Syrtis Major Planum

Syrtis Major Planum é unha mancha escura do planeta Marte, situada na parte máis oriental de Terra Sabaea e lindando con Isidis Planitia e Terra Thyrrena.[2] Foi descuberta a través dos datos proporcionados pola sonda Mars Global Surveyor, os cales levan a pensar que se pode tratar dun volcán de escudo cun relevo moi suave,[3] pero formalmente é recoñecida coma unha planicie, tamén é coñecida coma Syrtis Major Planitia. A cor escura procede do basalto da rexión é da ausencia de po que cubra a superficie da rexión

Syrtis Major Planum
Imaxe dixitalizada en cor do cuadrángulo MC-13, coa cor negra distintiva de Syrtis Major.
Tipo de accidente xeolóxico Planum
Rexión de Marte
Diámetro 1214,86 km[1]
Coordenadas 9,2° N 67,1° E [1]
Procedencia do nome nome dun antigo rexión de albedo de Marte.[1]

Xeografía e xeoloxía editar

Syrtis Major está centrada sobre as coordenadas 9,2° N 67,1° E[1], estendese por unha area dun diámetro aproximado de 1.200 km[1] na parte máis oriental de Terra Sabaea e lindando con Isidis Planitia e Terra Thyrrena,[2] o cuadrante MC-13 de Marte leva o seu nome.[4] Polo oeste e pegada a Arabia Terra comeza a elevarse moi suavemente ata caer case en picado cando chega ó bordo de Isidis Planitia. A chaira inclúe un avultamento que case acada os 6 km de altitude. A meirande parte de Syrtys Major ten unha inclinación menor dun grao, unha inclinación incluso moito menor cá dos volcáns de escudo de Tharsis. Practicamente no centro da rexión pódese atopa-la depresión alongada que contén as caldeiras de Nili Patera e Meroe Patera, as cales acadan os 2 km de profundidade. Os chans destas paterae non son elevados se os comparamos cos terreos que rodean a Syrtis Major. O chan de Nili Patera está menos craterizado, e polo tanto é o máis novo dos dous. Nili Patera é de especial interese para os científicos, xa que a diferenza da meirande parte de Marte, neste patera atopouse dacita, a parte de basalto.[5] As medicións por satélite do campo gravitatorio da zona indican unha anomalía centrada no complexo das caldeiras, suxerindo a presenza dunha gran caldeira extinta de magma baixo a superficie, que contería densos minerais no seu fondo (probablemente e principalmente piroxeno, con algo de olivina), que terían precipitado no fondo da caldeira antes da saída do magma.[6] A meirande parte dos cráteres de Syrtis Major son de principios da idade Hespérica; posteriores á formación por un grande impacto da cunca (planitia) de Isidis Planitia.[3]

Descubrimento e nome editar

O nome de Syrtis Major procede do nome Syrtis maior que os romanos usaban para o Golfo de Sidra, na costa de Libia (a antiga provincia romana de Cyrenaica).

Syrtis Major foi o primeiro accidente xeolóxico documentado doutro planeta do Sistema Solar. Foi descuberto por Christiaan Huygens, quen incluíu esta rexión nun debuxo de Marte que fixo no ano 1659. Syrtis Major recibiu orixinalmente o nome de Mar do reloxo de area, pero recibiría moitos outros de distintos cartógrafos. En 1840, Johann Heinrich von Mädler confeccionou un mapa de Marte a partir das súas observacións e doulle a Syrtis o nome de Atlantic Canale. No mapa de Richard Proctor do ano 1867, Syrtis recibiría o nome de Kaiser Sea (en honra a Frederik Kaiser do Observatorio de Leiden). Camille Flammarion chamouno Mer du Sablier (en francés "Mar do reloxo de area") cando no ano 1876 revisou a nomenclatura de Proctor. O nome de "Syrtis Major" foi escollido por Giovanni Schiaparelli cando creou un mapa de Marte feito na máxima aproximación do planeta vermello á Terra do ano 1877.[7][8]

Variacións estacionais editar

 
Estelas brillantes de po e area causadas polo vento na rexión de Syrtis Major, fotografía da sonda THEMIS.

Syrtis Major foi obxecto de moitas observacións debido ós seus cambios estacionais e as súas variacións de longo tempo. Antigamente isto levou a teorías que dicían que se trataba dun mar pouco profundo ou que estas variación eran debidas a existencia de vexetación que mudaba coas estacións. Pero coa chegada da era das sondas, os científicos comprobaron que estas variacións eran debidas a area e o po transportados polo vento. Moitos destes depósitos inclúen halos e estelas de cores vivos que se forman a sotavento dos cráteres de impacto. Estes depósitos son o resultado das alteracións e desviacións que os ventos sofren ó atoparse coas cristas máis elevadas dos cráteres de impacto.[5]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Planetary Names: Planum, plana: Syrtis Major Planum on Mars". Consultado o 11-03-2012. 
  2. 2,0 2,1 "Appoximate Boundaries for Mars Regional Feature Names" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05-09-2015. Consultado o 12-03-2012. 
  3. 3,0 3,1 Hiesinger, H.; Head, J. W. (08-01-2004). "The Syrtis Major volcanic province, Mars: Synthesis from Mars Global Surveyor data" (PDF). Journal of Geophysical Research 109 (E1): E01004. Bibcode:2004JGRE..10901004H. doi:10.1029/2003JE002143. E01004. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08-02-2012. Consultado o 11-03-2012. 
  4. "Planetary Names: Mars 1:5 million-scale MOLA Images" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12-07-2012. Consultado o 12-03-2012. 
  5. 5,0 5,1 "Mars Odyssey Mission - THEMIS" (en inglés). 23-10-2006. Consultado o 12-03-2012. 
  6. Kiefer, Walter S. (30-05-2004). "Gravity evidence for an extinct magma chamber beneath Syrtis Major, Mars: a look at the magmatic plumbing system". Earth and Planetary Science Letters 222 (2): 349– 361. Bibcode:2004E&PSL.222..349K. doi:10.1016/j.epsl.2004.03.009. 
  7. Oliver Morton (2002). Picador USA, ed. Mapping Mars: Science, Imagination, and the Birth of a World. New York. pp. 14–15. ISBN 0312245513. 
  8. William Sheehan. "The Planet Mars: A History of Observation and Discovery - Chapter 4: Areographers". Arquivado dende o orixinal o 01-07-2017. Consultado o 07-09-2007. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar