Tesouro de Valsadornín

tesouro de moedas romanas
Tesouro de Valsadornín
Conxunto do recipente e as moedas do tesouro

· Data do depósito: século III d.C. (ca. 270).

· Período: baixo Imperio Romano.

· País: España.

· Descubridor: Tomás y Eusebia Roldán.

· Lugar de aparición: Valsadornín, Palencia.

· Data do achado: 1937.

· Composición: ca. 45 quilos de moedas romanas.

· Materiais: prata e bronce.

· Conservación: Museo de Palencia.

O tesouro de Valsadornín é un conxunto de moedas da Antiga Roma achado en 1937 nas proximidades da entidade local de Valsadornín, Cervera de Pisuerga, na provincia española de Palencia.

O soterramento data de arredor do ano 270 e o depósito está composto por un recipiente que contiña arredor de 45 quilogramos de moedas, maioritariamente de bronce e algunhas de prata.

O achado

editar

O tesouro foi achado de xeito casual o 19 de agosto de 1937 polos irmáns Eusebia e Tomás Roldán, cando percorrían o camiño que unía Valsadornín con Gramedo, localidade da que eran veciños. En medio dunha forte treboada, cando atravesaban o lugar de Valdiquecho, en Santa Águeda, tropezaron cos restos dun recipiente que asomaba do chan cunha gran cantidade de moedas. Os irmáns recolleron o tesouro e trasladárono á súa casa, onde comprobaron que o recipiente era unha especie de pota metálica cun conglomerado de moedas oxidadas no seu interior. O conxunto pesaba 45 kg.[1]

As autoridades arqueolóxicas palentinas procederon a inspeccionar o lugar na procura doutros posibles restos, aínda que sen resultado. Daquela, o tesouro trasladouse ao Museo de Palencia, mais non chegou completo, xa que os propios irmáns Roldán, así como veciños de Cervera de Pisuerga,[2] o gobernador civil de Valladolid Juan Alonso-Villalobos Solórzano e o departamento de Arqueoloxía da Universidade de Valladolid quedaron con parte das moedas. No Museo de Palencia permaneceu íntegro ata 1951, cando se trasladou a parte amalgamada do tesouro ao Museo Arqueolóxico Nacional, en Madrid.[3]

Contido

editar

En 1979 realizouse o primeiro estudo da parte que ficou en Palencia. Entre as moedas do tesouro, os emperadores romanos que apareceron representados son Galieno, Claudio II e Salonina, aínda que en total hai dezaoito gobernantes representados.[4]​ O total das moedas que quedaron en Palencia era de 2.421 exemplares, que pesaban 6,2 kg e supuñan o 14 % das pezas do achadoo total.[5] O exame destas moedas permitiu fixar a data de soterramento do tesouro non antes de 270 e o seu dono seguramente o agochou por mor da inestabilidade interna da época.​[6] Estimouse que inicialmente o conxunto puido ter entre dez mil e once mil pezas.[7]

A parte do conxunto que se trasladou en Madrid ficou en depósito no Museo Arqueolóxico Nacional durante décadas, á espera para ser restaurada. Finalmente, entre 2016 e 2018 o Instituto do Patrimonio Cultural de España procedeu á súa restauración e, logo de ser exposto no propio MAN, o conxunto daa pota mais arredor de 8.000 moedas restauradas foi entregado novamente ao Museo de Palencia en xaneiro de 2019 para a súa exposición completa.[4][8][9]

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar