Societatea Română de Radiodifuziune

Societatea Română de Radiodifuziune (en galego: «Sociedade Romanesa de Radiodifusión»), coñecida informalmente como Radio România, é a emisora de radio pública de Romanía. Opera en FM e AM, en canles de radio locais e nacionais en Internet. As estacións locais ofrécense mediante a filial Radio România Rexional. Radio România Internaţional é a estación de radio internacional da compañía, que transmite en dúas canles en romanés, inglés, francés, arromanés, castelán, alemán, italiano, serbio, ruso, ucraíno, chinés e árabe.[1]

Societatea Română de Radiodifuziune
LocalizaciónBucarest, Romanía Romanía
Área de radiodifusiónRomanía /
Internacional (A través de Radio România Internaţional)
Esloganen romanés: De 80 de ani vorbim serios!
Primeira emisión1 de outubro de 1928
ClaseRadio pública
PropietarioRomanía Estado de Romanía
Na rede
www.srr.ro
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

 
Radio Chișinău en 1940

As primeiras emisións de radio experimentais foron realizadas durante o verán de 1925, apenas uns meses despois da fundación dunha asociación en favor do desenvolvemento da radio (Asociația prietenii radiofoniei, é dicir, a Asociación de amigos da radiofonía) polo físico Dragomir Hurmuzescu.

A Sociedade de difusión radiotelefónica de Romanía (Societatea de difuziune radiotelefonică din România) foi creada por un decreto do consello de ministros publicado o 22 de decembro de 1927, pero non entrou en funcionamento até o mes de marzo de 1928. As emisións regulares, que comezaron o 1 de novembro dese ano, tiñan lugar durante unhas horas ó día e os seus contidos principalmente eran boletíns informativos e música. O 12 de xaneiro de 1929 lanzouse un programa dedicado aos rapaces (Ora copiilor); o 14 de abril, a estación retransmitiu en directo unha representación de Aida, unha ópera de Giuseppe Verdi.

O 4 de abril de 1936, a Sociedade de difusión radiotelefónica de Romanía toma o seu nome actual de Societatea Română de Radiodifuziune (Sociedade Romanesa de Radiodifusión). As primeiras emisoras rexionais fixeron a súa aparición a partir de 1939: a primeira delas foi Radio Besarabia (transmitindo desde Chișinău), seguida en 1941 de Radio Moldova (emitindo desde Iași).[2]

No mes de setembro de 1940, a chegada ao poder do xeneral Ion Antonescu mediante un Golpe de Estado foi o preludio do comezo dunha ditadura. A radio converteuse nun instrumento de propaganda ao servizo do conducător (en galego: guía). O encarceramento de Antonescu o 23 de agosto de 1944 , motivado polo golpe de Estado orquestrado polo rei Miguel I levou ao país a entrar na segunda guerra mundial do lado dos Aliados. En represalia, os alemáns bombardearon as principais estruturas de Bucarest e deste modo a sede e o principal transmisor de radio nacional quedou fóra de servizo.

Algunhas semanas máis tarde, os soviéticos entraron en Bucarest instaurando un goberno provisional dominado polo Partido Comunista. O 30 de setembro de 1947 a monarquía foi abolida e proclamouse a república. O 11 de xuño de 1948, a Societatea Română de Radiodifuziune foi nacionalizada por decreto.[3]

Durante os anos 50, Romanía tivo un importante desenvolvemento da oferta radiofónica, xurdindo novas emisoras. En 1954, a radio nacional abre unha nova emisora, mentres que xorden emisoras rexionais como Radio Cluj, o 15 de marzo e Radio Craiova, o 6 de xuño. Estas son seguidas de Radio Timișoara, o 5 de maio de 1955 e Radio Târgu Mureș, o 2 de marzo de 1958 .

As primeiras emisións regulares da televisión romanesa (Televiziunea Română) comezaron en 1956. O ano seguinte, a televisión e radio nacionais fusionáronse para crear unha nova sociedade, a Radioteleviziunea Română (Radiotelevisión Romanesa). O 5 de maio de 1963 comezan as emisións da terceira estación de radio nacional, centrada esencialmente en contidos culturais e música clásica.

Entre 1970 e 1980, as tres emisoras de radio sumaban un total de 56 horas de emisións diarias, repartidas entre a primeira emisora (24h), a segunda (19h) e a tercerira (11h).[3]

En 1985, co pretexto da necesidade de aforrar en enerxía, Nicolae Ceaușescu promulgou un decreto polo que reducía de forma drástica as emisións de radio e televisión. A segunda emisora romanesa pechou, mentres que a primeira só podía emitir de 19h a 22h, salvo en casos excepcionais (festas nacionais e discursos do 12 de xaneiro). O 12 de xaneiro, as estacións de radio rexionais foron forzadas a cesar as súas emisións, mentres que a nivel nacional, só podía emitir a primeira cadea desde as 06:30 ata as 00:00h. Esta situación durou ata o comezo da Revolución romanesa en decembro de 1989.[3]

O 17 de xullo de 1994 , a Radioteleviziunea Română foi disolta para crear dúas novas sociedades: Televiziunea Română (TVR) e Societatea Română de Radiodifuziune (nome que xa portara a empresa entre 1936 e 1956).

As principais estacións de radio rexionais volveron a estar en servizo progresivamente durante os anos 90.

No ano 1993, Societatea Română de Radiodifuziune entrou a formar parte como membro activo da Unión Europea de Radiodifusión.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar