Imposto
Un imposto é unha clase de tributo (obrigas xeralmente pecuniarias en favor do acredor tributario: goberno central, autonómico ou local) rexido por dereito público, pagado por persoas ou organizacións.
Caracterízase por non requirir unha contraprestación directa ou determinada por parte da administración da facenda (acredor tributario).
Os impostos na maioría das lexislacións xorden exclusivamente pola "potestade tributaria do Estado", principalmente co obxecto de financiar os seus gastos. O seu principio reitor, denominado "capacidade contributiva", suxire que quen máis ten debe achegar en maior medida ao financiamento estatal, para consagrar o principio constitucional de equidade e o principio social de solidariedade.
Os impostos son cargas obrigatorias que as persoas e empresas teñen que pagar para financiar o estado.
Noutras palabras: sen os impostos o estado non podería funcionar, xa que non disporía de fondos para financiar a construción de infraestruturas (estradas, portos, aeroportos, eléctricas), prestar os servizos públicos de sanidade, educación, defensa, sistemas de protección social (desemprego, prestacións por invalidez ou accidentes laborais) etc.
En ocasións, na base do establecemento do imposto encóntranse outras causas, como disuadir a compra de determinado produto (por exemplo, tabaco) ou fomentar ou desalentar determinadas actividades económicas. Desta maneira, pódese definir a figura tributaria como unha exacción pecuniaria forzosa para os que están no feito impoñíbel. A regulamentación dos impostos denomínase sistema fiscal ou fiscalidade.
Finalidades dos impostos
editar- Fins fiscais. Son a aplicación dun imposto para satisfacer unha necesidade pública de maneira medianamente indirecta. É dicir, recádase e o producido na recadación (o diñeiro) aplícase en gastos para financiar diversos servizos públicos.
- Fins extra-fiscais. Son a aplicación dun imposto para satisfacer unha necesidade pública ou interese público de maneira directa. O clásico exemplo son os impostos aos cigarros e ás bebidas alcohólicas.
- Fins mixtos. A súa finalidade é a busca conxunta dos dous fins anteriores.
Causas e efectos dos impostos
editarOs gobernos recadan impostos para:
- Manter as operacións do propio goberno.
- Influír no rendemento macroeconómico da economía (a estratexia gobernamental para facer isto coñécese como a súa política fiscal).
- Para levar a cabo as funcións do goberno, tales como a defensa nacional, e prover servizos do goberno.
- Para redistribuír os recursos entre os individuos de diversas clases sociais dentro da poboación. Historicamente, a nobreza era mantida por impostos sobre os pobres. En sistemas de seguridade social modernos inténtanse utilizar os impostos en senso inverso, mantendo ás clases baixas co exceso das clases altas.
- Para modificar padróns de consumo ou emprego dentro da economía nacional, facendo certos tipos de transaccións máis ou menos atractivas.
A recadación dun imposto para o seu gasto nun fin específico, por exemplo a recadación dun imposto sobre o alcohol para sustentar directamente centros de rehabilitación do alcoholismo, é chamado hipotecación. A práctica é a miúdo criticada por ministros de finanzas, xa que reduce a súa liberdade de acción. Algúns economistas consideran que o concepto é intelectualmente deshonesto xa que na realidade o diñeiro é funxíbel.
Os economistas, en especial os neoclásicos, xeralmente sosteñen que todo imposto distorsiona o mercado, resultando en ineficiencia económica. En consecuencia, os economistas buscaron identificar un sistema de impostos que represente unha distorsión mínima no mercado. Unha teoría popular é que o imposto máis economicamente neutral é o imposto sobre a terra. O deber primario dun goberno é manter e defender o título sobre a terra, e polo tanto (segundo a teoría) debe recadar a maioría dos seus ganancias para este servizo particular. Xa que os gobernos tamén resolven disputas comerciais, especialmente en países con lei común, esta doutrina é a miúdo usada para xustificar un imposto ás ganancias ou imposto ao valor engadido. Outros sosteñen que a maioría das formas de impostos son inmorais debido á súa natureza involuntaria.
Elementos do imposto
editar- Feito impoñíbel. É a circunstancia cuxa realización, de acordo coa lei, orixina a obriga tributaria. Son feitos impoñíbeis comúns a obtención dunha renda, a venda de bens e a prestación de servizos, a propiedade de bens e a titularidade de dereitos económicos, a adquisición de bens e dereitos por herdanza ou doazón.
- Suxeito pasivo. É o que debe, é a persoa natural ou xurídica que está obrigada por lei ao cumprimento das prestacións tributarias. Distínguese entre contribuínte', ao que a lei impón a carga tributaria, e responsábel legal ou substituto do contribuínte, que está obrigado ao cumprimento material ou formal da obriga.
- Suxeito activo. É a entidade administrativa beneficiada directamente pola recadación do imposto, quen fai figurar no seu orzamento os ingresos polo respectivo tributo.
- Base impoñíbel. É a cuantificación e valoración do feito impoñíbel e determina a obriga tributaria. Trátase dunha cantidade de diñeiro, pero pode tamén tratarse doutros signos, como o número de persoas que conviven nunha vivenda, os litros de gasolina, os litros de alcohol ou o número de cigarros.
- Tipo de gravame. É a proporción que se aplica sobre a base impoñíbel con obxecto de calcular o gravame. Dita proporción pode ser fixa ou variábel.
- Cota tributaria. É a cantidade que representa o gravame, e pode ser unha cantidade fixa ou o resultado de multiplicar o tipo impositivo pola base impoñíbel.
- Débeda tributaria. É o resultado final logo de reducir a cota con posíbeis deducións e de incrementala con posíbeis recargas, que debe ser pagada ao suxeito activo segundo as normas e procedementos establecidos para tal efecto.
Taxas de impostos
editarOs impostos son xeralmente calculados en base a porcentaxes, chamadas taxas de impostos ou taxas impositivas, sobre un valor particular, a base de impostos. Un imposto "Ad Valorem" é aquel para o cal o imposto base é o valor dun ben, un servizo ou unha propiedade. Os impostos de vendas, tarifas, impostos de propiedade, impostos de herdanza e impostos ao valor engadido ou agregado son diferentes tipos de impostos Ad Valorem. Un imposto Ad Valorem é xeralmente aplicado no momento dunha transacción (imposto ao valor engadido), mais pode ser aplicado tamén anualmente (imposto á propiedade) ou en conexión cun evento especial (imposto á herdanza). A alternativa ao imposto Ad Valorem é un imposto de taxa fixa, onde a taxa base é a cantidade de algo, sen importar o seu prezo: por exemplo, no Reino Unido recádase un imposto sobre a venda de bebidas alcohólicas que se calcula sobre a cantidade de alcohol vendido no canto do prezo da bebida.
Impostos progresivos e regresivos
editarUnha cualidade importante dos sistemas de impostos é se estes son planos (a porcentaxe non é dependente da base), regresivo (a maior ganancia menor taxa de impostos) ou progresivo (a maior ganancia maior taxa de impostos). Os impostos progresivos reducen a presión sobre persoas de menores ganancias, xa que pagan un menor porcentaxe sobre as súas ganancias. Isto pode ser visto como algo bo en si mesmo ou pode ser feito por razóns pragmáticas, xa que simplifica a recadación, ao requirir menores rexistros e complexidade.
Impostos directos e indirectos
editarOs impostos directos aplícanse de xeito directa sobre o patrimonio, afectando principalmente ás ganancias ou pertenzas como a propiedade de autos ou casas. O imposto directo máis importante é o imposto sobre a renda (IRPF).
Os impostos indirectos afectan a persoas distintas do contribuínte. Noutros termos, o contribuínte que allea bens ou presta servizos, traslada a carga do imposto a quen os adquiren ou reciben. Dentro destes atópanse o Imposto sobre o valor engadido (IVE, imposto ao consumo das persoas e empresas) e o imposto especial sobre produción e servizos (EPS, imposto a gasolinas, alcohois e tabacos).
Tipos de impostos
editarA clasificación de impostos da OCDE é a seguinte:
- Impostos sobre a renda (ISR), os beneficios e as ganancias de capital
- Impostos individuais sobre a renda, beneficios e ganancias de capital
- Impostos de sociedades sobre a renda, beneficios e ganancias de capital
- Outros
- Contribucións á Seguridade Social
- Traballadores
- Empresarios
- Autónomos e empregados
- Impostos sobre nóminas de traballadores e man de obra
- Impostos sobre a propiedade
- Impostos periódicos sobre a propiedade inmobiliaria
- Impostos periódicos sobre a riqueza neta
- Impostos sobre herdanzas, sucesións e doazóns
- Impostos sobre transaccións financeiras e de capital
- Impostos non periódicos.
- Impostos sobre bens e servizos
- Impostos sobre produción, venda, transferencias, arrendamento e distribución de bens e prestación de servizos
- Impostos sobre bens e servizos específicos
- Impostos sobre uso ou permiso de uso ou desenvolvemento de actividades relacionadas con bens específicos (licenzas)
- Outros impostos
- Pagados exclusivamente por negocios
- Outros
Exemplos de impostos existentes
editar- Imposto sobre o valor engadido (IVE). Aplícase a artigos vendidos e segundo o produto varía a carga do imposto. En España é do 19 %.
- Imposto sobre a renda (IRPF)
- Imposto sobre sociedades
- Imposto de circulación. Aplícase a vehículos. En España depende da cilindrada e do número de cilindros.
- Imposto sobre hidrocarburos. Aplícase aos carburantes e combustíbeis e constitúe a maior parte do prezo destes.
- Imposto á herdanza ou Imposto sobre transmisións patrimoniais
- Imposto sobre o alcohol
- Imposto sobre o tabaco
- Impuesto sobre actividades económicas
- Impostos dos Concellos
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Imposto |