Sartego dos esposos

(Redirección desde «Sarcófago dos esposos»)

O sartego dos esposos (en italiano: sarcofago degli sposi), de finais do século VI a. e. c., é unha urna funeraria etrusca antropoide. Ten 1,14 metros de alto por 1,9 metros de longo e está feito de terracota, estando pintado antigamente.[1] O sartego amosa unha parella casada reclinándose nun banquete na outra vida (nunha escena similar ás dos vasos gregos contemporáneos). Foi achado nunhas escavacións do século XIX na necrópole da Banditaccia de Cerveteri (a antiga Caere).

Sartego dos esposos na Villa Giulia, Roma.

As facianas sorrintes, os ollos en forma de améndoa e o cabelo longo trenzado, do mesmo xeito que a forma dos pés da cama, revelan influencias gregas. O marcado contraste entre os bustos de altorrelevo e as pernas algo esmagadas é tipicamente etrusco. O interese do artista etrusco centrouse na metade superior das figuras, e especialmente nas faces vibrantes e brazos xesticulantes.

Esta obra atópase exhibida no Museo Nacional Etrusco de Villa Giulia. É moi similar ao sartego de Cerveteri, e posibelmente ambas as obras foron realizadas polo mesmo artista. As dúas retratan o afecto entre un home e unha muller.

  1. Kleiner, Fred S. (2010). A History of Roman Art, Enhanced Edition, p. xxxi. Wadsworth, Cenage Learning.

Bibliografía

editar
  • Barral i Altet, Xavier (1987). Historia Universal del Arte. Volume II. Barcelona: Planeta. ISBN 84-320-8902-8.