Supayalat

política birmana

Supayalat (en birmano: စုဖုရားလတ်), nada en Mandalay o 13 de decembro de 1859 e finada en Yangon o 24 de novembro de 1925, foi a derradeira raíña de Birmania, que reinou en Mandalay, filla do rei Mindon Min e da raíña Hsinbyumashin e que casou co seu medio irmán, Thibaw, que se converteu en 1878 no derradeiro rei da dinastía Konbaung á morte de Mindon Min.

Supayalat
Queen Supayalat of Burma.jpg
Nacemento13 de decembro de 1859
 Mandalay
Falecemento24 de novembro de 1925
 Yangon
NacionalidadeMyanmar
RelixiónTheravada
Ocupaciónpolítica
PaiMindon Min
NaiHsinbyumashin
CónxuxeThibaw Min
FillosMyat Phaya Lat e Myat Phaya
IrmánsThibaw Min
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

 
A raíña Supayalat coa raíña Supayagyi e o rei Thibaw

A princesa Hteik Supayalat tiña o título oficial de Sīri Suriya Prabha Ratanā Devī (သီရိသူရိယပြဘရတနာဒေဝိ) e foi a segunda das tres fillas do rei Mindon e a raíña Hsinbyumashin, filla do rei Bagydaw, tío de Mindon e destronado en 1837, e Nanmadaw Me Nu e a terceira das catro raíñas principais de Mindon. Mais ao non ter ningunha outras tres raíñas de primeiro rango fillos, Hsinbyumashin tornou a máis poderosa logo da morte da raíña principal Setkya Devi. Thibaw, por outra banda, era o fillo dunha raíña de rango inferior, Laungshe Mibaya, aínda así aprendeu as escrituras budistas e tamén se encargou da súa educación o reverendo Marks, da misión anglicana e acabou por se converter nun dos fillos favoritos de Mindon.

 
O rei Thibaw e a raíña Supayalat no Trono do León (Palin) no palacio de Mandalay

En 1878, Thibaw sucedeu ao seu pai nun episodio sanguento. Hsinbyumashin, aumentara o seu poder nos últimos días de Mindon e so o pretexto de ter a todos os posibles pretendentes ao trono preto mandou detelos para garantir que Thibaw, e con el unha das súas fillas, asumise o trono. Tras o xuramento ao rei do pobo, Supayalat mudouse para a zona reservada para o rei, algo extraordinario no palacio, cos seus ríxidos protocolos e tradicións, sen Supayalat ser raíña. Hsinbyumashin e os ministros do rei intentaron reverter a situación, e que segundo a tradición o rei tomase de inmediato oito esposas, mais a influencia de Supayalat sobre o rei ía en aumento. Non obstante, consentiu en que casase coa súa irmá máis vella, Hteik Supayagyi, princesa de Mong Nawng nunha cerimonia conxunta coa propia Supayalat, por ser Supayagyi a irmá máis vella levou o título de raíña de maior rango (raíña do palacio sur) pero non consumou o matrimonio co rei, mentres Supayalat seguía a vivir nos apartamentos do soberano[1], impoñendo por primeira vez a monogamia a un rei birmano, aínda que Thibaw tamén casou máis tarde coa súa irmá máis nova, Hteik Supayalay, princesa de Yamethin. Supayalat tiña só 19 e Thibaw 20 ao subiren ao trono do león (Thihathana palin).

ExilioEditar

 
O palacio de Ratnagiri onde viviu exiliada a raíña Supayalat e o resto da familia real

A influencia de Supayalat tamén foi clave na política antibritánica da corte británica [2]. Tras sete anos de reinado e despois da derrota de Thibaw na terceira guerra anglo-birmana os británicos forzárono a abdicar en 1885 e o 25 de novembro dese ano deixaron o palacio de Mandalay. Supayalat estaba embarazada e, acompañada polo seu marido, as súas dúas fillas, as dúas irmás e súa nai, deixou o palacio en carroza mentres o resto dos acompañantes ían a pé. Finalmente, chegou a Madrás coa maioría da familia real, e alí viu a luz súa filla. En abril de 1886 a familia real estableceuse en Ratnagiri na costa oeste india. Supayalat deu a luz unha nova nena en 1887. En 1911 as autoridades outorgáronlles o denominado palacio Thibaw. En 1914 nunha cerimonia de perforación de orellas (နားသွင်းမင်္ဂလားသွင်းမင်္ဂလာ nahtwin mingala) das princesas permitiuse a presenza de artistas e personalidades birmanas.

 
As catro fillas de Supayalat: Myat Phaya Galay, Myat Phaya Gyi, Myat Phaya Lat, Myat Phaya

Volta a BirmaniaEditar

Ao morrer Thibaw en 1916 con 58 anos e despois de 30 anos no exilio, Supayalat loitou sen éxito polo dereito a soterralo en Birmania seguindo os ritos funerarios tradicionais da familia real; pero o non recibir o plácet soterrouno en terreos do palacio e en 1919 negouse a entregalo ás autoridades que tomaron o corpo pola forza para soterralo, coa súa irmá en terreos do palacio negouse a entregalo ás que finalmente entrou á forza no palacio para soterralo, con Supayagyi xa morta en 1912, en Ratnagiri. A raíña non asistiu ao funeral, aínda que enviou dúas das princesas á cerimonia.

 
Mausoleo de Supayalat en Yangon

Supayalat volveu a Bimania en 1919 pero non recibiu autorización para establecerse en Mandalay e aveciñouse en Yangon, alí viviu pobremente sen poder deixar a casa onde vivía que a policía vixiaba mais mantendo as súas posturas antibritánicas[3]; nos seus últimos días o seu conselleiro máis próximo foi o escritor e líder nacionalista Thakin Kodaw Hmaing, que asistira con nove anos á caída da monarquía e a marcha da familia real de Mandalay. Morreu seis anos despois, en 1925, pouco antes do seu 66 aniversario. Malia o goberno colonial declarar o día do seu funeral festa nacional, rexeitou a solicitude da familia real de soterrala en Mandalay. Así e todo, o seu funeral realizouse con toda a pompa e a cerimonia que lle correspondía a unha raíña birmana, organizado polos saophas (soberanos) de Yaunghwe e Hsipaw, co seu corpo deitado, protexido so oito paraugas reais brancos e custodiado por 90 monxes budistas mais o gobernador británico Harcourt Butler e cunha garda de honra da policía montada completada co saúdo de 30 disparos.

Supayalat está soterrada no Mausoleo do Xardín de Kandawmin preto do pagode Shwedagon entre as tumbas da nai de Aung San Suu Kyi, Khin Kyi e o exsecretario xeral da ONU U Thant.

NotasEditar

  1. Shah, Sudha (2012). The King In Exile: The Fall of The Royal Family of Burma. Harper Collins India. 
  2. Seekins, Donald M. (2006). Historical Dictionary of Burma (Myanmar). Scarecrow Press. pp. 297-298. 
  3. Khin Maung Soe (febreiro de 2007). "The Tragic Queen". The Irrawady.