulo III. Pigs – cattle – sheep – goats. [Porcos, vacas, ovellas, cabras]
  • Capítulo IV. Domestic rabbits. [Coellos domésticos]
  • Capítulo V. Domestic pigeons. [Pombas domésticas]
  • Capítulo VI. Pigeons – continued. [Pombas, continuación]
  • Capítulo VII. Fowls. [Aves de corral]
  • Capítulo VIII. Ducks – goose – peacock – turkey – guinea-fowl – canary-bird – gold-fish – hive-bees – silk-moths. [Patos, gansos, pavóns, pavos, galiñas de Guinea, canarios, peixe dourado, abellas do mel, avelaíñas da seda]
  • Capítulo IX. Cultivated plants: cereal and culinary plants. [Plantas cultivadas: cereais e plantas culinarias]
  • Capítulo X. Plants continued — fruits — ornamental trees — flowers. [Plantas, cotinuación: froitos, árbores ornamentais, flores]
  • Capítulo XI. On bud-variation, and on certain anomalous modes of reproduction and variation. [Sobre a variación das xemas e sobre certos modos de reprodución e variación]

Volume 2

  • Capítulo XII. Inheritance. [Herdanza]
  • Capítulo XIII. Inheritance continued — reversion or atavism. [Continuación da herdanza: reversión ou atavismo]
  • Capítulo XIV. Inheritance continued — fixedness of character — prepotency — sexual limitation — correspondence of age. [Continuación da herdanxza: fixeza do carácter, prepotencia, limitación sexual, correspondencia de idade]
  • Capítulo XV. On crossing. [Sobre o cruzamento]
  • Capítulo XVI. Causes which interfere with the free crossing of varieties — influence of domestication on fertility. [Causas que interfiren co cruzamento libre das variedades. Influencia da domesticación sobre a fertilidade]
  • Capítulo XVII. On the good effects of crossing, and on the evil effects of close interbreeding. [Sobre os efectos bos do cruzamento, e sobre os efectos malos da hibridación próxima]
  • Capítulo XVIII. On the advantages and disadvantages of changed conditions of life: sterility from various causes. [Sobre as vantaxes e desvantaxes das condicións cambiantes da vida: esterilidade por varias causas]
  • Capítulo XIX. Summary of the four last chapters, with remarks on hybridism. [Resume dos catro últimos capítulos, con observacións sobre a hibridación]
  • Capítulo XX. Selection by man. [Selección polo home]
  • Capítulo XXI. Selection—continued. [Selección, continuación]
  • Capítulo XXII. Causes of variability. [Causas da variabilidade]
  • Capítulo XXIII. Direct and definite action of the external conditions of life. [Acción directa e definida das condicións de vida externas]
  • Capítulo XXIV. Laws of variation — use and disuse, etc. [Leis da variación, uso e desuso, etc]
  • Capítulo XXV. Laws of variation, continued — correlated variability. [Leis da variación, continuación: variabilidade correlacionada]
  • Capítulo XXVI. Laws of variation, continued — summary. [Leis da variación, continuación: resumo]
  • Capítulo XXVII. Provisional hypothesis of pangenesis. [Hipótese provisional da panxénese]
  • Capítulo XXVIII. Concluding remarks. [Comentarios finais]

Recepción

editar
 
Ave española

Darwin estaba preocupado por se alguén lería os masivos volumes e estaba tamén ansioso de recibir opinións dos seus amigos sobre as súas ideas sobre a panxénese. En outubro de 1867 antes de que o libro fose publicado el enviou copias das probas corrixidas a Asa Gray co comentario: "O capítulo sobre o que eu chamo Panxénese vanlle chamar soño tolo, e estarei moi satisfeito se vostede pensa que é un soño que vale a pena publicar; pero no fondo da miña propia mente penso que contén unha gran verdade."[29] Darwin escribiu a Hooker o seguinte: "Estarei moi ansioso de oír o que vostede pensa da Panxénese",[30] e ao naturalista alemán Fritz Müller: "A maior parte, como verá, no está destinada a ser lida; mais gustaría moito de oír o que vostede pensa da 'Panxénese'."[31] Poucos colegsas de Darwin compartían o seu entusiasmo pola panxénese.[32] Wallace inicialmente apoiouna e Darwin confesoulle: "Ningún dos meus amigos falará, excepto ata certo punto Sir H. Holland, que o atopou moi difícil de ler, pero admite que algunhas ideas 'estreitamente relacionadas con esta' terán que ser admitidas."[33]

Ao final de abril The Variation tivo máis de 20 recensións.[34] Unha recensión anónima de George Henry Lewes na Pall Mall Gazette alabou a súa "nobre serenidade ... inalterado polos ardores da axitación polémica" o cal fixo rir ao pouco tranquilo Darwin, e deixouno contentísimo.[35]

En 1875 publicouse unha segunda edición na cal Darwin fixo varias correccións e tamén reelaborou o capítulo XI sobre a variación das xemas e o capítulo XXVII sobre a panxénese. O libro nunca chegou a ser popular e só vendeu 5000 copias durante a vida de Darwin.[36][37]

De Vries en 1889 alabou o "estudo maxistral dos fenómenos a explicar" e aceptou a idea de que "as cualidades hereditarias individuais do organismo completo están representadas por partículas materiais definidas". Introduciu a noción da panxénese intracelular, que, seguindo a August Weismann, rexeitaba a idea de que estas partículas se desprendesen de todas as células do corpo. Chamaba ás partículas "panxenes", palabra posteriormente abreviada a "xene".[38][39]

Nunha liña similar, Weismann na súa obra de 1893 Germ-Plasm dixo: "aínda que Darwin describiu modestamente a súa teoría como unha hipótese provisional, a súa foi, porén, o primeiro intento completo de explicar todos os fenómenos coñecidos da herdanza por un principio común ... Malia que un considerable número destas asuncións son insostibles, unha parte da teoría aínda perdura, o cal debe aceptarse como fundamental ou correcta, -en principio en todo caso-, non só agora senón para todos os tempos vindeiros. ... presupoñendo a existencia de partículas materiais no xerme que posúen as propiedades do ser vivo ... Debo confesar honestamente terme resistido mentalmente a este punto fundamental da doutrina darwinista durante longo tempo."[40]

  1. Darwin 1887, pp. 84–85 Vol. 1
  2. Stauffer 1975, pp. 1–14
  3. Darwin 1859, p. 2
  4. "Charles Darwin's journal for 1860". Darwin Online. 
  5. Darwin 1887, p. 90 Vol. 1
  6. Entre os correspondentes estaban os seguintes: Charles Victor Naudin, cultivador de plantas; John Scott, encargado do Royal Botanic Garden de Edimburgo; e William Tegetmeier, entusiasta das pombas e experto en aves de corral.
  7. Browne 2002, pp. 201–211
  8. Introduction to Volume 12 (1864). Darwin Correspondence Project. Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2008. 
  9. "Letter 4801 – Darwin, C. R. to Murray, John (b), 31 Mar (1865)". Darwin Correspondence Project. 
  10. "Letter 5612 – Darwin, C. R. to Lyell, Charles, 22 Aug (1867)". Darwin Correspondence Project. 
  11. "Introduction to Volume 13 (1865)". Darwin Correspondence Project. Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2008. 
    "Letter 4837 – Darwin, C. R. to Huxley, T. H., 27 May (1865)". Darwin Correspondence Project. 
  12. "Letter 4875 – Huxley, T. H. to Darwin, C. R., 16 July (1865)". Darwin Correspondence Project. 
  13. Charles Darwin's journal for 1866. Darwin Online. 
  14. "Letter 5346 – Darwin, C. R. to Murray, John (b), 3 Jan (1867)". Darwin Correspondence Project. 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 "Introduction to Volume 15 (1867)". Darwin Correspondence Project. Arquivado dende o orixinal o 9 de xuño de 2008. 
  16. "Letter 5384 – Darwin, C. R. to Murray, John (b), 31 Jan (1867)". Darwin Correspondence Project. 
  17. 17,0 17,1 "Letter 5395 – Darwin, C. R. to Hooker, J. D., 8 Feb (1867)". Darwin Correspondence Project. 
  18. Ver a nota a rodapé 2 en "Letter 4801 – Darwin, C. R. to Murray, John (b), 31 Mar (1865)". Darwin Correspondence Project. 
  19. "Charles Darwin's journal for 1867". Darwin Online. 
  20. 20,0 20,1 "Letter 5585 – Darwin, C. R. to Darwin, H. E., 26 July (1867)". Darwin Correspondence Project. 
  21. "Letter 5835 – Darwin, C. R. to Hooker, J. D., 3 Feb (1868)". Darwin Correspondence Project. ; Darwin 1887, p. 75 Vol. 3.
  22. Darwin 1887, pp. 90, 93 Vol. 1
  23. Para unha discusión de como chegou Darwin á súa hipótese ver Olby (1985, pp. 84–85)
  24. Browne 2002, pp. 282–284
  25. Bowler 2003, pp. 199–200
  26. Darwin 1868, p. 383
  27. Darwin 1868, p. 431, Vol. 2; Browne 2002, p. 293
  28. Darwin 1868, p. 432, Vol. 2
  29. "Letter 5649 – Darwin, C. R. to Gray, Asa, 16 Oct (1867)". Darwin Correspondence Project. 
  30. "Letter 5680 – Darwin, C. R. to Hooker, J. D., 17 Nov (1867)". Darwin Correspondence Project. 
  31. "Letter 5816 – Darwin, C. R. to Müller, J. F. T., 30 Jan (1868)". Darwin Correspondence Project. ; Darwin 1887, p. 75, Vol 3
  32. Browne 2002, p. 288
  33. "Letter 5940 – Darwin, C. R. to Wallace, A. R., 27 Feb (1868)". Darwin Correspondence Project. ; Darwin & Seward 1903, p. 301, Vol 1
  34. "Introduction to Volume 16 (1868)". Darwin Correspondence Project. 
  35. Darwin 1887, p. 76, Vol 3; "Letter 5856 – Darwin, C. R. to Hooker, J. D., 10 Feb (1868)". Darwin Correspondence Project. 
  36. Darwin 1875.
  37. Browne 2002, p. 287.
  38. De Vries, Hugo (1910) [Edición en alemán publicada en 1889]. Intracellular Pangenesis. trans. Cager, C. Stuart. Boston: Open Court. pp. 3, 5. OL 7215909M. .
  39. Escrito como pangene no texto alemán. De Vries, Hugo (1889). Intracellulare Pangenesis (en alemán). Jena: von Guetav Fischer. p. 6. OL 7227630M. .
  40. Weismann, August (1893). The Germ-Plasm. A Theory of Heredity. trans. Parker, W. Newton. New York: Charles Scribner's Sons. pp. 3–4. OL 20512798M. 

Referencias

editar

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar

Edición electrónica de The Variation of Animals and Plants under Domestication, de acceso libre no Proxecto Gutenberg