Unha sura[1] (árabe: سُورَة sūrah, plural سُوَر suwar) é o nome que recibe cada unha das unidades nas que se divide o Corán e que adoita traducirse como capítulo en moitas linguas[2][3]. Hai 114 suras no Corán, que se dividen en 6236 āyāt (singular āyah, versículos)[4] As suras son de duración moi diferente; a menor (Al-Kawthar) conta con só tres versículos, mentres que a máis longa (Al-Baqara) contén 286. Segundo a tradición islámica, 86 das 114 suras clasifícanse como mecanas, reveladas a Mahoma na Meca, mentres que 28 son medinenses, reveladas despois da migración de Mahoma a Medina (Hijrah). As suras mecanas adoitan trata da fe e mais de escenas do alén mentres que as que medinesas tratan máis na organización da vida social da nacente comunidade islámica e o liderado dos musulmáns co obxectivo de acadar o Dar al-Islam, o territorio gobernado polos musulmáns, amosando forza fronte aos incrédulos. Agás na sura At-Tawba, todos as suras comezan coa mesma fórmula: "En Nome de Alá, Ar-Rahman (o Misericordioso), Ar-Rahim (o Clemente)", que se coñece como basmala e indica os límites entre as suras. No Corán as suras dispóñense aproximadamente en orde decrecente de tamaño e, xa que logo, a disposición do Corán non é nin cronolóxica nin temática. As suras recítanse na posición qiyam (en pé) das oracións islámicas e a primeira, Al-Fatiha, recítase en cada rezo.

Unha sura do Corán

EtimoloxíaEditar

 
Al-Kawthar, con tres versículos é unha das suras máis curtas do Corán

A etimoloxía do termo é controvertida, algúns autores considérano unha derivación do hebreo šūrā (ringleira) mentres outros derívano do siríaco surtā (escrita)[5]. Na época de Mahoma empregábase sura co significado de parte ou para designar un conxunto de versículos do Corán. O que se evidencia na aparición da palabra sura en múltiples lugares do Corán como no versículo 24:1:

Unha sura que envíamos e prescribimos, e na que revelamos sinais claros para meditardes.

e tamén en plural en 11:13:

Ou din: "Inventouno el!". Di: "Logo, coa axuda de quen puiderdes, no canto de Alá, traede dez suras inventadas, iguais ás del, se dicides a verdade".

Orde cronolóxica das surasEditar

Os capítulos no Corán non se organizan na orde cronolóxica da revelación, e os investigadores afanáronse na procura desa orde. Segundo a tradición, Mahoma indicoulles aos que o acompañaban, sahaba, a colocación de cada revelación (wahy) como lla ordenou Deus[6] e así, o proceso final de recollida e codificación do Corán guiouse polo principio principal de non distorsionar as palabras de Deus coa intervención humana, e xa que logo, non houbo tentantiva ningunha para editar as revelacións nin para as organizar en unidades temáticas nin para as presentar en orde cronolóxica[7].

 
Primeiras liñas da sura al-Alaq, segundo a tradición islámica contén os primeiros textos revelados.

Primeiros intentosEditar

Varios escritores medievais musulmáns intentaron compilar unha lista ordenada cronoloxicamente das suras, con diferentes resultados e houbo listas contraditorias ata o século XVI [8]. A máis antiga data do primeiro cuarto do século VIII, e entre as máis coñecidas están a de Ibn Nadim no século X[9], a que se incluíu na obra al-Kafi e atribuída a Jafar al-Sadiq utilizouse para orde cronolóxica da edición estándar do Corán en Exipto (1924) e Abu Salih realizou outra lista que se preserva no libro Kitab Mabani.

Algúns versículos están asociados con acontecementos particulares que axudan a datalos. A sura 96 contén os primeiros versículos revelados do Corán, no ano 609 e os versículos 16:41 e 47:13 refírense á héxira que se data en 622. Os versículos 8:1–7 e 3:120–175 relatan as batallas de Badr (624) e Uhud (625) respectivamente. A peregrinación de adeus de Mahoma menciónase en 5:3, o que aconteceu en 632, poucos meses antes da súa morte. Pero este método é de utilidade limitada xa que o Corán conta a vida do Profeta ou a primeira historia da comunidade agarena só ocasionalmente e con pouco detalle[9].

Traballos modernosEditar

A cronoloxía de Theodor Nöldeke asume que o estilo do Corán cambia nunha dirección sen reversións[10]. Nöldeke estudou o estilo e contido das suras e considerou que as suras máis tardías, as medinenese, eran máis curtas que as máis temperás, as mecanas e que estas tiñan un estilo de rima distinto, máis poético, mentres as medinenses eran máis prosaicas. Segundo Nöldeke, as suras máis antigas teñen algunhas feituras en común: moitas delas abren con xuramentos nos que Deus xura por fenómenos cósmicos, teñen en común temas, como escatoloxía, creación, piedade, autenticación da misión de Mahoma e rebatemento dos cargos contra el, e algunhas suras mecanas teñen unha clara estrutura 'tripartita', como por exemmplo as suras 45, 37, 26, 15 ou 21. As suras tripartitas abren cun curto aviso ao que segue por un ou máis relatos sobre infieis para se dirixir, finalmente, aos contemporáneos de Mahoma e convidalos a se unir ao islam. Os versículos medinenses son máis longos con máis interese en ofrecer lexislación e guía para a comunidade musulmá[9].

Richard Bell tomou a cronoloxía de Nöldeke como punto de partida para a súa investigación aínda que non cría que o criterio de estilo tivese importancia. Observou unha mudanza progresiva na misión de Mahoma, dende un predicador do monoteísmo ata se converter nun líder independente dunha relixión principal e para Bell esta transformación era decisiva e así considerou que se revelaran máis tarde as pasaxes que mencionan islam e musulmáns ou implican que os seguidores de Mahoma constitúen unha comunidade distinta. Bell clasificou o Corán en tres períodos principais: o período antigo, o período coránico e o período do libro[9] e traballou na cronoloxía dos versículos no canto de facelo das suras, subxacía neste método a consideración de ser a unidade normal de revelación a pasaxe curta, que se editaran e reorganizaran amplamente[11].

Mehdi Bazargan dividiu o Corán en 194 pasaxes independentes preservando algunhas suras intactas como bloques mentres dividía outras en dous ou máis bloques e procedeu a reorganizar eses bloques ordenándoos aproximdamente segundo a lonxitude media do verso ao asumir que a lonxitude do verso tendía a aumentar co tempo[10]

 
Al-Fatiha, primeira sura do Corán

Nome das surasEditar

Os versículos e capítulos non tiñan en orixe un nome asociado. Mahoma, segundo algúns relatos recollidos en hadith, referíase os capítulos máis curtos polo seu primeiro versículo, e Abu Hurairah cita que Mahoma dixo "Al-ḥamdu l-illāhi rabbi l-ʿālamīn[12] é a nai do Corán, a nai do Libro, e os sete versículos repetidos do Glorioso Corán"[13]. Tamén atopamos informacións que amosan que Mahoma adoitaba referirse a elas polo seu nome, así Abdullah bin Buraydah conta que seu pai afirmaba: "Estaba eu sentado co Profeta e sentino dicir: aprende a sura Al-Baqarah[14], porque na súa aprendizaxe hai beizón, e no seu descoñecemento tristura, e as feiticeiras non son quen de lembralo"[15].

A tradición árabe, semellante a outras culturas tribais dese tempo, dálle nome as cousas segundo as súas características únicas, e así é como foi para as suras tamén, a maioría deses nomes atópanse en hadith. Algúns recibiron o seu nome polo seu tema central, como al-Fatiha (a apertura) ou Yusuf (Xosé), outros pola primeira palabra do comezo do capítulo, tales como qaf, ya-sin, e ar-Rahman. Algunhas suras recibiron o nome por unha palabra única presente no seu corpo: al-Baqarah (a vaca), un-Nur (a luz), al-Nahl (a abella), az-Zukhruf (os adobíos de ouro), al-Hadid (o ferro), e al-Ma'un (a pequena bondade).

Un total de 6 suras reciben o nome por un dos 25 profetas que se mencionan no Corán: Hud, Ibrahim, Yunus, Yusuf, Mahoma e Nuh[16]. Malia non recibir o nome de ningunha surata, o profeta que máis veces se menciona éMusa, cun total de 136 veces[16]. Outras seis suratas teñen nomes referentes a animais: al-Baqarah, al-An'am (o gando), an-Naml (as formigas), al-Fil (o elefante), an-Nahl (as abellas) e al-Ankabut (a araña)[16].

A maioría dos capítulos non variaron de nome, pero algúns coñécense por varios: al-Masadd (a fibra de palma) tamén se coñece como al-Lahab (a lapa). A sura Fussilat (explicado en detalle) tamén se denomina Ha-Mim Sajdah, ao comezar con Ha Mim[17].

NotasEditar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sura.
  2. John L. Esposito (2003). sūra. The Oxford Dictionary of Islam. 
  3. Azzedine Guellouz (1996). Le Coran: Un exposé pour comprendre, un essai pour réfléchir. Flammarion. p. 37. 
  4. Cenap Çakmak (2017). Islam: A Worldwide Encyclopedia 1. ABC-CLIO. p. 1286. 
  5. Paret, Rudi (1971). Der Koran: Kommentar und Konkordanz. Kohlhammer. p. 358. 
  6. "The order of Soorahs and Aayahs in the Qur’aan". islamqa.info. 
  7. de Bary, William Theodore; Bloom, Irene (1990). Eastern Canons: Approaches to the Asian Classics. Columbia University Press. 
  8. G.S. Reynolds, "Le problème de la chronologie du Coran", Arabica, nº 58,‎ 2011, p. 477-502
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Robinson, Neal (2003). Discovering the Qurʼan: A Contemporary Approach to a Veiled Text. Georgetown Univ. Press. pp. 25–97. ISBN 1589010248. 
  10. 10,0 10,1 Sadeghi, Behnam (2011). "The Chronology of the Qurʾān: A Stylometric Research Program". Arabica 58: 210–299. doi:10.1163/157005810x529692. 
  11. Montgomery Watt, William (1957). "The Dating of the Qur'ān: A Review of Richard Bell's Theories". The Journal of the Royal Asiatic Society of Great Britain and Ireland 1–2: 46–56. 
  12. Empezo do segundo versículo da primeira sura do Corán: "loado sexa Alá, Señor do Universo"
  13. Tirmidhi (2008). The True Collection Sunan Al-Tirmithi 4. Dar Al Kotob Al Ilmiyah. p. 145. 
  14. A segunda sura do Corán e a máis longa
  15. Muhammad Saed Abdul-Rahman (2011). Tafsir Ibn Kathir 3. MSA Publication. p. 6. 
  16. 16,0 16,1 16,2 "Šta znamo o Kur'anu". www.dzemat.ch. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2018. Consultado o 23. 3. 2018. 
  17. Syed Abul ʻAla Maudoodi (1990). The Meaning of the Qurān XII. Islamic Publications.