A sopa negra ou caldo negro (en grego antigo: μέλας ζωμός, mélās dsōmós) era un prato tradicional espartano elaborado con sangue, viño e vísceras; considerábase símbolo da frugalidade dos costumes espartanos e era o alimento fundamental consumido na sissitía, comida colectiva dos espartanos.

Era un guiso de porco, escurecido pola adición de sangue[1] e viño. Aínda que non se conservou ningunha receita deste prato, crese que tamén incluía vinagre, para actuar como emulsionante evitando que o sangue do porco callase durante a cocción.

Segundo a lenda, un home de Síbaris, cidade do sur de Italia famosa polo seu luxo e gula, dixo despois de probar a sopa negra que entendía por que os espartanos estaban tan dispostos a morrer.

Historia editar

Plutarco, na Vida de Licurgo, di que un rei da rexión do Ponto, despois de ter oído falar deste famoso caldo e sentindo curiosidade, trouxo un cociñeiro espartano para que o preparase. Cando o probou, pareceulle pésimo, e o cociñeiro díxolle entón que para gozalo ao máximo había que se bañar primeiro no Eurotas –o río do Peloponeso que pasa por Esparta–, o que significaba que había que apreciar os costumes e as tradicións espartanos, adaptándose a un estilo de vida sinxelo e esencial[2].

O propio Plutarco di que os anciáns espartanos non comían carne, que se deixaba aos mozos, preferindo alimentarse case exclusivamente de sopa negra.

Ateneo exemplifica o declive de Esparta sinalando que os cociñeiros, afeitos a facer salsas refinadas, xa non eran quen de prepararen sopa negra[3].

Notas editar

  1. Suídas, s.v. ζωμὸς μέλας. ἡ λεγομένη αἱματιὰ.
  2. Plutarco, Vida de Licurgo 12.
  3. Ateneo de Naucratis, Deipnosofistas iv.136e, 141b, 143a; xii.517a.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Clauss, Manfred (1983). Sparta. Eine Einführung in seine Geschichte und Zivilisation. Múnic: C.H. Beck. p. 166. ISBN 3-406-09476-7. 

Outros artigos editar

  • Czernina, sopa polaca feita con sangue de pato.