U Thant

Thant (en birmano, သန့်), nado en Pantanaw (Birmania) o 22 de xaneiro de 1909 e finado en Nova York o 25 de novembro de 1974, máis coñecido como U Thant, foi un diplomático birmano que desde 1961 ata 1971 exerceu como secretario xeral da Organización das Nacións Unidas. Foi a primeira persoa dun país asiático que ocupou o cargo, así como o primeiro dun país en vías de desenvolvemento.[1]

U Thant
U Thant (1963).jpg
Nacemento22 de xaneiro de 1909
Lugar de nacementoAyeyarwady
Falecemento25 de novembro de 1974
Lugar de falecementoNova York
Causacancro de pulmón
NacionalidadeMyanmar
RelixiónBudismo
Alma máterUniversity of Yangon
Ocupaciónpolítico, diplomático e escritor
PaiPo Hnit
NaiNan Thaung
CónxuxeDaw Thein Tin
PremiosPrêmio Jawaharlal Nehru para Compreensão Internacional, United Nations Prize in the Field of Human Rights, Gandhi Peace Award, Medalla da Paz das Nacións Unidas e honorary doctorate at the Laval University
Na rede
IMDB: nm0857052 Discogs: 5052604 WikiTree: No_Last_Name-102 Find a Grave: 6165893 Editar o valor em Wikidata
U Thant Signature.svg
editar datos en Wikidata ]

Antes de dedicarse á diplomacia era profesor na súa vila natal, cunha licenciatura pola Universidade de Rangún. Trala independencia de Birmania en 1948 foi ascendendo posicións na política nacional, converténdose nun dos máis fieis conselleiros do primeiro ministro U Nu. A raíz do éxito organizativo da conferencia de Bandung, en 1957 foi nomeado embaixador de Birmania ante a Organización das Nacións Unidas.[2]

O falecemento de Dag Hammarskjöld nun accidente de aviación levou a que o 30 de novembro de 1961 fose nomeado secretario xeral da ONU por aclamación, sendo reelixido en 1963 e 1966. Ao longo do seu mandato, en que destacou polo seu talante negociador e moderado,[3] sucedéronse acontecementos como a crise dos mísiles de Cuba, a resolución da Guerra Civil do Congo, o estalido da Guerra dos Seis Días coa posterior ocupación de territorios por Israel e os numerosos procesos de descolonización en Asia e África. A comezos de 1971 renunciou a presentarse de noveo e foi substituído por Kurt Waldheim.[2][3]

Thant era unha das figuras políticas máis respectadas polo pobo birmano, mais o golpe de estado de 1962 e o derrocamento de U Nu fixeron que caese en desgraza para a xunta militar liderada por Ne Win. Tras falecer en 1974 por un cancro de pulmón, os seus restos mortais foron soterrados en Rangún baixo disturbios entre os estudantes e a policía, pois o goberno militar negárase a renderlle honras de estado.

TraxectoriaEditar

Primeiros anosEditar

 
U Thant durante a súa etapa na Universidade de Rangún (1927)

U Thant naceu en Pantanaw, unha vila ao suroeste da Birmania británica, o máis vello de catro irmáns nunha familia terratenente de etnia bamar. O seu pai Po Hnit era un mercador de arroz que fora educado en Calcuta e era a única persoa do lugar que sabía falar inglés, así que inculcou aos seus fillos a paixón polos estudos.

A morte do seu pai cando tiña catorce anos complicou a economía familiar, e ao ser o primoxénito tivo que compaxinar os estudos con traballos a tempo parcial.[4] Tras cumprir a maioría de idade estudou un grao de maxisterio en historia na Universidade de Rangún, onde coincidiu co líder estudantil Thakin Nu, anos despois considerado un dos baluartes da independencia birmana.[5]

Despois de licenciarse coa máxima cualificación de su promoción,[3] estivo a traballar como mestre no instituto da súa cidade e máis tarde foi ascendido a director. En 1942, en plena segunda guerra mundial, Birmania foi ocupada polo imperio xaponés e o novo goberno ordenou a Thant que se trasladase a Rangún para encabezar o Comité de Reorganización Educativa.[3][4] Non obstante, aos poucos meses regresou ao seu antigo posto en Pantanaw. Ademais, dedicábase a traducir libros ao birmano e a escribir artigos de opinión baixo pseudónimo.[3]

Traxectoria políticaEditar

Birmania independizárase do Reino Unido en 1948, e Thant foi recrutado como director de comunicación do novo goberno polo seu antigo compañeiro Thakin Nu, un dos líderes do bloque nacionalista e asumira como primeiro ministro un ano antes.[6]

Unha das súas primeiras misións foi negociar cos líderes do pobo karen para evitar un conflito étnico, algo que non logrou a pesar dos seus esforzos. Os insurxentes chegaron mesmo a asediar a súa vila natal e queimar as terras familiares, aínda que posteriormente foron reprimidos polo exército.[6] Considérase que esta experiencia tivo moita influencia no seu futuro labor como diplomático.[7][6] Nun clima de tensión política, caracterizouse por defender posicións moderadas entre os nacionalistas birmanos e os lealistas británicos.[7][6]

Co paso do tempo ocupou cargos máis importantes como a dirección de radiodifusión e o secretariado do Ministerio de Información.[3] Entre 1954 e 1957 foi secretario persoal do primeiro ministro U Nu, para quen escribía os discursos e organizaba as viaxes ao exterior. Isto converteuno nun dos seus máis estreitos colaboradores.[8]

Ao mesmo tempo, Thant acabou por converterse nunha das facianas máis relevantes da diplomacia birmana. En 1955 exerceu como secretario da conferencia de Bandung, considerada unha carta de presentación dos países africanos e asiáticos acabados de independizarse, e cuxos principios acordados deron orixe ao Movemento de Países Non Aliñados.[2]

O goberno birmano nomeou en 1957 a Thant como representante permanente de Birmania na Organización das Nacións Unidas.[3] Nun contexto marcado pola descolonización de Asia e África, tivo un importante papel como mediador nas negociacións sobre o Congo Belga (1960) e Alxeria (1961).[3]

Secretario xeral das Nacións UnidasEditar

U Thant ocupou o cargo de secretario xeral das Nacións Unidas desde o 30 de novembro de 1961 ata o 31 de decembro de 1971, o primeiro cidadáns asiático neste posto.[3] Nesa década a Asemblea Xeral da ONU pasou de 104 a 132 membros e todo o seu mandato estivo marcado polas tensións xeopolíticas da guerra fría e da descolonización.[2][9]

Primeiro mandato (1961-1966)Editar

 
Xuramento de U Thant como secretario xeral da ONU (1961)

O embaixador birmano foi elixido para o cargo despois de que Dag Hammarskjöld falecese nun accidente de aviación. Ao non acadarse un acordo entre os Estados Unidos e a Unión Soviética, a maioría dos países defenderon que o novo secretario xeral non debía ser europeo nin americano.[4][2] As reticencias dalgúns estados levaron a que Thant só fose designado para ocupar a vacante de Hammarskjöld ata 1963, en virtude da Resolución 168 do Consello de Seguridade.[2] Posteriormente foi ratificado por unanimidade ata 1966.[9]

Thant tivo que afrontar no seu primeiro ano a crise dos mísiles de Cuba que estivo a piques de desencadear un enfrontamento nuclear en 1962. O conflito iniciouse o 16 de outubro despois de que o goberno dos Estados Unidos decretase un «bloqueo naval» e o despregamento de frotas sobre Cuba ao descubrir a instalación na illa de mísiles tácticos da Unión Soviética.[10]

Tendo en conta o risco de que a situación se agravase, o secretario xeral mediou entre os líderes John F. Kennedy e Nikita Khrushchev, solicitando unha suspensión temporal do envío de armas ata que ambas as partes se reunisen.[11] Finalmente, tanto os Estados Unidos como a Unión Soviética chegaron a un acordo que deixaba fóra Cuba e do que a ONU só foi informada a posteriori.[10][12] Aínda así considérase que Thant axudou a evitar o estoupido dunha guerra mundial entre as dúas maiores potencias da época.[13]

O outro gran conflito foi a Guerra Civil do Congo. En 1962 os secesionistas de Katanga de Moise Tshombe atacaron un destacamento militar da UNOC, que fora despregado despois do asasinato do líder Patrice Lumumba. Ao non ter garantida a liberdade de movemento sobre o terreo, Thant autorizou unha operación militar da UNOC, coñecida como «Operación Grandslam», que logrou minar as forzas rebeldes e supuxo a reintegración de Katanga na República do Congo.[14] Aquela foi a primeira vez que a ONU empregou a forza para levar á práctica as decisións do Consello de Seguridade.[14]

En decembro de 1963 producíronse graves enfrontamentos en Chipre entre as comunidades turcochipriota e grecochipriota, que levaron ao Consello de Seguridade a despregar unha Forza para o Mantemento da Paz (UNFICYP). Nun primeiro momento tiña previsto un mandato limitado de tres meses, mais Turquía rexeitou as conclusións do mediador designado por Thant, o ecuatoriano Galo Plaza Lasso, e a UNFICYP acabou por converterse nunha misión permanente.[15] O conflito chipriota aínda continúa pendente de resolución.[16]

Segundo mandato (1966-1971)Editar

 
U Thant en 1967, durante unha reunión na Casa Branca

A raíz do seu labor, o Consello de Seguridade reelixiuno por unanimidade para un segundo período que expiraría o 31 de decembro de 1971. Nun primeiro momento sóubose que Thant non quería continuar, mais a falta dun sucesor de consenso levouno a cambiar decisión.[17][18] Nese período consolidáronse numerosos axencias, fundacións e plans de desenvolvemento como o Instituto da ONU para Formación Profesional e Investigacións (1963), a Conferencia sobre Comercio e Desenvolvemento (1964), o Programa da ONU para o Desenvolvemento (1969), o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (1971) e a Universidade das Nacións Unidas (1973).[3]

O mandato estivo marcado pola Guerra dos Seis Días que enfrontou a Israel cunha coalición de países árabes en maio de 1967. Días antes do estoupido, as Forzas de Emerxencia (UNEF) da península do Sinaí foran expulsadas a petición do líder exipcio Gamal Abdel Nasser, nun contexto de crecente tensión en Oriente Medio.[19] Despois de que ningunha parte cedese, e de que Thant fixese unha viaxe infrutuosa ao Cairo para negociar o cesamento das hostilidades, Israel fixo un ataque preventivo que concluíu cunha derrota árabe e a ocupación de varios territorios.[19] A ONU adoptou a Resolución 242 do Consello de Seguridade en que reclamaba a retirada israelí, mais o seu papel quedou en entredito porque Thant aceptara a orde de evacuación da UNEF.[20][21]

A recrudescencia da guerra de Vietnam provocou que Thant criticase abertamente o labor do presidente Lyndon B. Johnson despois de que este rexeitase unha mediación da ONU entre Washington e Hanoi e pedise o cesamento de bombardeos «sen condicións» sobre Vietnam do Norte. Este feito, unido ao seu papel no conflito árabe-israelí, enturbiou as boas relacións que mantiña co goberno estadounidense.[2]

Outros conflitos en que o Consello de Seguridade tivo que intervir foron a recrudescencia do problema chipriota (1967), a invasión de Checoslovaquia polo Pacto de Varsovia (1968) e a Guerra de Liberación de Bangladesh (1971). Neste último denunciou a inacción do Consello de Seguridade, mais non invocou o artigo 99.[22] Dous meses antes de que expirase o seu mandato, a Asemblea Xeral aprobou a Resolución 2758 pola que a República Popular da China substituía á República da China como «o único representante lexítimo da China perante as Nacións Unidas».[23]

RetiradaEditar

A comezos de 1971, no seu último ano de mandato como secretario xeral, Thant rexeitou presentarse a unha terceira reelección.[2] Despois dunhas longas negociacións, o Consello de Seguridade elixiu como sucesor o político austríaco Kurt Waldheim.[24]

O diplomático birmano mantivo a súa residencia no barrio neoiorquino de Riverdale. Ás poucas semanas de deixar o cargo diagnosticáronlle un cancro de pulmón, polo que quedou nos Estados Unidos para recibir tratamento.[17] A pesar de que a súa esposa nunca se adaptou ben á vida norteamericana,[17] Thant rexeitou regresar a unha Birmania que desde 1962 se convertera nunha ditadura militar liderada por Ne Win, despois de derrocar o primeiro ministro U Nu.[25] A pesar de que Thant era a figura birmana máis recoñecida de época no estranxeiro, non gozaba da simpatía do réxime militar pola súa proximidade a U Nu.[26]

Durante os seu tres últimos anos de vida dedicouse a escribir as súas memorias, a impartir conferencias sobre política exterior, e a recibir tratamento contra a súa doenza.[2]

FalecementoEditar

 
Mausoleo de U Thant no cemiterio de Kandawmin, Yangon

U Thant faleceu o 24 de novembro de 1974 no Hospital Presbiteriano de Nova York aos 65 anos, vítima do cancro que padecía.[2] Entre as numerosas condolencias da comunidade internacional, o presidente estadounidense Gerald Ford lamentou a perda dun «home de paz» e «que sempre foi leal non a un bloque, senón á humanidade».[2]

Cumprindo co seu testamento, os restos mortais de U Thant foron repatriados a Birmania e enterrados en Rangún. Porén, a xunta militar negoulle calquera funeral de estado e ningún membro do goberno recibiu a comitiva no aeroporto de Mingaladon.[27] Aínda que a xunta previra unha cerimonia discreta o 5 de decembro, os estudantes asistentes levárones o cadaleito e emprazáron nun mausoleo que construíran sobre os restos do Sindicato de Estudantes, que fora demolido pola xunta seis meses antes.[27]

Durante seis días sucedéronse manifestacións preto da universidade ata que o 11 de decembro varios membros do exército birmano asediaron a área, exhumaron o cadaleito e déronlle sepultura nun mausoleo do cemiterio de Kandawmin, preto do templo de Shwedagon, onde aínda permanece.[27] Esta nove provocou unha serie de mobilizacións e distubrios contra a xunta, que acabou decretando a lei marcial en Rangún para sufocalas.[27]

Vida persoalEditar

O nome «U» á un título honorífico bamar, similar ao Sir británico, que adoita empregarse para grandes autoridades.[28] En 1961 foi condecorado Xeneral (Maha Thray Sithu) da Orde da Unión de Birmania.

Estivo casado con Daw Thein Tin e tivo catro fillos, dos cales lle sobreviviron dous, a súa filla e un fillo adoptado. O seu neto Thant Myint-U foi historiador e oficial de alto rango no Departamento de Asuntos Políticos da ONU.[26] Thant profesaba o budismo e era considerado unha persoa de firmes conviccións relixiosas que trataba de aplicarse en todas as facetas da súa vida.[2][29][7]

LegadoEditar

Ao longo do seu mandato, U Thant foi definido como unha persoa humilde, pacifista e de fortes conviccións morais influídas polo budismo. Respecto ao uso da violencia, alegou respecto á guerra de Vietnam que «os métodos militares non traerán nunca unha solución pacífica», e nese sentido tamén foi moi crítico coa ocupación estadounidense da República Dominicana e coa invasión de Checoslovaquia de 1968.[30] Parte do seu traballo estivo condicionadao pola guerra fría e as disputas entre bloques no Consello de Seguridade da ONU.

Non obstante, na crise do Congo si defendeu o emprego da forza por parte da UNOC, pois os rebeldes de Katanga animaran a que a poboación civil atacase todo o persoal relacionado coa ONU. Nese sentido aplicouse un principio de proporcionalidade, xa que Katanga atacara en primeiro lugar. Aquela foi a primeira vez que a ONU utilizou a forza para poñer en marcha as decisións do Consello de Seguridade.[14]

En 1978 publicouse postumamente o seu libro de memorias, View from the UN («Visión desde a ONU»), en que recolle todos os anos de experiencia como secretario xeral. Na súa honra, a illa Belmont de Nova York, un diminuto illote artificial situado fronte á sede da Organización das Nacións Unidas, pasou a denominarse «illa U Thant» de forma extraoficial.[31]


Predecesor:
Dag Hammarskjöld
  
Secretario Xeral das Nacións Unidas
 
1961-1971
Sucesor:
Kurt Waldheim


NotasEditar

  1. (Kille 2007, pp. 143)
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 Whitman, Alden (26 de novembro de 1974). "U Thant Is Dead of Cancer at 65". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2 de novembro de 2019. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 3,9 "U Thant". Organización de las Naciones Unidas (en castelán). 4 de agosto de 2016. Consultado o 1 de novembro de 2019. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "Character Sketches: U Thant by Brian Urquhart". UN News (en inglés). 13 de febreiro de 2019. Consultado o 1 de novembro de 2019. 
  5. (Kille 2007, pp. 144)
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 (Kille 2007, pp. 145)
  7. 7,0 7,1 7,2 "U Thant biography". Biography Online (en inglés). Consultado o 2 de novembro de 2019. 
  8. "The Meditation Of U Thant". The New York Times (en inglés). 13 de decembro de 1964. ISSN 0362-4331. Consultado o 1 de novembro de 2019. 
  9. 9,0 9,1 "Crecimiento de Número de Estados Miembros de las Naciones Unidas, desde 1945 al presente". Organización de las Naciones Unidas (en castelán). 6 de agosto de 2015. Consultado o 1 de novembro de 2019. 
  10. 10,0 10,1 Vicent, Mauricio (19 de outubro de 2012). "Cuando el mundo dejó de girar". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 1 de novembro de 2019. 
  11. Brenner, Philip (1990/03). "Cuba and the Missile Crisis". Journal of Latin American Studies (en inglés) 22 (1-2): 115–142. ISSN 1469-767X. doi:10.1017/S0022216X00015133. Consultado o 2 de novembro de 2019. 
  12. "El ninguneo ruso a Cuba en la crisis de los misiles pospuso 55 años el deshielo". www.efe.com (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2019. 
  13. Zan, Myint (27 de xaneiro de 2000). "In defense of U Thant". The Japan Times (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2019. 
  14. 14,0 14,1 14,2 Traub, James (3 de xullo de 2005). "The Congo Case". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2 de novembro de 2019. 
  15. "Man in the News; Mediator for Cyprus; Galo Plaza Lasso". The New York Times (en inglés). 18 de setembro de 1964. ISSN 0362-4331. Consultado o 2 de novembro de 2019. 
  16. Smith, Colin (5 de xullo de 2014). "Cyprus divided: 40 years on, a family recalls how the island was torn apart". The Observer (en inglés). ISSN 0029-7712. Consultado o 2 de novembro de 2019. 
  17. 17,0 17,1 17,2 (Kille 2007, pp. 171)
  18. "World: The Re-Election of U Thant". Time (en inglés). 9 de decembro de 1966. ISSN 0040-781X. Consultado o 1 de novembro de 2019. 
  19. 19,0 19,1 "La guerra de los Seis Días, el conflicto que aplastó el nacionalismo árabe egipcio y marcó el orden mundial". RTVE.es (en castelán). 5 de xuño de 2017. Consultado o 1 de novembro de 2019. 
  20. Finkelstein, Norman G. (2003). Imagen y realidad del conflicto palestino-israelí (en castelán). Akal. ISBN 978-84-460-2041-7. 
  21. "La guerra de los Seis Días". El País Uruguay (en castelán). Consultado o 1 de novembro de 2019. 
  22. (Kille 2007, pp. 169)
  23. "Session 26 Resolution 2758: Restoration of the lawful rights of the People's Republic of China in the United Nations". Organización das Nacións Unidas (en inglés). Consultado o 4 de novembro de 2019. 
  24. "Kurt Waldheim, Austria y el holocausto". El País (en castelán). 15 de xuño de 2007. ISSN 1134-6582. Consultado o 4 de novembro de 2019. 
  25. Smith, Martin (6 de decembro de 2002). "Obituary: General Ne Win". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 4 de novembro de 2019. 
  26. 26,0 26,1 "Saving Burma the right way". Los Angeles Times (en inglés). 14 de outubro de 2007. Consultado o 4 de novembro de 2019. 
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 "Forty years on, fresh images emerge of U Thant’s funeral". The Myanmar Times (en inglés). 15 de decembo de 2014. Consultado o 4 de novembro de 2019. 
  28. Pun, Sharon. "The meaning behind Myanmar names". Frontier Myanmar (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2019. 
  29. "70 años de la ONU, ¿sigue teniendo sentido?". La Vanguardia (en castelán). 24 de outubro de 2015. Consultado o 2 de novembro de 2019. 
  30. (Kille 2007, pp. 166)
  31. "U Thant Island: Manhattan's smallest island that's off limits to the public". 6sqft (en inglés). Consultado o 4 de novembro de 2019. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Kille, Kent (2007). The UN Secretary-General and Moral Authority: Ethics and Religion in International Leadership. Washington, DC: Georgetown University Press. 

Ligazóns externasEditar